BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 marzo páxs. 2-7
  • Non esperes máis, bautízate!

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Non esperes máis, bautízate!
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • OS SAMARITANOS BAUTIZÁRONSE
  • SAULO DE TARSO BAUTIZOUSE
  • CORNELIO BAUTIZOUSE
  • OS CORINTIOS BAUTIZÁRONSE
  • A TÚA FE PODE MOVER MONTAÑAS
  • Sigue “constantemente” a Xesús despois de bautizarte
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Estás preparado para dedicarte a Xehová?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Estás preparado para bautizarte?
    Desfruta da vida para sempre! Curso da Biblia interactivo
  • Apunta as respostas ás seguintes preguntas
    2025-2026 Programa para o Congreso de Circuíto con Superintendente de Circuíto
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 marzo páxs. 2-7

ARTIGO DE ESTUDO 9

CANCIÓN sjj 52 A dedicación cristiá

Non esperes máis, bautízate!

“Entón, a que esperas? Levántate, bautízate” (FEIT. 22:16).

OBXECTIVO

Encontrar a motivación que necesitas para chegar ó bautismo analizando o exemplo dos samaritanos, Saulo de Tarso, Cornelio e os corintios.

1. Cales son algunhas boas razóns para bautizarse?

AMAS a Xehová Deus, quen che deu tódalas cousas boas que tes, incluída a vida? Desexas demostrarlle o moito que o queres? Pois a mellor maneira de facelo é dedicándote a el e, despois, simbolizando a túa dedicación mediante o bautismo en auga. Desta forma chegas a ser parte da familia de Xehová. Así que, como lle pertencerás, o teu Pai e Amigo guiarate e coidará de ti (Sal. 73:24; Is. 43:1, 2). Ademais, a dedicación e o bautismo danche a esperanza de desfrutar da vida para sempre (1 Ped. 3:21).

2. Que veremos neste artigo?

2 Quizais hai algo que te fai dubidar de se bautizarte ou non. Se é así, non es o único. Millóns de persoas antes ca ti tiveron que facer cambios na súa conduta e na súa maneira de pensar para poder bautizarse, pero agora serven a Xehová con alegría e entusiasmo. Que podes aprender dalgúns dos que se bautizaron no primeiro século? Vexamos certos obstáculos ós que se tiveron que enfrontar e leccións que podemos sacar do seu exemplo.

OS SAMARITANOS BAUTIZÁRONSE

3. A que obstáculos se enfrontaron posiblemente algúns samaritanos para bautizarse?

3 Os samaritanos pertencían a un grupo relixioso que había nos días de Xesús. Moitos deles vivían nos arredores de Siquem e Samaria, dúas cidades ó norte de Xudea. Antes de bautizarse, os samaritanos tiñan que aceptar toda a Palabra de Deus e aprender máis sobre ela. Eles crían que os únicos libros da Biblia inspirados eran os cinco primeiros —dende a Xénese ata Deuteronomio— e posiblemente tamén o libro de Xosué. Pero baseándose na promesa de Deus rexistrada en Deuteronomio 18:18, 19, esperaban que viñese o Mesías (Xoán 4:25). Para poder bautizarse tiñan que aceptar que Xesús era o Mesías prometido, e iso é xusto o que fixeron “moitos samaritanos” (Xoán 4:39). Ademais, algúns posiblemente tiveron que superar o prexuízo tan arraigado que había entre eles e os xudeus (Luc. 9:52-54).

4. Segundo Feitos 8:5, 6, 14, como responderon algúns samaritanos á predicación de Felipe?

4 Que lles axudou ós samaritanos a bautizarse? Cando Felipe o evanxelizador lles predicou “acerca do Cristo”, algúns samaritanos “[aceptaron] a palabra de Deus” (le Feitos 8:5, 6, 14). Non se negaron a escoitalo, aínda que era xudeu. Quizais recordaron as palabras do Pentateuco que din que Deus non é parcial (Deut. 10:17-19). Aquelas persoas “estaban moi atentas ó que dicía” sobre o Cristo. Ademais, Felipe facía moitos milagres, como curar enfermos e expulsar demos (Feit. 8:7). Ó ver todo isto, recoñeceron as evidencias de que fora enviado por Deus.

5. Que podes aprender dos samaritanos?

5 Estes samaritanos puideron rechazar que Felipe lles ensinase porque era xudeu e porque nunca antes escoitaran aquelas ensinanzas. Pero non deixaron que isto pasase. Eles non atrasaron o seu bautismo unha vez que estiveron convencidos de que Felipe ensinaba a verdade. O relato bíblico explica: “Cando Felipe lles anunciou as boas noticias do Reino de Deus e do nome de Xesucristo, tanto homes coma mulleres creron no que el lles dicía e bautizáronse” (Feit. 8:12). E ti? Estás seguro de que a Palabra de Deus é a verdade? Estás convencido de que as testemuñas de Xehová superaron o prexuízo e demostran o amor que Xesús dixo que identificaría os seus verdadeiros seguidores? (Xoán 13:35) Pois entón non teñas medo de bautizarte. Podes confiar en que Xehová te bendicirá.

6. Como che pode axudar o exemplo de Ruben?

6 Ruben, quen vive en Alemaña, creceu nunha familia de Testemuñas. Pero cando era novo tivo dúbidas sobre a existencia de Xehová. Que lle axudou a superalas? Deuse conta de que non sabía o suficiente sobre o tema, así que decidiu aprender máis. El dixo: “No meu estudo persoal tiven que facerlles fronte ás miñas dúbidas e analizar o tema da evolución varias veces”. Entón leu o libro ¿Existe un Creador que se interese por nosotros? Esta publicación fortaleceu moito a súa fe porque lle axudou a ver que Deus é real. Ademais, ó visitar a sede central, aumentou o seu aprecio pola nosa irmandade internacional, que está moi unida. Cando volveu a Alemaña, Ruben bautizouse. Daquela tiña 17 anos. Se tes dúbidas sobre a Biblia, Deus ou algún outro tema, investiga nas nosas publicacións. As dúbidas poden superarse con coñecemento exacto (Ef. 4:13, 14). Ademais, escoitar experiencias sobre o amor e a unidade do pobo de Xehová noutras partes do mundo e velo na túa propia congregación, aumentará o teu cariño pola nosa irmandade mundial.

SAULO DE TARSO BAUTIZOUSE

7. Que maneira de pensar tivo que corrixir Saulo?

7 Vexamos o exemplo de Saulo de Tarso. El recibira unha moi boa educación na lei xudía e estaba conseguindo unha posición moi importante (Gál. 1:13, 14; Filip. 3:5). Naquela época, moitos xudeus vían os cristiáns como apóstatas. Por iso Saulo os perseguiu con moita violencia. Pensaba erroneamente que desta maneira estaba facendo a vontade de Deus (Feit. 8:3; 9:1, 2; 26:9-11). Se el agora quería poñer fe en Xesús e chegar a bautizarse como cristián, tiña que estar disposto a que o perseguisen.

8. a) Que lle axudou a Saulo a bautizarse? b) Segundo Feitos 22:12-16, como lle axudou Ananías a Saulo? (Ver tamén a imaxe).

8 Que lle axudou a Saulo a bautizarse? Cando Xesús falou con el dende o ceo, unha luz moi brillante cegouno (Feit. 9:3-9). Durante tres días fixo xaxún e seguramente meditou moito no que lle acababa de pasar. Ó final chegou a estar convencido de que Xesús era o Mesías e de que os seus seguidores practicaban a relixión verdadeira. Seguro que sentiu moitos remordementos por participar na morte de Esteban (Feit. 22:20). Cando acabaron eses tres días, un discípulo chamado Ananías acercouse a el cariñosamente, curoulle a cegueira e animouno a non atrasar o seu bautismo (le Feitos 22:12-16). Saulo aceptou con humildade a axuda e empezou unha nova vida (Feit. 9:17, 18).

Saulo entrando na auga para bautizarse. Hai unhas poucas persoas que están observando moi felices.

Ananías animou a Saulo a bautizarse, e el aceptou. Seguirás ti o seu exemplo? (Ver o parágrafo 8).


9. Que podes aprender de Saulo?

9 Hai varias leccións que podemos aprender do exemplo de Saulo. El puido deixar que o orgullo e o temor ó home lle impedisen bautizarse, pero non o permitiu. Demostrando moita humildade, fixo cambios na súa vida para chegar a ser seguidor de Cristo (Feit. 26:14, 19). El estaba disposto a facerse cristián, aínda que sabía que sería perseguido (Feit. 9:15, 16; 20:22, 23). Despois de bautizarse, seguiu confiando en que Xehová lle daría as forzas necesarias para aguantar as diferentes probas (2 Cor. 4:7-10). No teu caso, unha vez que te bautices como testemuña de Xehová, quizais teñas que enfrontarte a dificultades ou probas de fe, pero terás axuda. Podes estar seguro de que Deus e Cristo sempre che darán o apoio que necesites para manterte leal (Filip. 4:13).

