BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • es25 páxs. 57-67
  • Xuño

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Xuño
  • Analicemos as Escrituras tódolos días 2025
  • Subtítulos
  • Domingo 1 de xuño
  • Luns 2 de xuño
  • Martes 3 de xuño
  • Mércores 4 de xuño
  • Xoves 5 de xuño
  • Venres 6 de xuño
  • Sábado 7 de xuño
  • Domingo 8 de xuño
  • Luns 9 de xuño
  • Martes 10 de xuño
  • Mércores 11 de xuño
  • Xoves 12 de xuño
  • Venres 13 de xuño
  • Sábado 14 de xuño
  • Domingo 15 de xuño
  • Luns 16 de xuño
  • Martes 17 de xuño
  • Mércores 18 de xuño
  • Xoves 19 de xuño
  • Venres 20 de xuño
  • Sábado 21 de xuño
  • Domingo 22 de xuño
  • Luns 23 de xuño
  • Martes 24 de xuño
  • Mércores 25 de xuño
  • Xoves 26 de xuño
  • Venres 27 de xuño
  • Sábado 28 de xuño
  • Domingo 29 de xuño
  • Luns 30 de xuño
Analicemos as Escrituras tódolos días 2025
es25 páxs. 57-67

Xuño

Domingo 1 de xuño

Temos que pasar por moitas dificultades antes de entrar no Reino de Deus (Feit. 14:22).

Xehová bendiciu os cristiáns do primeiro século cando se adaptaron as novas circunstancias. Eles foron perseguidos moitas veces, algunhas delas cando menos o esperaban. Fíxate no que lles pasou a Bernabé e ó apóstolo Paulo mentres estaban predicando na zona de Listra. Ó principio acolléronos con cariño e escoitáronos. Pero máis tarde, uns opositores “convenceron á xente” e algunhas desas persoas apedraron a Paulo ata que o deron por morto (Feit. 14:19). Aínda así, Bernabé e Paulo seguiron predicando noutro lugar. Cales foron os resultados? A Biblia di que fixeron “bastantes discípulos”, e as súas palabras e o seu exemplo fortaleceron os irmáns (Feit. 14:21, 22). Bernabé e Paulo non se renderon a pesar de que sufriron persecución cando non o esperaban. Grazas a iso, beneficiáronse moitas persoas. Se nós tampouco nos rendemos e seguimos facendo o labor que Xehová nos encargou, el tamén nos bendicirá. w23.04 páxs. 16-17 pars. 13, 14

Luns 2 de xuño

Escoita, Xehová, a miña súplica, atende a miña pregaria. Chámote na hora da miña angustia, e ti hasme axudar (Sal. 86:6, 7).

Durante toda a súa vida, o rei David tivo que enfrontarse a moitos inimigos perigosos. A miúdo buscou a axuda de Xehová en oración. El estaba seguro de que Xehová escoitaba e contestaba as súas oracións. Ti tamén podes ter esa mesma confianza. A Biblia asegúranos que Xehová pode darnos a sabedoría e as forzas que necesitamos para aguantar. Tamén pode usar a nosa familia espiritual, ou incluso a algunhas persoas que non o adoran agora mesmo, para axudarnos dalgunha forma. Sabemos que Xehová responde as nosas oracións. Aínda que poida que non o faga como esperamos, sempre nos vai dar o que nos fai falta e xusto cando o necesitamos. Polo tanto, sigue orando coa confianza de que Xehová te escoita. Podes estar convencido de que coidará de ti agora e de que no novo mundo “concederache os desexos do teu corazón” (Sal. 37:4, TNM). w23.05 páx. 8 par. 4; páx. 13 pars. 17, 18

Martes 3 de xuño

Con que lle pagarei a Xehová todo o ben que me fai? (Sal. 116:12).

É bo centrarse nas bendicións recibidas ó intentar alcanzar unha meta. En que beneficios te poderías centrar ti? Por exemplo, se a túa meta ten que ver coas túas oracións ou con ler a Biblia, pensa en canto vai fortalecer iso a túa amizade con Xehová (Sal. 145:18, 19). Se o que intentas é cultivar algunha calidade, céntrate en canto che vai axudar iso a levarte aínda mellor cos demais (Col. 3:14). Por que non fas unha lista con tódalas razóns polas que queres conseguir ese obxectivo? Despois, repásaa con frecuencia. Tamén, pasa tempo con persoas que te animen a alcanzar a túa meta (Prov. 13:20). Sendo realistas, todos temos días nos que non nos sentimos moi motivados. Quere dicir iso que non podemos avanzar na nosa meta? Non. Temos que buscar formas de seguir avanzando cando non nos sintamos motivados. Claro, para facer isto necesitamos autocontrol, pero os resultados merecen a pena. w23.05 páxs. 27-28 pars. 5-8

Mércores 4 de xuño

Conforme sementes, recollerás (Gál. 6:7).

Saber que somos responsables das decisións que tomamos quizais nos motive a confesar os nosos erros, a corrixilos e a evitar repetilos. Dar estes pasos pode axudarnos a manternos na carreira pola vida. Se tomaches unha mala decisión e xa non estás a tempo de corrixila, acepta a túa situación actual. Non malgastes a túa enerxía emocional e mental xustificándote ou culpando a outros. En vez diso, admite que te equivocaches, e esfórzate por dar o mellor coas circunstancias que tes agora. Se te sentes culpable por algo malo que fixeches, óralle con humildade a Xehová, confésalle o teu erro e pídelle que te perdoe (Sal. 25:11; 51:5, 6 [51:3, 4, TNM]). Pídelles perdón tamén ós que lles fixeches dano e, se é necesario, busca a axuda dos anciáns (Sant. 5:14, 15). Aprende dos teus erros e intenta non repetilos. Se fas todo isto, podes estar seguro de que Xehová te perdoará e che dará a axuda que necesites (Sal. 103:8-13). w23.08 páxs. 28-29 pars. 8, 9

Xoves 5 de xuño

Mentres viviu o sacerdote Iehoiadá, Ioax fixo o que Xehová aproba (2 Crón. 24:2).

Iehoiadá foi unha boa influencia para Ioax. Como resultado, este rei quixo agradarlle a Xehová. Pero, cando Iehoiadá morreu, Ioax empezou a escoitar os príncipes apóstatas de Xudá (2 Crón. 24:4, 17, 18). Aínda que isto entristeceu moito a Xehová, el “mandoulles profetas para convertelos, pero non fixeron caso”. Nin sequera escoitaron a Zacarías, o fillo de Iehoiadá, que non só era profeta e sacerdote senón tamén primo de Ioax. De feito, Ioax matou a Zacarías (2 Crón. 22:11; 24:19-22). Ioax non mantivo un temor apropiado por Xehová. Xehová dixera: “Os que me desprezan veranse desprezados” (1 Sam. 2:30). O exército sirio, a pesar de que era pequeno, derrotou o “exército enorme” de Ioax e deixouno “gravemente ferido” (2 Crón. 24:24, 25). Ioax foi asasinado polos seus propios servos por matar a Zacarías. w23.06 páx. 18 pars. 16, 17

Venres 6 de xuño

Porque antes, si, erades tebras pero agora sodes luz (Ef. 5:8).

O apóstolo Paulo pasara unha boa temporada predicando e ensinando as boas noticias en Éfeso (Feit. 19:1, 8-10; 20:20, 21). El queríalles moito ós seus irmáns e desexaba axudarlles a manterse leais a Xehová. Os efesios ós que Paulo lles escribiu eran escravos das supersticións e das ideas relixiosas falsas. Os habitantes daquela cidade eran coñecidos por ser moi inmorais e non sentir vergonza da súa mala conduta. Nos teatros da cidade, e incluso durante as festas relixiosas, era común escoitar conversacións obscenas (Ef. 5:3). Moitos dos que vivían naquela cidade “volvéronse insensibles”, unha expresión que significa literalmente “deixar de sentir pesar” (Ef. 4:17-19). Antes de aprender as normas de Xehová sobre o que é correcto e o que é incorrecto, ós efesios non lles molestaba a conciencia cando facían algo mal. Por iso Paulo, ó describilos, dixo que estaban coa “intelixencia entebrecida, alleos á vida de Deus”. Pero algúns habitantes de Éfeso deixaron de estar nesa escuridade. w24.03 páx. 20 pars. 2, 4; páx. 21 pars. 5, 6

Sábado 7 de xuño

Ós que teñen esperanza en Xehová renóvanselle-las forzas e non cansan (Is. 40:31).

O labor de Guideón como xuíz implicaba moito esforzo físico. Cando os madianitas fuxiron da batalla no medio da noite, Guideón perseguiunos dende o val de Iezrael ata o río Xordán (Xuí. 7:22). Detívose Guideón cando chegou ó Xordán? Non. Aínda que el e mailos 300 homes estaban cansados, cruzaron o río e continuaron a persecución. Finalmente, conseguiron alcanzalos e derrotalos (Xuí. 8:4-12). Guideón confiaba en que Xehová lle daría forzas, e así foi (Xuí. 6:14, 34). Nunha ocasión, Guideón e os seus homes perseguiron a pé dous reis madianitas que posiblemente fosen montados en camelos (Xuí. 8:12, 21). Pero, coa axuda de Xehová, estes valentes israelitas puideron vencelos. Do mesmo xeito, os anciáns tamén poden confiar en que Xehová, o Deus que nunca “está canso nin fatigado” lles dará forzas cando as necesiten (Is. 40:28, 29). w23.06 páxs. 6-7 pars. 14, 16

Domingo 8 de xuño

Xehová non te deixará só nin te abandonará” (Deut. 31:6).

Podemos ter un corazón firme, sen importar as dificultades ás que nos enfrontemos. Así que confía en Xehová. Pensa no ben que lle foi a Barac por confiar na guía de Xehová. Os israelitas non estaban preparados para a batalla porque non tiñan armas. Pero Xehová díxolle a este xuíz que loitase contra Sísera, que era un xefe cananeo que tiña un exército moi ben equipado (Xuí. 5:8). A profetisa Déborah díxolle a Barac que baixase das montañas ata un terreo máis plano para loitar contra Sísera e os seus 900 carros. Barac obedeceu, aínda que para os israelitas ía ser moi difícil loitar contra os carros naquel tipo de terreo. Pero, mentres o exército israelita baixaba do Monte Tabor, Xehová fixo que chovese moitísimo. Así que os carros de Sísera quedaron atascados no barro, e Xehová deulle a vitoria a Barac (Xuí. 4:1-7, 10, 13-16). De maneira parecida, Xehová tamén nos dará a vitoria se confiamos nel e seguimos a guía que nos dá mediante a súa organización. w23.07 páx. 19 pars. 17, 18

Luns 9 de xuño

Deus salvará a quen aguante ata o fin (Mat. 24:13).

A paciencia é imprescindible para salvarse e conseguir a vida eterna. Igual que os servos fieis do pasado, temos que esperar con paciencia a que Deus cumpra as súas promesas (Heb. 6:11, 12). A Biblia compáranos a un agricultor (Sant. 5:7, 8). Este traballa moi duro plantando e regando, aínda que non sabe exactamente cando medrará o que plantou. Así que o agricultor espera con paciencia, confiando en que recollerá a súa colleita. Da mesma forma, nós tamén nos mantemos moi ocupados nas actividades espirituais, aínda que non sabemos exactamente cando virá o día de Xehová (Mat. 24:42). E esperamos con paciencia, confiando en que Deus cumprirá todo o que prometeu ó seu debido tempo. Se nos impacientamos pode que nos cansemos de esperar e, pouco a pouco, deixemos a Xehová. Tamén poderiamos empezar a ir tras cousas que pensamos que nos darán felicidade xa agora. Pero se somos pacientes poderemos aguantar ata o fin e salvarnos (Miq. 7:7, TNM). w23.08 páx. 22 par. 7

Martes 10 de xuño

As dedas dos pés eran en parte de ferro e en parte de barro (Dan. 2:42).

Ó comparar esta profecía de Daniel 2:41-43 con outras dos libros de Daniel e Apocalipse podemos chegar á conclusión de que os pés representan a alianza formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos, que xuntas son a potencia mundial dominante nos nosos días. Falando sobre ela, Daniel di: “Unha parte do imperio será forte e outra parte será fráxil”. A que se refire cando di que unha parte sería fráxil? A que a xente común, representada polo barro, debilita a capacidade desta potencia mundial para actuar coa forza do ferro. Podemos aprender moitas verdades importantes da estatua que describiu Daniel. Cales son? Primeira: a potencia mundial formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos demostrou que é forte. Por exemplo, tivo un papel clave nas vitorias das dúas guerras mundiais. Pero, moitas veces o seu poder viuse debilitado debido a que os seus cidadáns loitan uns contra os outros e tamén contra o goberno. Segunda: esta potencia será a última en gobernar antes de que o Reino de Deus acabe con tódolos gobernos humanos. w23.08 páxs. 10-11 pars. 12, 13

Mércores 11 de xuño

No apreto chamo a Xehová, suplico cara ó meu Deus. El escoita a miña voz desde o santuario (Sal. 18:7 [18:6, TNM]).

Ás veces, David sentíase angustiado por tódolos problemas e probas que estaba pasando (Sal. 18:5,6 [18:4, 5, TNM]). Pero, o amor de Xehová reconfortábao. Deus levou o seu cansado amigo a “pastos verdecentes” e a “augas tranquilas”. Como resultado, David recuperou as forzas e puido seguir servindo a Xehová con alegría (Sal. 18:29-33 [18:28-32, TNM]; 23:2). Hoxe en día, Xehová tamén nos coida cando pasamos por probas ou dificultades (Lam. 3:22; Col. 1:11). A miúdo, a vida de David corría perigo e tiña que enfrontarse a moitos inimigos poderosos. Pero, o amor de Xehová facíao sentir seguro e protexido. David sentía que Deus estaba con el en tódalas situacións, e isto animábao. Por iso cantou: “[Xehová] líbrame de tódolos temores” (Sal. 34:5 [34:4, TNM]). Os medos de David eran reais, pero o amor de Xehová era máis forte cós seus temores. w24.01 páx. 30 pars. 15-17

Xoves 12 de xuño

Se os pecadores tencionan enganarte non llelo consintas (Prov. 1:10).

Aprende das malas decisións de Ioax. Despois da morte do sumo sacerdote Iehoiadá, Ioax empezou a xuntarse con malas compañías (2 Crón. 24:17, 18). El decidiu escoitar os príncipes de Xudá, que non amaban a Xehová. Seguro que tamén pensas que debería ter evitado este tipo de persoas que facían o mal. En vez diso, fíxolles caso a estes supostos amigos. De feito, cando Zacarías, que era seu primo, intentou corrixilo, Ioax mandou que o matasen (2 Crón. 24:20, 21; Mat. 23:35). Vaia erro tan grande! Ioax empezou ben pero, tristemente, converteuse nun apóstata e nun asasino. Finalmente, os seus propios servos matárono (2 Crón. 24:22-25). Que diferente sería a súa vida se decidise escoitar a Xehová e os Seus servos! w23.09 páx. 9 par. 6

Venres 13 de xuño

Deixa de ter medo (Luc. 5:10).

Xesús díxolle a Pedro con moito cariño: “Tranquilo”. A confianza que Xesús lle demostrou cambiou a vida deste home. Máis tarde, o seu irmán Andrés e mais el deixaron o negocio da pesca e acompañaron a Xesús no seu ministerio. Esta decisión tróuxolles moitas bendicións (Mar. 1:16-18). Como seguidor de Xesús, Pedro viviu moitas experiencias marabillosas. Viu como o seu mestre curaba enfermos, expulsaba demos e ata resucitaba mortos (Mat. 8:14-17; Mar. 5:37, 41, 42). Tamén tivo unha impresionante visión de Xesús como futuro Rei do Reino, algo que o impactou moito (Mar. 9:1-8; 2 Ped. 1:16-18). Pedro viu cousas que nunca pensou que vería. Que contento se debeu sentir por non permitir que os sentimentos negativos lle impedisen desfrutar de todas aquelas bendicións! w23.09 páx. 21 pars. 4, 5

Sábado 14 de xuño

El contestoulle: “Non ata 7 veces, senón ata 77 veces (Mat. 18:22).

Na súa primeira carta, o apóstolo Pedro usou a expresión “esforzádevos no amor”. Este amor cobre “moitos pecados”, non só uns poucos (1 Ped. 4:8). É probable que Pedro recordase a lección que Xesús lle ensinara anos antes sobre o perdón. Nesa ocasión, quizais Pedro pensaba que estaba sendo moi xeneroso se perdoaba un irmán “ata sete veces”. Pero Xesús díxolle a el, e tamén a nós, que teriamos que perdoar “ata setenta e sete” veces, é dicir, sempre (Mat. 18:21). Se che resulta difícil aplicar este consello, non te desanimes. A tódolos servos de Xehová imperfectos nos custou perdoar algunha vez. Pero, o que de verdade importa é que deamos os pasos necesarios para perdoar os nosos irmáns e facer as paces con eles. w23.09 páx. 29 par. 12

Domingo 15 de xuño

Chamei a Xehová e respondeume (Xon. 2:3 [2:2, TNM]).

Dentro do ventre do peixe, Xonás estaba seguro de que Deus escoitaría a súa oración chea de humildade e arrepentimento e o axudaría. Despois diso, o peixe deixou a Xonás en terra firme e xa estaba listo para cumprir coa tarefa que Deus lle encargara (Xon. 2:11–3:4 [2:10–3:4, TNM]). Sentiches algunha vez tanta angustia durante unha proba que non eras capaz de orarlle a Xehová? Faltáronche nalgún momento as forzas para estudar? Recorda que Xehová entende perfectamente a túa situación. Así que, aínda que fagas unha oración moi sinxela, podes estar seguro de que el che dará exactamente o que necesitas (Ef. 3:20). Se a dor física ou emocional che impide ler ou estudar, por que non intentas escoitar as gravacións en audio da Biblia ou das publicacións baseadas nela? Quizais tamén che axude escoitar algunha das nosas cancións ou ver un vídeo en jw.org. Se lle oras a Xehová e buscas a súa resposta nas axudas espirituais que el pon á túa disposición, estaraslle deixando que te fortaleza. w23.10 páx. 13 par. 6; páx. 14 par. 9

Luns 16 de xuño

Iso quere mostra-lo Espírito Santo que, mentres a primeira tenda estea en pé, aínda non está aberto o camiño para o santuario (Heb. 9:8).

O tabernáculo e os templos que se construíron posteriormente en Xerusalén eran moi parecidos por dentro. No seu interior había dous compartimentos, “o Santo” e o “Santísimo”, que estaban separados por unha cortina (Heb. 9:2-5; Éx. 26:31-33). Dentro do Santo había un candelabro de ouro, un altar para queimar incenso e unha mesa de pans ofrendados. Só os sacerdotes “unxidos” podían entrar nese lugar para facer as funcións sagradas que se lles encargaran (Núm. 3:3, 7, 10). No Santísimo estaba a arca do pacto, ou testemuño, revestida de ouro que representaba a presenza de Xehová (Éx. 25:21, 22). O sumo sacerdote era o único que podía pasar ó outro lado da cortina unha vez ó ano, no Día de Expiación, para entrar no Santísimo (Lev. 16:2, 17). El entraba co sangue dos animais para facer expiación polos seus propios pecados e polos de toda a nación. Co tempo, Xehová aclarou o que realmente significaban estas características do tabernáculo (Heb. 9:6, 7). w23.10 páx. 27 par. 12

Martes 17 de xuño

Mándovos isto: que vos amedes uns a outros (Xoán 15:17).

A Palabra de Deus recórdanos vez tras vez que nos temos que “amar uns ós outros” (Xoán 15:12; Rom. 13:8; 1 Tes. 4:9; 1 Ped. 1:22; 1 Xoán 4:11). Pero o amor é un sentimento interno, e ningún humano pode coñecer o noso corazón. Entón, como poden sentir os demais que os queremos? Polas nosas palabras e as nosas accións. Hai moitas maneiras de demostrarlles ós nosos irmáns que os amamos. Fíxate nos seguintes exemplos: “Dicide a verdade cada un ó seu próximo” (Zac. 8:16). “Vivide en paz” uns cos outros (Mar. 9:50). “Tomade a iniciativa de honrarvos uns a outros” (Rom. 12:10, TNM). “Acollédevos uns a outros” (Rom. 15:7). “Seguide [...] perdoándovos” (Col. 3:13, TNM). “Levade úns as cargas dos outros” (Gál. 6:2). “Consoládevos uns a outros” (1 Tes. 4:18). “Confortádevos uns a outros” (1 Tes. 5:11). “Rezade uns polos outros” (Sant. 5:16). w23.11 páx. 9 pars. 7, 8

Mércores 18 de xuño

Alegres na esperanza (Rom. 12:12).

Cada día, tomamos decisións para as que fai falta ter unha fe forte. Por exemplo, temos que tomar decisións que teñen que ver coas compañías, as diversións, os estudos, o matrimonio, os fillos e o traballo. Por iso facemos ben en preguntarnos: “Demostran as miñas decisións que estou seguro de que este sistema é temporal e que moi pronto será substituído polo novo mundo de Deus? Ou nótase que me deixo influír pola xente que vive coma se non quedase máis remedio ca morrer?” (Mat. 6:19, 20; Luc. 12:16-21). Se fortalecemos a nosa fe en que o novo mundo está a punto de chegar, tomaremos as mellores decisións. Tamén necesitamos unha fe forte cando pasamos por algunhas situacións difíciles, coma a persecución, unha enfermidade crónica ou outras cousas que poderían desanimarnos. Ó principio, pode ser que consigamos aguantar esa situación, pero este tipo de problemas normalmente persisten durante moito tempo. Por iso necesitamos ter unha fe forte que nos axude a aguantar e a seguir servindo a Xehová con alegría (1 Ped. 1:6, 7). w23.04 páx. 27 pars. 4, 5

Xoves 19 de xuño

Orade constantemente (1 Tes. 5:17).

Xehová espera que actuemos de acordo co que lle pedimos. Por exemplo, poida que un irmán lle pida a Xehová que lle axude a conseguir o tempo libre necesario no traballo para poder ir ó congreso rexional. De que formas lle podería responder Xehová? Quizais lle dea ó irmán o valor que necesita para falar co xefe. Pero, aínda así, o irmán terá que tomar a iniciativa e facelo, ó mellor incluso máis dunha vez. Tamén pode ser que teña que cambiar o horario con algún compañeiro ou ata pedir que lle desconten ese tempo do seu salario. Xehová espera que lle oremos con insistencia sobre as cousas que son importantes para nós. Xesús deu a entender que non sempre iamos recibir a resposta ás nosas oracións de forma inmediata (Luc. 11:9). Así que non nos deamos por vencidos! Oremos de corazón e con insistencia (Luc. 18:1-7). Cando o facemos, demostrámoslle a Xehová que o que lle pedimos non é só un capricho pasaxeiro. Tamén lle demostrará que temos fe en que el pode axudarnos. w23.11 páxs. 22-23 pars. 10, 11

Venres 20 de xuño

A esperanza non decepciona (Rom. 5:5).

Xehová prometeulle ó seu amigo Abrahán que tódalas nacións da Terra se bendicirían por medio da súa descendencia (Xén. 15:5; 22:18). Como Abrahán tiña moita fe en Deus, estaba convencido de que esa promesa se faría realidade. Con todo, cando tiña 100 anos e a súa muller 90, esta parella aínda non tiña ningún fillo (Xén. 21:1-7). Pero a Biblia di que Abrahán “creu na esperanza e así chegou a ser pai de moitas nacións, como se lle dixera” (Rom. 4:18). E nós sabemos que a súa esperanza se fixo realidade. Co tempo, chegou a ser pai do fillo que tanto esperaba, Isaac. Por que tiña Abrahán plena confianza en que a promesa de Xehová se ía cumprir? Como Abrahán coñecía ben a Xehová, estaba plenamente convencido de que “é poderoso para cumpri-lo que promete” (Rom. 4:21). Xehová deulle a súa aprobación e declarouno xusto debido á súa fe (Sant. 2:23). w23.12 páx. 8 pars. 1, 2

Sábado 21 de xuño

A persoa fiel en cousas pequenas tamén é fiel en cousas grandes. E a persoa inxusta en cousas pequenas tamén é inxusta en cousas grandes (Luc. 16:10).

Un home novo que é de fiar atende con coidado tódalas súas responsabilidades. Fíxate no exemplo perfecto de Xesús, quen nunca se despreocupou do que tiña que atender nin foi un irresponsable. Máis ben, cumpriu con todo o que Xehová lle encargara aínda cando non lle resultou fácil facelo. El amaba as persoas, especialmente os seus discípulos, e estivo disposto a dar a súa vida por eles (Xoán 13:1). Igual ca Xesús, traballa duro e cumpre coas tarefas que che encargaron. Se non estás seguro de como tes que facer algunha cousa, sé humilde e pide axuda a algún irmán maduro. E nunca te conformes con facer o mínimo posible (Rom. 12:11). En lugar diso, fai o teu traballo coma se o fixeses “para o Señor e non para os homes” (Col. 3:23). Claro, non es perfecto. Así que, cando cometas algún erro, sé modesto e recoñéceo (Prov. 11:2). w23.12 páx. 26 par. 8

Domingo 22 de xuño

Bendito o home que confía en Xehová (Xer. 17:7).

Sentímonos moi felices cando alguén se bautiza e chega a ser parte da familia de Xehová. Isto é un privilexio enorme! Os que xa temos esta amizade estreita con el estamos de acordo co salmista David, quen dixo: “Feliz o que ti [Xehová] elixes e acolles para morar nos teus adros” (Sal. 65:5 [65:4, TNM]). Xehová non permite que calquera sexa o seu amigo íntimo. El escolle os que demostran que queren ter unha relación estreita con el (Sant. 4:8). Cando te dedicas e te bautizas podes estar seguro de que el te bendicirá “ata que nada quede na [súa] man” (Mal. 3:10; Xer. 17:8). O bautismo é só o principio do teu servizo a Xehová. Terás o desexo de facer todo o posible por estar á altura da túa promesa de dedicación e de manterte fiel, incluso cando te enfrontes a tentacións ou a probas de fe (Ecl. 5:3, 4 [5:4, 5, TNM]). Como discípulo de Xesús esforzaraste tanto como poidas por seguir o seu exemplo e cumprir cos seus mandatos (Mat. 28:19, 20; 1 Ped. 2:21). w24.03 páx. 8 pars. 1-3

Luns 23 de xuño

Deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller (Xén. 2:24).

Que podes facer se o teu cónxuxe e mais ti non desfrutades pasando tempo xuntos? Pensa no exemplo dunha fogueira. Ó principio non arde moito. Hai que ir botándolle máis leña pouco a pouco. De maneira parecida, por que non empezades pasando xuntos só uns poucos momentos cada día? Asegurádevos de facer algo que vos guste ós dous (Sant. 3:18). Empezar por cousas pequenas pode facer que o voso amor volva a medrar. O respecto é fundamental no matrimonio. É coma o osíxeno que fai que a fogueira siga ardendo con forza. Sen osíxeno o lume apágase rápido. De forma parecida, o amor pode apagarse rapidamente se non hai respecto no matrimonio. Pero cando o home e a muller se esforzan por demostrar esta calidade, contribúen a manter vivo o amor. Aínda así, recorda que non se trata de que ti penses que demostras respecto, senón de que ela ou el se sinta respectado. w23.05 páx. 22 par. 9; páx. 24 pars. 14, 15

Martes 24 de xuño

Cando medran as coitas no meu peito, o teu consolo alégrame o espírito (Sal. 94:19).

Na Biblia, algúns servos fieis de Deus falan de momentos nos que pasaron moita angustia e medo debido ós seus inimigos ou a outros problemas (Sal. 18:5 [18:4, TNM]; 55:2, 6 [55:1, 5, TNM]). De igual maneira, quizais nós tamén esteamos sufrindo oposición na escola, no traballo, na familia ou por parte do goberno. Incluso poderiamos ter medo a morrer debido a un problema de saúde. Neses momentos é posible que nos sintamos tan indefensos coma un neno pequeno. Como nos axuda Xehová nesas situacións? El consólanos e tranquilízanos. Así que, pasa tempo regularmente con Xehová, orándolle e lendo a súa Palabra (Sal. 77:2, 13-15 [77:1, 12-14, TNM]). Así, cando esteas baixo presión, probablemente o primeiro que fagas sexa buscar a axuda do teu Pai celestial. Cóntalle os teus temores e preocupacións. Despois, deixa que che fale e te console mediante a Biblia (Sal. 119:28). w24.01 páxs. 24-25 pars. 14-16

Mércores 25 de xuño

Deus efectivamente é quen activa en vós tanto o querer coma o facer (Filip. 2:13).

A motivación é fundamental para alcanzar metas espirituais. Se unha persoa está motivada, vaise esforzar por conseguir o seu obxectivo. E canto máis motivados esteamos, máis probable será que consigamos os nosos obxectivos. Entón, que podes facer para estar máis motivado? Pídelle a Xehová que che axude a estar máis motivado. Xehová pode usar o seu espírito santo para motivarte a alcanzar a túa meta. Ás veces, poñémonos unha meta porque sabemos que deberiamos facelo, e iso é algo bo. Pero poida que en realidade non teñamos moitas ganas de conseguir o que nos propoñemos. Párate a pensar no que Xehová fixo por ti (Sal. 143:5). O apóstolo Paulo dedicaba tempo a pensar en toda a bondade que Xehová lle demostrara sen que el o merecese, e iso motivábao a esforzarse por servilo (1 Cor. 15:9, 10; 1 Tim. 1:12-14). De maneira parecida, canto máis reflexiones no que Xehová fixo por ti, máis ganas terás de alcanzar a túa meta (Sal. 116:12). w23.05 páx. 27 pars. 3-5

Xoves 26 de xuño

Louvade o nome de Xehová (Sal. 113:1).

A Xehová gústalle moito que lle demos honra ó seu nome (Sal. 119:108, TNM). Pero, significa isto que o Deus Todopoderoso é coma os humanos imperfectos que necesitan que os eloxien porque se senten inseguros? Non. Cando louvamos o noso Pai celestial contribuímos a que se demostre que o que Satanás dixo de cada un de nós é falso. O Demo dixo que ningún ser humano defenderá lealmente o nome de Xehová. El afirma que ningún de nós se manterá íntegro nas probas e que deixaremos de servir a Deus se non obtemos beneficios por facelo (Xob 1:9-11; 2:4). Pero o fiel Xob demostrou que Satanás é un mentireiro. Farás ti o mesmo? Todos nós temos o privilexio de decidir se defenderemos o noso Pai e se o faremos feliz servíndoo fielmente (Prov. 27:11). Que honor máis grande! w24.02 páxs. 8-9 pars. 3-5

Venres 27 de xuño

Confiade nos seus profetas, e venceredes (2 Crón. 20:20).

Despois do tempo de Moisés e Xosué, Xehová nomeou xuíces para guiar o seu pobo. E despois, no tempo dos reis, escolleu profetas para facer o mesmo. Os reis fieis seguiron os consellos dos profetas. Por exemplo, o rei David aceptou con humildade a corrección que lle deu Natán (2 Sam. 12:7, 13; 1 Crón. 17:3, 4). O rei Ioxafat seguiu a guía de Iahziel e animou o pobo de Xudá a que confiase nos profetas de Deus (2 Crón. 20:14, 15). E cando pasou por unha situación difícil, o rei Ezequías pediulle axuda a Isaías (Is. 37:1-6). Cada vez que os reis seguían a guía de Xehová, el bendicíaos e protexía a nación (2 Crón. 20:29, 30; 32:22). Era evidente que Xehová estaba utilizando os profetas para dirixir o seu pobo. w24.02 páx. 21 par. 8

Sábado 28 de xuño

Non vos fagades cómplices delas (Ef. 5:7).

Satanás quere que nos xuntemos con xente que nos faga máis difícil seguir as normas de Xehová. Debemos recordar que hoxe en día xuntarse con alguén non só implica quedar en persoa. Tamén inclúe relacionarse mediante as redes sociais. Debemos loitar contra a idea tan popular neste mundo de que a conduta inmoral non ten nada de malo. Nós sabemos que non é así (Ef. 4:19, 20). Pero facemos ben en preguntarnos: “Evito pasar tempo innecesariamente con compañeiros de traballo, escola ou outras persoas que non respectan as xustas normas de Xehová? Teño o valor de obedecer os principios bíblicos aínda que outros me chamen intolerante por facelo?”. Como di 2 Timoteo 2:20-22, tamén debemos seleccionar ben os nosos amigos íntimos dentro da congregación. Temos que ser conscientes de que quizais algúns non nos axuden a seguir sendo fieis no noso servizo a Xehová. w24.03 páxs. 22-23 pars. 11, 12

Domingo 29 de xuño

Xehová é compasivo (Sant. 5:11).

Pensaches algunha vez en como é Xehová? Aínda que non o podemos ver, a Biblia descríbeo de diferentes formas. Por exemplo, chámaselle “sol e escudo” e tamén “lume devorador” (Sal. 84:11, TNM; Heb. 12:29). Ezequiel tivo unha visión da presenza de Xehová e describiuna como unha pedra de zafiro, un metal brillante e un arco iris (Ezeq. 1:26-28). Como non podemos ver a Xehová quizais nos resulte difícil crer que nos quere. Ademais, as cousas que algúns viviron no pasado fanlles pensar que Deus nunca se fixaría neles e os querería. Xehová entende como nos sentimos e como isto nos afecta. Para axudarnos, móstranos na Biblia a súa fermosa personalidade. A palabra que mellor describe a Xehová é amor (1 Xoán 4:8). Esta cualidade defíneo e inflúe en todo o que fai. O amor de Deus é tan grande e forte que incluso llo demostra ós que non o aman (Mat. 5:44, 45). w24.01 páx. 26 pars. 1-3

Luns 30 de xuño

Deus faloulles desde a columna de nube (Sal. 99:7).

Xehová nomeou a Moisés para sacar os israelitas de Exipto. E como proba visible deulles unha columna de nube durante o día e unha de lume durante a noite (Éx. 13:21). Moisés seguiu a columna, que os levou a el e os demais israelitas ó Mar Vermello. Aínda así, o pobo entrou en pánico cando pensaba que estaba atrapado entre o mar e o exército exipcio que os perseguía. Pero non era un erro. Fora Xehová mesmo quen usara a Moisés para dirixilos ata alí (Éx. 14:2). Despois, Deus salvounos de forma espectacular (Éx. 14:26-28). Nos seguintes 40 anos, Moisés continuou confiando en que Xehová utilizaba a columna de nube para guiar o seu pobo a través do deserto (Éx. 33:7, 9, 10). Deus faláballe a este home dende a columna, e despois el transmitíalle ó pobo o que Xehová lle dixera. Desta maneira os israelitas podían ver con claridade que Deus estaba usando un representante humano para guialos. w24.02 páx. 21 pars. 4, 5

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir