BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • lf pregunta 4 páxs. 22-29
  • Veñen tódalas formas de vida dun antepasado común?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Veñen tódalas formas de vida dun antepasado común?
  • A orixe da vida. Cinco preguntas que merecen resposta
  • Subtítulos
  • BÓTASE ABAIXO A ÁRBORE DE DARWIN
  • QUE DI O REXISTRO FÓSIL?
  • PROBLEMAS COA “PROBA”
  • QUE MOSTRA A “PELÍCULA”?
A orixe da vida. Cinco preguntas que merecen resposta
lf pregunta 4 páxs. 22-29

PREGUNTA 4

Veñen tódalas formas de vida dun antepasado común?

A árbore da vida de Charles Darwin mostra algunhas especies e os seus antepasados comúns.

Darwin pensaba que tódolos organismos vivos compartían un antepasado común e imaxinaba a historia da vida na Terra coma unha árbore moi grande. Co tempo, outros creron que o tronco desa “árbore da vida” se formou coa aparición das primeiras células simples. E pensaron que del saíran novas especies dando lugar a ramas (familias de plantas e animais) e ramiñas (tódalas especies incluídas nas familias actuais). Foi iso o que pasou?

Que afirman moitos científicos? Moitos dan a entender que o rexistro fósil apoia a teoría da orixe común da vida. E afirman que toda forma de vida tivo un antepasado común porque todos utilizan un mesmo tipo de “linguaxe informática”, ou ADN.

Que di a Biblia? O relato da Xénese di que as plantas, as criaturas mariñas, os animais terrestres e as aves foron creados “conforme á súa especie”, é dicir, segundo os seus “xéneros” (Xénese 1:11, 12, 20-25).a Esta descrición deixa unha marxe para que haxa variacións dentro dun mesmo “xénero”. Pero tamén implica a existencia de barreiras que separan un xénero doutro e que non se poden traspasar. O relato da creación tamén implicaría que no rexistro fósil aparecesen de repente os novos tipos de criaturas xa completamente formados.

Que revelan as probas? Apoian as probas a descrición bíblica dos feitos, ou danlle a razón a Darwin? Que demostraron os descubrimentos dos pasados cento cincuenta anos?

BÓTASE ABAIXO A ÁRBORE DE DARWIN

Nos últimos anos, os científicos conseguiron comparar o código xenético de decenas de organismos unicelulares, plantas e animais. Supoñían que eses estudos confirmarían a “árbore da vida” chea de ramas proposta por Darwin. Pero iso non foi o que pasou.

Que revelou a investigación? O biólogo Malcolm S. Gordon escribiu en 1999: “Ó parecer, a vida tivo múltiples orixes. A base da árbore da vida universal non consistiu nunha única raíz”. Entón, hai probas de que as principais ramas de vida estean conectadas a un só tronco como pensaba Darwin? Gordon segue dicindo: “A versión tradicional da teoría do antepasado común non parece ser aplicable ós reinos tal e como se coñecen hoxe. É probable que tampouco sexa aplicable a moitos, ou a ningún, dos filos, e posiblemente tampouco a moitas das clases dentro dos filos”.b29

Estudos recentes seguen demostrando que non hai probas que apoien a teoría de Darwin dun antepasado común. A revista New Scientist publicou en 2009 un artigo no que citou as palabras do científico Eric Bapteste: “Non temos ningunha proba de que a árbore da vida sexa unha realidade”.30 O mesmo artigo recolle este comentario do biólogo Michael Rose: “A árbore da vida está sendo enterrada con discreción, iso sabémolo todos. Máis difícil de aceptar é o feito de que a nosa visión fundamental da bioloxía ten que cambiar por completo”.c31

QUE DI O REXISTRO FÓSIL?

Moitos científicos utilizan o rexistro fósil para defender a idea de que a vida xurdiu dun antepasado común. Por exemplo, argumentan que ese rexistro apoia a idea de que os peixes se transformaron en anfibios e os réptiles en mamíferos. Pero é iso certo?

