Carta ós Efesios
5 Así que imitade a Deus como fillos queridos 2 e seguide demostrando amor*, igual que o Cristo tamén nos* amou e se entregou por nós* como ofrenda e sacrificio, un aroma agradable para Deus.
3 Que a inmoralidade sexual*, calquera tipo de impureza* ou a cobiza* nin sequera se mencionen entre vós, tal e como é propio de persoas santas. 4 Que tampouco haxa comportamentos vergonzosos nin palabras insensatas nin bromas obscenas, que son cousas que non son apropiadas. En vez diso, dade grazas. 5 Porque sabedes e entendedes moi ben que ninguén que sexa sexualmente inmoral*, ninguén que sexa impuro* e ninguén que se deixe levar pola cobiza (que é o mesmo que ser idólatra) ten herdanza no Reino do Cristo e de Deus.
6 Non deixedes que ninguén vos engane con palabras baleiras, porque a ira de Deus virá sobre os desobedientes* debido a esas cousas. 7 Así que non sexades os seus cómplices. 8 Antes erades escuridade, pero agora sodes luz porque estades unidos ó Señor. Seguide andando coma fillos da luz, 9 porque a luz produce* todo tipo de bondade, xustiza e verdade. 10 Seguide asegurándovos do que lle agrada ó Señor 11 e deixade de participar nas obras inútiles* que pertencen á escuridade. En vez diso, poñédeas ó descuberto. 12 Porque incluso dá vergonza dicir as cousas que esa xente fai en segredo. 13 A luz pon ó descuberto* tódalas cousas, así que tódalas cousas que están postas ó descuberto convértense en luz. 14 Por iso se di: “Desperta, ti que estás durmindo, e resucita* de entre os mortos, e o Cristo fará que a luz brille sobre ti”.
15 Así que tede moitísimo coidado para non comportarvos* coma parvos, senón coma sabios, 16 aproveitando o tempo da mellor maneira posible*, porque os días nos que vivimos son malos. 17 Por iso deixade de ser insensatos e entendede cal é a vontade de Xehová*. 18 Ademais, non vos emborrachedes*, porque iso leva ós excesos*. En vez diso, seguídevos enchendo do espírito de Deus. 19 Faládevos uns ós outros* con salmos, louvanzas a Deus e cancións espirituais, cantando e tocando música para Xehová* de todo corazón*, 20 dándolle sempre as grazas por todo ó noso Deus e Pai no nome do noso Señor Xesucristo.
21 Respectade a autoridade uns doutros* polo profundo respecto que lle tedes a* Cristo. 22 Que as mulleres que están casadas respecten a autoridade dos* seus maridos igual que ó Señor. 23 Porque o marido é cabeza da súa muller, igual que o Cristo é cabeza da congregación, xa que el é o salvador deste corpo*. 24 De feito, igual que a congregación respecta a autoridade do* Cristo, as mulleres tamén deben respectar sempre a autoridade dos* seus homes. 25 Maridos, seguide amando as vosas mulleres igual que o Cristo tamén amou a congregación e se entregou por ela. 26 Fixo isto para santificala, purificándoa coa palabra de Deus, coma se fose cun baño de auga 27 para presentar a congregación diante de si mesmo en todo o seu esplendor, sen manchas nin defectos nin ningunha desas cousas, senón santa e sen falta.
28 Da mesma maneira, os homes que están casados deben amar ás súas mulleres como aman os seus propios corpos. O home que ama á súa muller ámase a si mesmo, 29 porque nunca houbo ninguén que odiase o seu propio corpo*. En vez diso, todo o mundo o alimenta e o coida con cariño, igual que fai o Cristo coa congregación, 30 porque todos formamos parte* do seu corpo. 31 Por esa razón, o home deixará o seu pai e a súa nai, unirase* á súa muller e os dous serán unha soa carne*. 32 Este segredo sagrado é grande. Agora estou falando de Cristo e da congregación. 33 En calquera caso, cada un de vós debe amar á súa muller tal como se ama a si mesmo e a muller debe respectar profundamente ó seu marido.