10. Como che pode axudar o exemplo de Anna?

10 Anna creceu nunha familia kurda do leste de Europa. Despois de que súa nai se bautizase e co permiso do seu pai, Anna empezou a estudar a Biblia con 9 anos. Toda a familia de Anna vivía na mesma casa e, cando souberon que estudaba a Biblia, empezaron a opoñerse. Para eles era unha deshonra que alguén deixase a relixión dos antepasados. Cando tiña 12 anos, Anna preguntoulle ó seu pai se podía bautizarse. Pero, antes de responderlle, el quería saber se esta era unha decisión persoal de Anna ou se alguén lle estaba insistindo para que o fixese. Entón ela respondeulle: “Eu amo a Xehová”. Así que seu pai permitiu que se bautizase. Máis adiante, os seus familiares seguiron tratándoa mal. Un deles díxolle: “Era mellor que levases unha vida inmoral e fumases que facerte testemuña de Xehová”. Como puido soportar todo isto? Ela conta: “Xehová axudoume a ser forte, e miña nai e meu pai apoiáronme moito”. Anna ten unha lista de momentos específicos nos que notou que Deus lle axudou na súa vida, e míraa de vez en cando para non esquecerse. Se tes medo de enfrontarte a oposición, recorda que Xehová tamén che axudará a ti (Heb. 13:6).

CORNELIO BAUTIZOUSE

11. A que circunstancias se enfrontou Cornelio?

11 A Biblia tamén menciona o exemplo de Cornelio. El era “un centurión”, é dicir, un comandante do exército romano que tiña 100 soldados ó seu cargo (Feit. 10:1, nota). Así que é posible que tivese un status social e militar moi elevado. Ademais “axudaba moito ós necesitados” (Feit. 10:2). Xehová enviou o apóstolo Pedro para anunciarlle as boas noticias. Podería a posición de Cornelio facer que atrasase o seu bautismo?

12. Que lle axudou a Cornelio a bautizarse?

12 Que lle axudou a Cornelio a bautizarse? A Biblia di que “era un home devoto que temía a Deus con tódolos da súa casa”. Ademais suplicáballe a Xehová constantemente (Feit. 10:2). Cando Pedro lle predicou as boas noticias, tanto el coma a súa familia puxeron fe en Cristo e bautizáronse rapidamente (Feit. 10:47, 48). É evidente que Cornelio estaba disposto a facer calquera cambio que fose necesario para poder adorar a Xehová xunto coa súa familia (Xos. 24:15; Feit. 10:24, 33).

13. Que podes aprender de Cornelio?

13 Igual que Saulo, Cornelio puido permitir que a súa posición lle impedise facerse cristián. Pero non deixou que isto pasase. E ti? Tes que facer cambios importantes para bautizarte? Nese caso, Xehová será o teu Axudante. El bendicirá a túa determinación de aplicar os principios bíblicos na túa vida para poder servilo.

14. Como che pode axudar o exemplo de Tsuyoshi?

14 Tsuyoshi, do Xapón, tiña que facer cambios no seu traballo para poder bautizarse. Era axudante do director de Ikenobo, unha escola moi importante onde se ensina a facer arranxos florais. Cando o director non podía asistir ós funerais, a miúdo tiña que ir Tsuyoshi en representación súa, e isto implicaba participar en rituais budistas. Pero cando aprendeu a verdade sobre a morte, esta práctica converteuse nun obstáculo para bautizarse. Así que decidiu non volver a participar nestes rituais e foi falar co director sobre o asunto (2 Cor. 6:15, 16). Cal foi o resultado? Puido manter o traballo sen ter que participar nos rituais e chegou a bautizarse arredor dun ano despois de empezar a estudar a Biblia.a Se tes que facer cambios no teu emprego para agradar a Deus, podes estar seguro de que vos dará a ti e á túa familia o que necesitades (Sal. 127:2; Mat. 6:33).

OS CORINTIOS BAUTIZÁRONSE

15. A que obstáculos se enfrontaron os corintios para bautizarse?

15 A antiga cidade de Corinto era coñecida polo materialismo e a inmoralidade. Moitos dos que vivían alí levaban estilos de vida que non lle agradan a Deus. É evidente que para a xente que vivía naquel ambiente era moi difícil empezar a servir a Xehová. Aínda así, cando o apóstolo Paulo chegou a aquela cidade e predicou as boas noticias sobre o Cristo, “moitos corintios que escoitaron a mensaxe tamén creron e bautizáronse” (Feit. 18:7-11). Despois, o Señor Xesucristo aparecéuselle a Paulo nunha visión e díxolle: “Teño moita xente nesta cidade”. Así que Paulo seguiu predicando alí durante un ano e medio.

16. Que lles axudou ós corintios a superar os obstáculos para bautizarse? (2 Corintios 10:4, 5).

16 Que lles axudou ós corintios a bautizarse? (Le 2 Corintios 10:4, 5) A Biblia e mais o poderoso espírito santo de Deus axudáronlles a facer cambios drásticos na súa vida (Heb. 4:12). Os corintios que aceptaron as boas noticias sobre o Cristo foron capaces de deixar atrás hábitos e prácticas, como a borracheira, o roubo e a homosexualidade (1 Cor. 6:9-11).b

17. Que podes aprender dos corintios?

17 Fíxate en que, a pesar de que algúns corintios tiñan que superar hábitos moi arraigados, non pensaron que para eles sería demasiado difícil facerse cristiáns. Esforzáronse moito por andar polo camiño estreito que leva á vida eterna (Mat. 7:13, 14). E ti? Estás loitando por superar un mal hábito para poder bautizarte? Nunca deixes de loitar! Suplícalle a Xehová que o seu espírito santo che axude a resistir o desexo de facer o que está mal.

18. Como che pode axudar o exemplo de Monika?

18 Monika, que vive en Xeorxia, tivo que esforzarse moito para deixar a fala vulgar e o entretemento non apropiado e así poder bautizarse. Ela conta: “Na miña adolescencia, a oración dábame forzas. Xehová sabía que eu quería facer o correcto e sempre me guiaba e me axudaba”. Monika bautizouse con 16 anos. No teu caso, hai prácticas que teñas que deixar para poder servir a Xehová dunha maneira que el acepte? Pois sigue pedíndolle poder para facer os cambios necesarios. Xehová dá o seu espírito santo con xenerosidade (Xoán 3:34).

A TÚA FE PODE MOVER MONTAÑAS

19. Que che pode axudar a superar obstáculos parecidos a montañas? (Ver tamén a imaxe).

19 Podes estar seguro de que Xehová te quere e desexa que formes parte da súa familia. Isto é así sen importar as dificultades que teñas para poder bautizarte. Xesús díxolle o seguinte a un grupo de discípulos seus do primeiro século: “Se a vosa fe é do tamaño dun gran de mostaza, dirédeslle a esta montaña ‘Móvete de aquí para alí’ e moverase. E nada será imposible para vós” (Mat. 17:20). Os que escoitaron estas palabras levaban poucos anos con Xesús, así que a súa fe aínda estaba medrando. Pero Xesús aseguroulles que, se conseguían ter unha fe forte, Xehová axudaríalles a mover obstáculos parecidos a montañas. A ti tamén che axudará a conseguir o mesmo!

Un grupo de irmáns moi contentos nun congreso aplaudindo cando pasan os que se acaban de bautizar.

Podes estar seguro de que Xehová te quere e de que desexa que formes parte da súa familia (ver o parágrafo 19).c


20. Como te motivaron os exemplos dos cristiáns do primeiro século e da actualidade mencionados neste artigo?

20 Se hai algo na túa vida que che está impedindo bautizarte, actúa inmediatamente para superalo. Os exemplos dos cristiáns do primeiro século e da actualidade poden darche moito consolo e forzas. Que o seu bo exemplo te anime e te impulse a dedicarte a Xehová e bautizarte. Non hai decisión mellor ca esta!

QUE APRENDICHES DESTES CRISTIÁNS DO PRIMEIRO SÉCULO SOBRE COMO SUPERAR OS OBSTÁCULOS PARA BAUTIZARTE?

  • Os samaritanos

  • Saulo de Tarso e Cornelio

  • Os corintios

CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas

a A biografía do irmán Tsuyoshi Fujii, aparece na revista Despertad! do 8 de agosto de 2005 páxinas 20 a 23 (dispoñible en español).

b Mira en jw.org o vídeo Por que estás pospoñendo a decisión de bautizarte?

c DESCRICIÓN DA IMAXE.: Un grupo de irmáns e irmás dándolles a benvida con cariño ós que acaban de bautizarse.

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir