Preguntas dos lectores
A que se referiu Xesús cando dixo “Non vaiades pensar que vin traer paz”?
Xesús ensinoulles ás persoas a ser pacíficas unhas con outras. Pero nunha ocasión díxolles o seguinte ós seus apóstolos: “Non vaiades pensar que vin traer paz á terra: non vin traer paz senón espada. Porque vin enfronta-lo home co seu pai, a filla coa súa nai, a nora coa súa sogra” (Mt. 10:34, 35). A que se referiu Xesús cando dixo estas palabras?
Xesús non quería causar división entre os membros das familias, pero sabía que as súas ensinanzas poderían provocar isto nalgúns casos. Polo tanto, se alguén quería ser o seu discípulo e bautizarse, debía saber que esa decisión podería non gustarlle demasiado a algún dos seus familiares. Ás veces, incluso sufriría oposición do seu home, da súa muller ou doutros parentes. Isto podería facerlle máis difícil permanecer fiel ás ensinanzas de Cristo.
A Biblia anima os cristiáns a manter “a paz con tódolos homes” (Rm. 12:18). Pero as ensinanzas de Xesús poden ser coma unha “espada” nalgunhas familias. Por exemplo, ás veces alguén acepta as ensinanzas de Xesús, mentres que outros familiares as rechazan e se opoñen a elas. Cando isto ocorre, estes familiares convértense en “inimigos” dos que están aprendendo a verdade da Biblia (Mt. 10:36).
Os discípulos de Cristo que viven con familiares que pertencen a outra relixión quizais se enfronten a situacións que poñan a proba o seu amor por Xehová e Xesús. Por exemplo, pode que estes familiares lles insistan para que celebren unha festa que non lle agrada a Xehová. Que deberían facer nese caso? Xesús dixo: “Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min” (Mt. 10:37). Por suposto, Xesús non quixo dicir que os seus discípulos tivésemos que amar menos os nosos pais para que se nos considerase dignos del. Máis ben, estábanos ensinando a saber cales son as cousas máis importantes na vida. Se temos familiares que se opoñen a que sirvamos a Deus, non deixamos de querelos, pero amamos máis a Xehová.
Non hai dúbida de que a oposición familiar pode causar moita dor. Aínda así, os discípulos de Xesús deben recordar as seguintes palabras: “Quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min” (Mt. 10:38). É dicir, os cristiáns teñen que ver a oposición familiar como parte do que deben estar dispostos a sufrir por ser discípulos de Cristo. Pero tamén esperan que a súa boa conduta motive os seus familiares a cambiar a súa forma de pensar e a aprender o que di a Biblia (1 Pe. 3:1, 2).