O paleontólogo evolucionista David M. Raup observa: “En lugar de encontrarse co desenvolvemento gradual da vida, o que realmente encontraron os xeólogos contemporáneos de Darwin —e seguen encontrando os xeólogos actuais— é un rexistro bastante irregular. As especies aparecen na secuencia moi bruscamente, mostran pouco ou ningún cambio durante a súa existencia no rexistro e de repente desaparecen del”.32

A verdade é que a inmensa maioría dos fósiles demostran estabilidade nos tipos de criaturas durante longos períodos de tempo. Non indican que un tipo evolucionou para chegar a ser outro. As estruturas corporais distintivas aparecen de repente, e tamén as características novas. Por exemplo, o morcego, cos seus sistemas de sonar e ecolocalización, aparece sen ningún nexo evidente cun antepasado máis primitivo.

De feito, máis da metade das principais divisións da vida animal xurdiron nun período de tempo relativamente curto. No rexistro fósil aparecen de repente moitas formas de vida novas e distintas. Por iso os paleontólogos lle chaman a este período “a explosión cámbrica”. Cando tivo lugar o período cámbrico?

Supoñendo que os cálculos dos investigadores sexan correctos, podemos representar a historia da Terra cunha liña do tempo que teña unha lonxitude dun campo de fútbol duns 100 metros (1). A esta escala, terías que camiñar case 90 metros ata chegar ó que os paleontólogos chaman o período cámbrico (2). As principais divisións da vida animal aparecen no rexistro fósil durante unha parte moi pequena deste período. Con canta rapidez? Se segues camiñando, todas estas diferentes criaturas aparecen en menos espazo do que percorres nun paso.

Unha liña do tempo do tamaño dun campo de fútbol mostra o comezo da historia da Terra e o tempo transcorrido ata a ‘explosión cámbrica’.

A aparición tan rápida destas diversas formas de vida fixo que algúns investigadores se cuestionasen a versión tradicional da teoría de Darwin. Por exemplo, o biólogo Stuart Newman expuxo nunha entrevista en 2008 a necesidade dunha nova teoría evolutiva que explique a repentina aparición de novas formas de vida. Dixo: “Penso que o mecanismo darwinista utilizado para explicar todo cambio evolutivo quedará relegado e pasará a ser un máis entre moitos, quizais nin sequera o máis importante, para comprender a macroevolución, a evolución das principais transicións nos tipos corporais”.33

PROBLEMAS COA “PROBA”

Tamaño dos fósiles segundo os libros de texto e o seu tamaño relativo real.

Por que alteran algúns libros de texto a escala dos fósiles das secuencias propostas?

Esquerda: escala dos fósiles como aparece nos libros de texto

Dereita: tamaño relativo real

Que pasa cos fósiles utilizados para representar a transformación de peixes en anfibios e de réptiles en mamíferos? Son unha proba sólida do proceso da evolución? Cando investigamos un pouco máis, aparecen varios problemas.

Para empezar, cando se representa nos libros de texto a secuencia de réptiles a mamíferos, ás veces utilízase un tamaño comparativo que dá lugar a engano. En vez de ser dun tamaño similar, como se representan, a realidade é que unhas criaturas son enormes e outras moi pequenas.

Outro problema moito máis serio é a falta de probas de que estas criaturas estean emparentadas dalgunha maneira. Calcúlase que normalmente hai millóns de anos de separación entre unhas e outras. O zoólogo Henry Gee di sobre o asunto: “Os intervalos de tempo que hai entre os fósiles son tan enormes que non podemos dicir nada definitivo sobre a súa posible conexión por ascendencia ou descendencia”.d34

Falando dos fósiles de peixes e anfibios, o biólogo Malcolm S. Gordon sinala que son só unha pequena “mostra, posiblemente moi pouco representativa, da biodiversidade que existía neses grupos en épocas pasadas”. E engade: “Non temos forma de saber ata que punto aqueles organismos específicos tiveron importancia en sucesos posteriores ou que relación de parentesco os unía”.e35

Un gráfico mostra os supostos parentescos entre diferentes clases de animais.

QUE MOSTRA A “PELÍCULA”?

Un artigo da revista National Geographic publicado en 2004 comparou o rexistro fósil a “unha película sobre a evolución da cal se perderon 999 de cada 1000 fotogramas no cuarto de edición”.36 Imos analizar o que implica este exemplo.

Unha bobina de película e uns fotogramas.

Se “95 fotogramas” do rexistro fósil mostran que os animais non evolucionan dun tipo a outro, por que ordenan os paleontólogos os outros “cinco fotogramas” para dar a entender o contrario?

Imaxina que atopas 100 fotogramas dunha película que orixinalmente tiña 100.000. Como poderías saber cal é o argumento da película? Poida que teñas unha idea preconcibida. Pero que pasaría se só houbese cinco fotogramas que puideses ordenar de tal maneira que apoiasen a túa idea e que os outros 95 contasen unha historia totalmente diferente? Sería lóxico insistir en que a túa idea é a correcta baseándote só neses cinco fotogramas? Podería ser que a orde na que os puxeches sexa a que se adapta á túa teoría? Non sería mellor que tiveses tamén en conta os outros 95 fotogramas?

Que ten que ver este exemplo coa maneira na que os evolucionistas ven o rexistro fósil? Durante anos, os investigadores non admitiron que a inmensa maioría dos fósiles (os 95 fotogramas da película) mostraban que as especies permanecen case invariables ó longo do tempo. Por que ese silencio sobre algo tan importante? O escritor Richard Morris di: “Polo visto, os paleontólogos adoptaran a idea tradicional do cambio evolutivo gradual e aferráranse a ela, a pesar de atopar probas que demostraban o contrario. Levaban tempo tratando de interpretar a evidencia fósil baseándose nas ideas aceptadas da evolución”.37

“Coller unha serie de fósiles e asegurar que representan unha liñaxe non é unha hipótese científica que se poida confirmar, senón unha afirmación que ten a mesma validez que un conto: é entretido, quizais instrutivo, pero non científico” (In Search of Deep Time— Beyond the Fossil Record to a New History of Life, por Henry Gee, páxinas 116 e 117).

E que pasa hoxe? Por que os evolucionistas seguen ordenando os fósiles de certa maneira? Será porque cadra coas ideas actuais sobre a evolución e non porque estea apoiada pola maioría das probas fósiles e xenéticas?f

Que pensas? Que conclusión cadra mellor coas probas? Imos repasar os feitos que analizamos ata agora.

  • A primeira forma de vida na Terra non tiña nada de “simple”.

  • As probabilidades de que os compoñentes da célula aparecesen por azar son ínfimas.

  • O ADN, o “programa informático” que fai funcionar a célula, é incriblemente complexo e demostra unha xenialidade que supera por moito calquera programa ou sistema de almacenamento de datos inventado polo home.

  • A investigación xenética indica que a vida non veu dun antepasado común. Ademais, os principais grupos de animais aparecen de repente no rexistro fósil.

Tendo en conta estes feitos, non cres que é razoable chegar á conclusión de que as probas están de acordo coa explicación bíblica sobre a orixe da vida? Pero hai quen afirma que a ciencia contradí gran parte do que a Biblia ensina sobre a creación. É certo iso? Que di exactamente a Biblia?

a No idioma orixinal, o termo bíblico que se traduce como “especie” ten un significado máis amplo. Por iso, non debe confundirse co que a ciencia considera na actualidade unha especie.

b O termo filo, utilizado en bioloxía, refírese a un gran grupo de animais que comparten o mesmo plan corporal distintivo. Un sistema de clasificación dos seres vivos utilizado nas ciencias consta de sete categorías. Cada unha é máis específica que a anterior. A primeira e máis xeral é o reino, seguida do filo, a clase, a orde, a familia, o xénero e a especie. Por exemplo, o cabalo pertence ó reino animal, filo cordados, clase mamíferos, orde perisodáctilos, familia équidos, xénero Equus, especie caballus.

c Hai que aclarar que o artigo de New Scientist e as declaracións de Bapteste e Rose non tiñan a intención de suxerir que a teoría da evolución está equivocada. Máis ben, sinalan que a árbore da vida proposta por Darwin, un fundamento da súa teoría, non conta co apoio das probas. Estes científicos seguen buscando unha explicación que encaixe coa teoría da evolución.

d Henry Gee non cuestiona a teoría da evolución, simplemente comenta as limitacións do coñecemento que presenta o rexistro fósil.

e Malcolm S. Gordon apoia a teoría da evolución.

f Mira o recadro “Está comprobada a evolución humana?”.

FEITOS E PREGUNTAS

  • Feito. Investigadores que non apoian o relato bíblico da creación cuestionaron dous dos fundamentos da evolución: que a vida ten unha orixe común e que a lenta acumulación de pequenos cambios produce novos tipos corporais.

    Pregunta. En vista do debate xerado arredor destes fundamentos da teoría de Darwin, pode afirmarse con honestidade que a súa versión da evolución é un feito científico?

  • Feito. Tódolos organismos vivos comparten un ADN, ou “linguaxe informática”, moi parecido que determina en gran parte a forma e as funcións das súas células.

    Pregunta. Podería ser que o parecido se debese, non a que viñesen do mesmo antepasado, senón a que tivesen o mesmo Deseñador?

Está comprobada a evolución humana?

Un cranio.

Se buscas sobre o tema da evolución humana, verás que moitos libros de texto e enciclopedias mostran unha serie de debuxos cunha criatura encurvada parecida a un simio, seguida por outras de postura máis erecta e cabeza máis desenvolvida ata chegar ó home moderno. Esas imaxes, xunto cos informes sensacionalistas sobre descubrimentos das partes da cadea evolutiva que faltan, chamadas “elos perdidos”, dan a impresión de que a evolución do home a partir dos simios está totalmente verificada. Apóianse esas afirmacións en probas sólidas? Mira o que din os investigadores evolucionistas sobre os seguintes aspectos.g

QUE MOSTRA A PROBA FÓSIL

Feito. A principios do século XX, os restos fósiles utilizados para apoiar a teoría de que o home e os simios evolucionaron dun antepasado común cabían nunha mesa de billar. Dende entón, o número aumentou. Agora dise que encherían un vagón de ferrocarril.38 Pero a inmensa maioría consiste unicamente en ósos e dentes soltos. É raro ver cranios enteiros e, máis aínda, esqueletos completos.39

Pregunta. Xa que cada vez hai máis fósiles atribuídos á “árbore familiar” do home, conseguiuse resolver o debate entre os expertos sobre cando e como evolucionaron os humanos a partir de criaturas parecidas a simios?

Resposta. Non, todo o contrario. Robin Derricourt, da Universidade de Nova Gales do Sur (Australia), escribiu en 2009 con respecto á clasificación destes fósiles: “Quizais sobre o único que hai consenso agora é que non hai consenso”.40 En 2007, a revista científica Nature publicou un artigo dos descubridores doutro suposto “elo perdido” da árbore evolutiva e dixo que non se sabe nada sobre cando ou como se separou realmente a liña humana da dos simios.41 Gyula Gyenis, investigador do Departamento de Antropoloxía Biolóxica da Universidade Eötvös Loránd (Hungría), escribiu en 2002: “A clasificación dos fósiles homínidos e o seu lugar no curso da evolución foi tema de debate constante”.h Tamén dixo que a proba fósil reunida ata agora non nos acerca a saber exactamente cando, onde e como evolucionaron os humanos a partir de criaturas parecidas a simios.42

NOTICIAS DE “ELOS PERDIDOS”

Feito. Cada vez que se descobre un novo “elo perdido”, os medios de comunicación anúnciano ós catro ventos. Por exemplo, no ano 2009 un fósil ó que lle chamaron Ida foi presentado por todo o alto “como se se tratase dunha estrela de rock”.43 A publicidade incluíu o seguinte titular no periódico británico The Guardian: “Fósil Ida: extraordinario descubrimento do ‘elo perdido’ na evolución humana”.44 Ós poucos días, a revista científica New Scientist, tamén do Reino Unido, anunciou: “Ida non é un ‘elo perdido’ na evolución humana”.45

Pregunta. Por que se lle dá tanta publicidade a cada novo “elo perdido” que se descobre, pero case nunca se menciona cando se descarta da “árbore familiar”?

Un fósil.

Resposta. Robin Derricourt, mencionado antes, di con respecto ós que fan eses descubrimentos: “O director dun equipo de investigación quizais teña que esaxerar a singularidade e o dramatismo dun ‘descubrimento’ para conseguir fondos de patrocinadores distintos ás fontes académicas convencionais. Esta é unha práctica promovida pola prensa e os medios electrónicos, que andan á caza de historias espectaculares”.46

DEBUXOS E MODELOS DE HOMES-MONO EN LIBROS DE TEXTO

Feito. Nos libros de texto e nos museos represéntanse os supostos antepasados do home con faccións definidas. Canto máis antigo é o exemplar, máis parecido o fan a un mono; e canto máis cerca se supón que está do home, máis humanas son as súas faccións, o seu ton de pel e o seu pelo.

Pregunta. Poden os científicos reconstruír con exactitude esas faccións baseándose nos restos fosilizados que encontran?

Resposta. Non. En 2003, o antropólogo forense Carl N. Stephan, que traballa para o Departamento de Ciencias Anatómicas da Universidade de Adelaida (Australia), escribiu: “Non se poden construír nin comprobar obxectivamente os rostros dos primeiros antepasados humanos”. E engadiu que os intentos de facelo baseándose nos simios modernos “probablemente estean cheos de ideas preconcibidas, sexan extremadamente inexactos e non teñan validez”. A que conclusión chegou? “É probable que toda ‘reconstrución’ facial dos primeiros homínidos estea equivocada.”47

A INTELIXENCIA E O TAMAÑO DO CEREBRO

Feito. Unha maneira que teñen os evolucionistas de determinar se un suposto antepasado do home corresponde ou non a un parente próximo é medindo o tamaño do cerebro.

Pregunta. É o tamaño do cerebro un indicador fiable da intelixencia?

Cranios humanos e de simios.

Resposta. Non. Un equipo de investigación que utilizou o tamaño do cerebro para especular sobre que criaturas extintas eran os parentes máis próximos do home admitiu que “moitas veces se sentiron pisando terreo movedizo”.48 Por que? A revista Mente y Cerebro explicou en 2009 que o peso cerebral absoluto ou relativo non é o mellor indicador da intelixencia. E engadiu: “Os investigadores non lograron establecer ningunha peculiaridade anatómica ou fisiolóxica no cerebro humano que non estea presente tamén nos animais. Só hai unha excepción a esta regra: a área da linguaxe de Broca”.49

Que pensas? Se os científicos saben que o tamaño do cerebro non é un indicador fiable da intelixencia, por que colocan os fósiles na cadea “simio-home” nesa orde? Estarán forzando as probas para que encaixen na súa teoría? E por que debaten constantemente sobre que fósiles deben incluírse na “árbore familiar” do home? Será que os fósiles que estudan son xusto o que parecen ser: formas extintas de simios?

E que se pode dicir dos fósiles parecidos a humanos chamados neandertais? A miúdo, os investigadores preséntanos como proba de que existiu un tipo de home-mono. Pero están empezando a cambiar o seu punto de vista. En 2009, Milford H. Wolpoff escribiu na revista American Journal of Physical Anthropology que os “neandertais quizais fosen unha verdadeira raza humana”.50

Observadores sinceros recoñecen que o ego, os cartos e a necesidade que teñen os investigadores de recibir atención mediática inflúen na maneira na que se presentan as “probas” da evolución humana. E ti? Poñerás a túa confianza nese tipo de probas?

g Ningún dos investigadores aquí citados cre na ensinanza bíblica da creación; todos apoian a ensinanza da evolución.

h O termo homínidos é utilizado polos evolucionistas para designar á familia humana e ás especies prehistóricas de aparencia humana.

CAL É O DEFECTO DESTA IMAXE?

Proceso evolutivo desde o simio ata o ser humano, segundo a teoría da evolución.
  • Imaxes coma esta baséanse en ideas preconcibidas e nas suposicións de investigadores e artistas, non nos feitos.51

  • Dentadura fosilizada.

    A maioría destes debuxos baséanse en fragmentos de cranios e dentes soltos. É raro atopar cranios enteiros e, máis aínda, esqueletos completos.

  • Os especialistas non se poñen de acordo para clasificar os fósiles das diferentes criaturas.

  • Representación artística das faccións, o ton de pel e o pelo dunha criatura extinta.

    Os artistas non poden reconstruír de maneira fiable as faccións, o ton de pel e o pelo das criaturas extintas.

  • As criaturas están colocadas na cadea evolutiva ata o home moderno collendo como base o tamaño da súa cavidade cranial. Pero as probas demostran que o tamaño do cerebro non é un indicador fiable da intelixencia.

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir