ARTIGO DE ESTUDO 29
Apoiemos a guía de Xesús
“Déuseme todo poder no ceo e mais na terra” (MT. 28:18).
CANCIÓN sn 5 Cristo é o noso exemplo
AVANCEa
1. Que quere Xehová que se faga hoxe en día?
DEUS quere que hoxe en día se prediquen as boas noticias do Reino por toda a Terra (Mc. 13:10; 1 Tim. 2:3, 4). En realidade, esta obra é de Xehová, e é tan importante para El que escolleu o seu querido Fillo para dirixila. Como Xesús nos está guiando, podemos estar seguros de que a obra de predicar terminará xusto cando Xehová quere (Mt. 24:14).
2. Que imos ver neste artigo?
2 Neste artigo, imos ver como Xesús está usando o “criado fiel e prudente” para dar alimento espiritual e para organizar os seus seguidores na maior campaña de predicación da historia (Mt. 24:45). Ademais, veremos que podemos facer cada un de nós para apoiar a Xesús e o criado fiel.
XESÚS SUPERVISA A OBRA DE PREDICAR
3. Que autoridade recibiu Xesús?
3 Xesús está supervisando a obra de predicar. Por que podemos estar seguros? Pouco antes de volver ó ceo, Xesús reuniuse con algúns dos seus seguidores fieis nunha montaña de Galilea. Díxolles: “Déuseme todo poder no ceo e mais na terra”. Fíxate no que dixo xusto despois: “Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos” (Mt. 28:18, 19). Así que, entre outras cousas, Xesús recibiu a autoridade de dirixir a obra de predicar.
4. Por que podemos estar seguros de que Xesús segue guiando a obra de predicar?
4 Xesús dixo que a obra de predicar e de facer discípulos chegaría “a tódolos pobos”, e que el estaría cos seus seguidores “tódolos días ata a conclusión do sistema” (Mt. 28:20, TNM). Estas palabras deixan claro que, baixo a guía de Xesús, a obra de predicar continuaría nos nosos días.
5. Como axudamos a que se cumpra o que di Salmo 110:3 (TNM)?
5 Xesús estaba seguro de que habería suficientes traballadores durante a conclusión do sistema de cousas. Sabía que se cumpriría a seguinte profecía: “O teu pobo ofrecerase voluntariamente o día no que dirixas as túas forzas militares” (Sal. 110:3, TNM). Se predicas as boas noticias, non só estás apoiando a Xesús e o criado fiel. Ademais, estás axudando a que se cumpra esta profecía. É certo que se está facendo este labor, pero tamén ten os seus desafíos.
6. A que desafíos se enfrontan os que predican as boas noticias do Reino?
6 A oposición é un dos desafíos ós que se enfrontan os que predican as boas noticias do Reino. Os apóstatas, os líderes relixiosos e os políticos contaron e seguen contando moitas mentiras sobre a nosa obra. Se os nosos familiares, coñecidos ou compañeiros de traballo cren estas mentiras, pode que nos intenten convencer para que deixemos de servir a Xehová e de predicar. Nalgúns países, os nosos inimigos ameazan, atacan, arrestan e incluso meten no cárcere os nosos irmáns. Pero non nos sorprende que nos traten así. Xesús predixo: “Odiaranvos tódolos pobos por causa miña” (Mt. 24:9). O feito de que nos odien demostra que temos a aprobación de Xehová (Mt. 5:11, 12). O Demo está detrás desta oposición, pero Xesús é moito máis poderoso ca el! Co apoio de Xesús, as boas noticias están chegando a persoas de tódalas nacións.
7. Que probas temos de que se está cumprindo Apocalipse 14:6, 7?
7 Outro desafío ó que nos enfrontamos ó predicar é que moitas persoas non falan o mesmo idioma ca nós. Na revelación que lle deu ó apóstolo Xoán, Xesús predixo que as boas noticias superarían calquera obstáculo nos nosos días (le Apocalipse 14:6, 7). Por que podemos dicir que se están cumprindo estas palabras? Porque lle estamos dando a oportunidade de escoitar a mensaxe do Reino ó maior número de persoas posible. Na actualidade, persoas de todo o mundo poden ler información baseada na Biblia en máis de 1000 idiomas na nosa páxina web, jw.org. O Consello Reitor aprobou que se traducise o libro Desfruta da vida para sempre!, a nosa principal ferramenta para facer discípulos, a máis de 700 idiomas. Ademais, moita desta información tamén está dispoñible en vídeos para xordos e en publicacións en braille para cegos. É evidente que as profecías da Biblia se están cumprindo. Persoas de “tódalas linguas das nacións” están aprendendo a falar o “idioma puro” da verdade da Biblia (Zac. 8:23; Sof. 3:9, TNM). Todo isto estase conseguindo baixo a boa supervisión de Xesucristo.
8. Cales foron os resultados da nosa predicación ata agora?
8 Hoxe en día, máis de 8 millóns de persoas en 240 países e territorios forman parte da organización de Xehová, e cada ano bautízanse decenas de miles. Pero hai algo máis importante que os números: a nova personalidade, é dicir, as calidades espirituais que estes novos discípulos xa cultivaron (Col. 3:8-10). Moitos deixaron de ter prexuízos e de ser inmorais, violentos e nacionalistas. Estase cumprindo a profecía de Isaías 2:4 que di: “Nin aprenderán de novo a face-la guerra”. Os nosos esforzos por vestirnos coa nova personalidade fan que outras persoas queiran achegarse á organización de Deus, e tamén demostran que seguimos a guía de Cristo Xesús (Xn. 13:35; 1 Pe. 2:12). Todo isto só é posible porque Xesús nos está dando a axuda que necesitamos.
XESÚS NOMEA UN CRIADO
9. Segundo Mateo 24:45-47, que predixo Xesús que pasaría no tempo do fin?
9 Le Mateo 24:45-47. Xesús predixo que, durante o tempo do fin, nomearía un “criado fiel e prudente” para darnos alimento espiritual. Así que sería de esperar que este criado tivese moito traballo que facer nos nosos días. E iso é o que está pasando. Xesús valeuse dun pequeno grupo de homes unxidos para darlles alimento espiritual ó seu debido tempo ós servos de Deus e ás persoas que queren coñecelo. Estes homes non se ven a si mesmos como “amos” ou donos da nosa fe (2 Cor. 1:24, TNM). Máis ben, recoñecen que Xesucristo é o “líder e comandante” do pobo de Xehová (Is. 55:4, TNM).
10. Que publicación das que aparecen na imaxe che axudou a comezar a servir a Xehová?
10 Dende 1919, o criado fiel preparou diferentes publicacións para que as persoas tivesen a oportunidade de aprender a verdade da Palabra de Deus. Por exemplo, en 1921 presentou o libro El arpa de Dios (publicado en español en 1925) para axudarlles ás persoas interesadas a aprender as verdades básicas da Biblia. Co paso dos anos, os tempos foron cambiando e presentáronse novas publicacións, como Sea Dios veraz, La verdad que lleva a vida eterna, Usted puede vivir para siempre en el paraíso en la Tierra, El conocimiento que lleva a vida eterna, Que ensina realmente a Biblia?, Que nos ensina a Biblia? e, a máis recente de todas, Desfruta da vida para sempre!. Cal delas che axudou a coñecer e a amar o noso Pai celestial? Todas estas publicacións deseñáronse para facer discípulos e foron xusto o que se necesitaba nese momento.
11. Por que é tan importante que todos recibamos alimento espiritual?
11 As persoas que están empezando a coñecer a Xehová non son as únicas que necesitan alimento espiritual sólido, é dicir, un coñecemento profundo de Deus e da Biblia. Máis ben, é algo que todos necesitamos. O apóstolo Paulo escribiu que “a mantenza sólida é para xente grande”, e explicou que aplicar o que di a Biblia axúdanos a ser capaces de distinguir o bo do malo (Heb. 5:14). Vivimos nun tempo no que as persoas son moi inmorais, e por iso non é fácil obedecer as normas de Xehová. Pero Xesús asegúrase de que aprendamos as cousas necesarias para que a nosa fe se manteña forte. Todo este alimento espiritual baséase na Biblia, a Palabra inspirada de Deus. E o criado fiel é quen o prepara e o distribúe baixo a guía de Xesús.
12. Igual ca Xesús, como lle demos honra ó nome de Deus?
12 Igual ca Xesús, nós tamén lle demos ó nome de Deus a honra que merece (Xn. 17:26). Por exemplo, en 1931 comezamos a chamarnos Testemuñas de Xehová, un nome baseado na Biblia. Isto demostrou que queremos que se nos coñeza polo nome do noso Pai celestial, e o importante que é o seu nome para nós (Is. 43:10-12). Ademais, dende outubro dese mesmo ano, o nome de Deus aparece na portada de cada número desta revista. Por outro lado, a Traducción del Nuevo Mundo de las Santas Escrituras volveu a colocar o nome de Deus nos lugares onde debía estar. Isto é xusto o contrario do que fixeron as igrexas da cristiandade, que eliminaron o nome de Deus de moitas das súas traducións da Biblia.
XESÚS ORGANIZA OS SEUS SEGUIDORES
13. Que te convence de que Xesús está usando “o criado fiel e prudente” hoxe en día? (Xn. 6:68).
13 Grazas ó “criado fiel e prudente”, Xesús teno todo perfectamente organizado para promover a adoración pura na Terra. Como te fai sentir isto? Pode que te sintas como o apóstolo Pedro, que lle dixo a Xesús: “Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna” (Xn. 6:68). Que sería de nós se non formásemos parte da organización de Xehová? Grazas a ela, Cristo asegúrase de que esteamos ben alimentados espiritualmente. Tamén nos capacita para que poidamos predicar mellor. Ademais, axúdanos a poñernos a “nova personalidade” para poder agradarlle a Xehová (Ef. 4:24, TNM).
14. Como te beneficiou formar parte da organización de Xehová durante a pandemia da COVID-19?
14 Xesús tamén nos guía con sabedoría cando pasamos por momentos difíciles. Os beneficios desta guía foron evidentes ó principio da pandemia da COVID-19. Moitas persoas no mundo non sabían que facer, pero Xesús encargouse de que recibísemos instrucións claras para que estivésemos protexidos. Animóusenos a levar máscara fóra da nosa casa e a manter a distancia física de seguridade. Recordóuselles ós anciáns que mantivesen un contacto regular con toda a congregación, e que estivesen pendentes das necesidades físicas e espirituais dos irmáns (Is. 32:1, 2). Ademais, tamén recibimos instrucións e ánimo a través dos informes do Consello Reitor.
15. a) Que instrucións recibimos sobre as reunións e a predicación durante a pandemia? b) Cales foron os resultados?
15 Durante a pandemia, tamén recibimos instrucións claras sobre como celebrar as reunións de congregación e como seguir predicando. En moi pouco tempo, comezamos a ter as nosas reunións e congresos por Internet. Ademais, empezamos a predicar practicamente só por carta e teléfono. Non hai dúbida de que Xehová bendiciu os nosos esforzos. Moitas sucursais informaron que houbo un grande aumento no número de publicadores. De feito, moitos tiveron boas experiencias durante a pandemia. (Mira o recadro “Xehová bendice a nosa predicación”).
16. De que podemos estar seguros?
16 Pode que algúns pensasen que as instrucións que a organización daba durante a pandemia eran demasiado estritas. Pero quedou demostrado unha e outra vez que eran instrucións sabias e que estaban xustificadas (Mt. 11:19). Meditar na maneira tan cariñosa na que Xesús guía o pobo de Xehová asegúranos que, sen importar o que pase no futuro, Xehová e o seu querido Fillo sempre estarán con nós (le Hebreos 13:5, 6).
17. Como nos sentimos por traballar baixo a supervisión de Xesús?
17 Fainos moi felices traballar baixo a supervisión de Xesús. Formamos parte dunha organización que supera tódalas barreiras culturais, nacionais e de idiomas que existen. Temos moito alimento espiritual e a capacitación que necesitamos para predicar. Ademais, aprendemos a poñernos a nova personalidade e a amarnos uns ós outros. Temos moitas razóns para estar orgullosos de que Xesús nos dirixa.
CANCIÓN sn 108 Enxalcemos a Xehová polo seu Reino
a Millóns de homes, mulleres e nenos predican con entusiasmo as boas noticias da Biblia. Formas ti parte dese grupo? Se é así, estás traballando baixo a guía do noso Señor, Xesucristo. Neste artigo imos ver probas de que Xesús está guiando a predicación na actualidade. Meditar nesta información axudaranos a estar decididos a seguir servindo a Xehová baixo a dirección de Cristo.