BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 maio páxs. 20-25
  • Por que é tan importante para Xesús o nome de Xehová?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Por que é tan importante para Xesús o nome de Xehová?
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • “DEILLES A COÑECER O TEU NOME”
  • “POLO TEU PROPIO NOME, O QUE TI ME DECHES”
  • “PAI, GLORIFICA O TEU NOME”
  • “DOU A MIÑA VIDA”
  • “ACABEI A OBRA QUE ME ENCARGACHES”
  • Por que é tan importante para nós o nome de Xehová?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • “Louvade o nome de Xehová”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Que nos ensina o rescate?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • “Escollede hoxe a quen ides servir”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 maio páxs. 20-25

ARTIGO DE ESTUDO 22

CANCIÓN sn 109 Alabemos o Primoxénito de Xehová!

Por que é tan importante para Xesús o nome de Xehová?

“Deilles a coñecer o teu nome e seguireino dando a coñecer” (XOÁN 17:26).

OBXECTIVO

Aprender como Xesús deu a coñecer o nome de Xehová e como santificou e vindicou ese nome.

1, 2. a) Que fixo Xesús a noite antes de morrer? b) Que preguntas imos analizar neste artigo?

ERA a noite do xoves 14 de nisán do ano 33 n. e. e Xesús estaba a punto de ser traizoado, xulgado, condenado, torturado e executado. Acababa de celebrar unha cea especial cos seus apóstolos fieis no cuarto de arriba dunha casa. Despois desa cea, Xesús díxolles ós seus apóstolos unhas últimas palabras de ánimo. E pouco antes de que todos marchasen de alí, fixo unha oración moi importante. Podemos lela no capítulo 17 de Xoán.

2 Como mostra a oración de Xesús o que lle preocupaba nese momento? E como demostra tamén o que era importante para el durante todo o seu ministerio aquí na Terra? Vexamos a resposta a estas dúas preguntas.

“DEILLES A COÑECER O TEU NOME”

3. Que dixo Xesús sobre o nome de Xehová e a que se refería? (Xoán 17:6, 26).

3 Na súa oración, Xesús dixo: “Deilles a coñecer o teu nome”. De feito mencionou isto dúas veces, o que demostra que este asunto era importante para el (le Xoán 17:6, 26). Que quixo dicir? Acaso necesitou explicarlles ós seus discípulos que o nome de Deus é Xehová? Eles eran xudeus, polo que xa sabían que Deus se chama Xehová. Este nome aparece miles de veces nas Escrituras Hebreas. Así que cando Xesús dixo estas palabras na súa oración, estábase referindo a que lles ensinara o que ese nome representa. Xesús deulles a coñecer a persoa que hai detrás do nome de Xehová, o que inclúe o seu propósito, o que fixo e as súas cualidades, dunha maneira que só el podía facer, porque ninguén coñece tan ben o seu Pai.

4, 5. a) Pon un exemplo que demostre como un nome pode chegar a ter máis significado e importancia para nós? b) De que maneira chegaron a coñecer mellor a Xehová os discípulos de Xesús?

4 Para entendelo, imaxina que na túa congregación hai un ancián que se chama David e que é médico. Coñécelo dende hai moitos anos. Pero un día tes unha emerxencia de saúde, así que te levan ó hospital onde traballa este irmán e el usa os seus coñecementos médicos para salvarche a vida. Verdade que agora o queres aínda máis e, cando escoitas o seu nome, pensas no que fixo por ti? David xa non é só o ancián que coñeces, senón que agora tamén é o médico que che salvou a vida.

5 De maneira parecida, os discípulos de Xesús xa coñecían o nome de Deus. Pero este nome chegou a ser máis importante e a ter máis significado para eles grazas ó ministerio de Xesús. Por que podemos dicir isto? Porque Xesús imitou o seu Pai en todo o que dixo e fixo. Así que, ó escoitar a maneira na que ensinaba e ver como trataba as persoas, os seus discípulos chegaron a coñecer mellor a Xehová (Xoán 14:9; 17:3).

“POLO TEU PROPIO NOME, O QUE TI ME DECHES”

6. En que sentido lle deu Xehová o seu propio nome a Xesús? (Xoán 17:11, 12).

6 Na súa oración, Xesús orou polos seus discípulos dicindo: “Coida deles polo teu propio nome, o que ti me deches” (le Xoán 17:11, 12). Significa isto que, a partir dese momento, Xesús se chamaría Xehová? Non. Fíxate en que cando falou sobre o nome de Xehová dixo: “Polo teu propio nome”. Así que non empezou a chamarse igual que seu Pai. Entón, a que se refería cando dixo que Deus lle dera o Seu nome? En primeiro lugar, el era o Seu representante e portavoz. Veu á Terra e fixo cousas impresionantes no Seu nome (Xoán 5:43; 10:25). Ademais, Xesús significa “Xehová é salvación”. Así que o propio nome de Xesús está moi relacionado co de Xehová.

7. Por que puido Xesús falar no nome de Xehová? Pon un exemplo.

7 Podemos ilustralo co exemplo dun embaixador. Como un embaixador representa a un gobernante, pode falar no seu nome. Así que as palabras do embaixador teñen a mesma autoridade que as do gobernante. De maneira parecida, Xesús representou a Xehová e faloulles ás persoas no Seu nome (Mat. 21:9; Luc. 13:35).

8. Por que incluso antes de que Xesús viñese á Terra Xehová dixo que levaba o Seu nome? (Éxodo 23:20, 21).

8 A Biblia di que Xesús é “a Palabra” porque Xehová utilizouno para darlles información e instrucións a outros anxos e a humanos (Xoán 1:1-3). Probablemente Xesús foi o anxo que Xehová mandou para que coidase dos israelitas durante o éxodo. Cando Xehová lle pediu ó seu pobo que obedecese ese anxo, tamén lle explicou o motivo, dicindo: “Pois leva con el o meu nome” (le Éxodo 23:20, 21).a Deus dixo isto porque Xesús represéntao e é quen principalmente defende e santifica o Seu nome.

“PAI, GLORIFICA O TEU NOME”

9. Que importancia tiña para Xesús o nome de Xehová? Explica a túa resposta.

9 Como xa vimos, para Xesús o nome de Xehová era moi importante incluso antes de vir á Terra. Por iso non nos sorprende que este nome estivese moi relacionado con tódalas cousas que fixo cando estivo aquí. Cara ó final do seu ministerio, pediulle a Xehová: “Pai, glorifica o teu nome”. Nese momento el contestoulle cunha voz moi forte dende o ceo, dicindo: “Xa o glorifiquei e volvereino a glorificar” (Xoán 12:28).

10, 11. a) Como glorificou Xesús o nome de Xehová? (Ver tamén a imaxe) b) Por que é necesario que se santifique e se vindique o nome de Xehová?

10 Xesús tamén glorificou o nome de seu Pai. Como? Unha maneira foi falándolles ós demais sobre as marabillosas cualidades que ten e as cousas incribles que fai. Pero tamén fixo algo máis. O nome de Xehová tiña que ser santificado e a súa reputación vindicada.b Xesús demostrou o importante que é isto cando lles ensinou ós seus discípulos a oración modelo. Nela dixo: “Noso Pai que estás nos ceos, que o teu nome sexa santificado” (Mat. 6:9).

11 Por que é necesario que se santifique e se vindique o nome de Xehová? Porque no xardín de Edén, Satanás deshonrouno e dixo mentiras sobre el. Acusouno de ser un mentireiro e de privar a Adán e Eva de algo bo (Xén. 3:1-5). Tamén deu a entender que a maneira de facer as cousas de Xehová non é a correcta. Desta forma atacou directamente a súa reputación, é dicir, o seu nome. Tempo despois, nos días de Xob, dixo que os que serven a Deus só o fan polo que poden obter a cambio. Ese mentireiro tamén afirmou que as persoas deixarían de servir a Xehová cando tivesen problemas, porque en realidade non o queren (Xob 1:9-11; 2:4). Necesitábase tempo para demostrar quen dicía a verdade, Xehová ou Satanás.

Xesús dando o Sermón do Monte a unha gran multitude de xente.

Xesús ensinoulles ós seus discípulos a importancia de santificar o nome de Deus (ver o parágrafo 10).


“DOU A MIÑA VIDA”

12. Que estivo disposto a facer Xesús polo amor que lle ten ó nome de Xehová?

12 Polo amor que lle ten a seu Pai, Xesús quixo facer todo o posible por santificar e vindicar o Seu nome. Por iso dixo: “Dou a miña vida” (Xoán 10:17, 18). Si, estivo disposto a morrer polo nome de Xehová.c Os primeiros humanos perfectos, Adán e Eva, rechazaron a Deus e puxéronse de parte de Satanás. En cambio, Xesús estivo disposto a vir á Terra e demostrar o seu amor por Deus obedecéndoo en todo o que fixo e dixo (Heb. 4:15; 5:7-10). Mantívose íntegro ata que morreu nun madeiro de tortura (Heb. 12:2). Desta maneira, demostrou o seu amor por Xehová e polo Seu nome.

13. Por que foi Xesús a persoa máis indicada para demostrar que Satanás é un mentireiro? (Ver tamén a imaxe).

13 Pola súa maneira de vivir, Xesús deixou claro que quen mente é Satanás, non Xehová (Xoán 8:44). El coñece a Deus mellor que calquera outra persoa que existise xamais. Se algo do que Satanás dixo sobre Xehová fose certo, Xesús saberíao. Pero el mantívose firme defendendo a reputación de seu Pai. Incluso cando parecía que Xehová o abandonara, estivo disposto a morrer antes que desobedecelo (Mat. 27:46).d

Xesús cravado nun madeiro de tortura.

Pola súa maneira de vivir, Xesús deixou claro que quen mente é Satanás, non Xehová (ver o parágrafo 13).


“ACABEI A OBRA QUE ME ENCARGACHES”

14. Como recompensou Xehová a fidelidade de Xesús?

14 Na oración que Xesús fixo a noite antes de morrer puido dicir: “Acabei a obra que me encargaches”. Confiaba en que Xehová recompensaría a súa fidelidade (Xoán 17:4, 5). E seu Pai non o decepcionou, xa que non permitiu que permanecese na tumba (Feit. 2:23, 24). Resucitouno e deulle unha posición superior no ceo (Filip. 2:8, 9). Co tempo, Xesús empezou a gobernar como Rei do Reino de Deus. Que conseguiría este Reino? A segunda parte da oración modelo dános a resposta: “Que veña o teu Reino. Que se faga a túa vontade [a de Xehová] tamén na terra coma no ceo” (Mat. 6:10).

15. Que máis fará Xesús?

15 Dentro de pouco, Xesús loitará contra os inimigos de Deus e destruirá os malvados en Armaxedón (Apoc. 16:14, 16; 19:11-16). Pouco despois botará a Satanás no “abismo”, onde estará preso e non poderá facer nada (Apoc. 20:1-3). Entón, durante o seu Reinado de Mil Anos, Xesús restaurará a paz na Terra e axudaralles ós humanos a chegar a ser perfectos. Tamén resucitará os mortos e fará que toda a Terra sexa un paraíso. Por fin se cumprirá o propósito de Xehová! (Apoc. 21:1-4).

16. Como será a vida despois do Reinado de Mil Anos?

16 Como será a vida despois do Reinado de Mil Anos? Desaparecerán o pecado e a imperfección da humanidade. Ninguén máis necesitará que se lle perdoen os pecados por medio do rescate. Xa non será necesario que os 144.000 sexan sacerdotes nin que Xesús sexa Sumo Sacerdote para que poidamos ser amigos de Xehová. E “o último inimigo, a morte, será destruído”. As tumbas quedarán baleiras, porque os mortos serán resucitados. Tódolos habitantes da Terra serán perfectos (1 Cor. 15:25, 26).

17, 18. a) Que pasará ó final do Reinado de Mil Anos? b) Que fará Xesús cando chegue o momento de que el deixe de reinar? (1 Corintios 15:24, 28) (Ver tamén a imaxe).

17 Ó final do Reinado de Mil Anos pasará outra cousa moi especial. O asunto da santificación do nome de Xehová estará resolto, ninguén dubidará nunca máis de que é un Deus santo e xusto. Por que? No xardín de Edén, Satanás acusou a Xehová de ser un mentireiro e de non gobernar os humanos por amor. Dende ese momento, os que serviron a Xehová santificaron o Seu nome unha e outra vez, deixando claro que facer as cousas á Súa maneira é o mellor. Así que, ó final do Reinado de Mil Anos, a reputación de Xehová estará totalmente vindicada. El terá demostrado sen ningunha dúbida que é un Pai celestial moi cariñoso.

18 Despois do Reinado de Mil Anos quedará demostrado dunha vez por todas que as acusacións de Satanás son falsas. Que fará Xesús cando chegue o momento de que el deixe de reinar? Actuará como Satanás e rebelarase contra Xehová? Non (le 1 Corintios 15:24, 28). Devolveralle o Reino a seu Pai e someterase á súa gobernación. A diferenza de Satanás, está disposto a cederlle toda a súa autoridade porque o quere moito.

Xesús no ceo, dándolle a súa coroa a Xehová.

Cando remate o seu Reinado de Mil Anos, Xesús estará disposto a devolverlle o Reino a Xehová (ver o parágrafo 18).


19. Que aprendemos sobre Xesús neste artigo?

19 Non nos sorprende que Xehová estivese disposto a que Xesús levase o seu nome, porque demostrou ser un representante perfecto. Está claro que o nome de Xehová é o máis importante para Xesús. Estivo disposto a morrer por ese nome e estará disposto a devolverlle todo a Xehová ó final do Reinado de Mil Anos. Como podemos imitar o seu exemplo? Iso é o que veremos no seguinte artigo.

QUE RESPONDERÍAS?

  • Como lles deu Xesús a coñecer o nome de Xehová ós seus discípulos?

  • En que sentido lle deu Xehová o seu nome a Xesús?

  • Que estivo disposto a facer Xesús polo nome de Xehová, e por que?

CANCIÓN sn 108 Enxalcemos a Xehová polo seu Reino

a Nalgunhas ocasións tamén houbo anxos que representaron a Xehová dando mensaxes no seu nome. É por este motivo que, ás veces, na Biblia se di que é Xehová quen fala cando en realidade o está facendo un anxo no Seu nome (Xén. 18:1-33). Aínda que nalgúns versículos das Escrituras se di que foi Xehová quen lle deu a Lei a Moisés, outros deixan claro que utilizou anxos para facelo (Lev. 27:34; Feit. 7:38, 53; Gál. 3:19; Heb. 2:2-4).

b IDEA IMPORTANTE: Santificar significa honrar, considerar como santo ou ter un profundo respecto. Vindicar significa limpar a reputación de alguén ou demostrar que as acusacións que se fixeron contra el son falsas.

c A morte de Xesús tamén conseguiu que a humanidade poida ter vida eterna.

d Mira o artigo “Preguntas de los lectores” de La Atalaya de abril de 2021, páxinas 30 e 31 (dispoñible en español).

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir