CAPÍTULO 25
“Apelo a César!”
Paulo pon o exemplo de como defender as boas noticias.
Baseado en Feitos 25:1–26:32
1, 2. a) En que situación se encontraba Paulo? b) Que pregunta poderiamos facernos sobre a decisión de Paulo de apelar a César?
PAULO segue en Cesarea. Os gardas vixíano constantemente. Hai dous anos, cando regresou a Xudea, os xudeus intentaron matalo polo menos tres veces en só uns días (Feit. 21:27-36; 23:10, 12-15, 27). E aínda que non o conseguiron, non se renden. Cando Paulo ve que pode caer outra vez nas mans dos seus inimigos, dille ó gobernador romano Festo: “Apelo a César!” (Feit. 25:11).
2 Apoiou Xehová a decisión de Paulo de apelar ó emperador de Roma? Saber a resposta a esta pregunta é importante para nós, que estamos dando testemuño do Reino de Deus no tempo do fin. Necesitamos saber se o que fixo Paulo é un modelo que deberiamos imitar ó defender e establecer legalmente as boas noticias (Filip. 1:7).
“Estou diante do tribunal” (Feitos 25:1-12)
3, 4. a) Que escondía a petición dos xudeus de levar a Paulo a Xerusalén, e como escapou o apóstolo da morte? b) Como nos axuda Xehová na actualidade igual que fixo con Paulo?
3 Ós tres días de ser nomeado gobernador de Xudea, Festo vai a Xerusalén.a Alí escoita as graves acusacións que lanzaron contra Paulo os sacerdotes principais e outros xudeus importantes. Estes homes saben que Roma lle pediu a Festo que fixese todo o posible por manter a paz cos xudeus. Aproveitando esta situación, pídenlle un favor: que leve a Paulo a Xerusalén para xulgalo alí. Pero esta petición esconde un plan malvado, pois teñen pensado matar a Paulo no camiño que vai de Cesarea a Xerusalén. Pero Festo non está de acordo e dilles: “Aqueles de vós que teñades autoridade vinde comigo [a Cesarea] e presentade as vosas acusacións contra el, se é que de verdade este home fixo algo malo” (Feit. 25:5). Unha vez máis, Paulo escapa da morte.
4 Xehová usou a Xesucristo para soster a Paulo durante tódalas súas probas. Tempo antes, Xesús dixéralle ó apóstolo nunha visión: “Sé valente!” (Feit. 23:11). Os servos de Deus da actualidade tamén nos enfrontamos a obstáculos e ameazas. Xehová non nos protexe de cada unha destas dificultades, pero si que nos dá sabedoría e forza para aguantalas. Sempre poderemos contar con “esa forza tan extraordinaria” que nos dá o noso amoroso Deus (2 Cor. 4:7).
5. Como actuou Festo no caso de Paulo?
5 Uns días despois, Festo “sentouse no tribunal” en Cesarea.b Diante del estaban Paulo e algúns xudeus que baixaran de Xerusalén. Estes acusaron o apóstolo de cousas que non podían demostrar. Pero el defendeuse dicindo: “Non cometín ningún pecado nin contra a Lei dos xudeus, nin contra o templo, nin contra César”. Paulo era inocente e merecía que o liberasen. Pero, que decisión tomaría Festo? Como quería ganar o favor dos xudeus, preguntoulle a Paulo: “Queres subir a Xerusalén para ser xulgado alí diante de min por estas cousas?” (Feit. 25:6-9). Que proposta tan absurda! Se o mandaba de volta a Xerusalén sería xulgado polos mesmos que o acusaban e seguro que desta vez conseguían matalo. En vez de defender a xustiza, Festo buscou os seus propios intereses, igual que fixera anos antes o gobernador Poncio Pilato con Xesús (Xoán 19:12-16). Na actualidade, é posible que algúns xuíces tamén cedan á presión política. Por iso non nos sorprende que nalgúns casos as sentenzas vaian en contra do pobo de Deus cando as probas indican o contrario.
6, 7. Por que apelou Paulo a César, e que precedente nos puxo ós cristiáns da actualidade?
6 O desexo de Festo de compracer os xudeus puido poñer en perigo a vida do apóstolo. Por iso Paulo utilizou un dos dereitos que tiña por ser cidadán romano. Díxolle a Festo: “Estou diante do tribunal de César e aquí é onde debo ser xulgado. Non fixen nada malo contra os xudeus, como ti mesmo podes ver. [...] Apelo a César!”. Normalmente cando unha persoa facía unha apelación coma esta non se podía volver atrás. Por iso Festo respondeulle: “Apelaches a César, así que a César irás” (Feit. 25:10-12). Ó apelar a unha autoridade superior, Paulo puxo un precedente para os cristiáns da actualidade. Cando os opositores intentan usar a lei para causarnos problemas, as testemuñas de Xehová usamos os recursos legais que temos ó noso alcance para defender as boas noticias (Sal. 94:20).c
7 Despois de estar no cárcere dous anos por crimes que non cometeu, a Paulo déuselle a oportunidade de presentar o seu caso en Roma. Pero antes de marchar quería velo outro gobernador.
Apelamos as sentenzas que se ditan na nosa contra.
“Eu obedecín” (Feitos 25:13–26:23)
8, 9. Por que foi o rei Agripa a Cesarea?
8 Uns días despois de que Festo escoitase a Paulo apelar a César, o rei Agripa e a súa irmá Berenice fixéronlle unha visita de cortesía ó novo gobernador.d Naquela época era habitual que os oficiais fixesen este tipo de visitas ós gobernadores que acababan de ser nomeados. Ó felicitar a Festo polo seu nomeamento, Agripa seguramente estaba intentando establecer lazos políticos e persoais que poderían serlle útiles no futuro (Feit. 25:13).
9 Festo faloulle a Agripa sobre Paulo, e o rei quedou moi intrigado. Ó día seguinte, os dous gobernantes entraron no tribunal con moita ostentación e sentáronse para escoitar a Paulo. Pero toda esa demostración de poder quedaría en nada en comparación coas palabras que o preso ía dicir a continuación (Feit. 25:22-27).
10, 11. Como lle demostrou respecto Paulo a Agripa, e que lle contou sobre o seu pasado?
10 Paulo demostroulle moito respecto a Agripa. Destacou que o rei era experto en tódolos costumes e controversias dos xudeus e agradeceulle a oportunidade de presentar diante del a súa defensa. Despois faloulle do seu pasado: “Vivín como fariseo de acordo co grupo máis estrito da nosa relixión” (Feit. 26:5). Cando era fariseo, Paulo esperaba a chegada do Mesías. E cando se fixo cristián, defendeu con valor que Xesucristo era ese Mesías que tanto tempo levaban esperando. Entón, Paulo explicoulle a Agripa que estaba sendo xulgado por predicar que xa se cumprira esa promesa de Deus, promesa na que crían tanto el coma os seus opositores. Isto deixou a Agripa aínda máis intrigado polo que Paulo tiña que dicir.e
11 A continuación Paulo explicou que no pasado perseguira os cristiáns con violencia. Dixo: “Eu mesmo estaba convencido de que tiña que usar tódolos medios posibles para loitar contra o nome de Xesús o Nazareno. [...] Como sentía tanta rabia contra eles [os discípulos de Cristo], cheguei ó punto de perseguilos incluso en cidades apartadas” (Feit. 26:9-11). Paulo non estaba esaxerando. Moitas persoas sabían da violencia coa que perseguira os cristiáns (Gál. 1:13, 23). Por iso, é posible que Agripa se preguntase: “Como puido cambiar tanto un home coma el?”.
12, 13. a) Como describiu Paulo a razón pola que se fixo cristián? b) Que significa que Paulo lle estivese dando “patadas ó aguillón”?
12 O que dixo Paulo a continuación respondía esta pregunta: “Fun a Damasco, porque os sacerdotes principais déranme a autoridade e o encargo de facer alí o mesmo. Pero ó mediodía, oh rei, vin no camiño unha luz do ceo máis brillante que o sol, que nos rodeou a min e ós que ían comigo. Cando todos caemos ó chan, oín unha voz que me dicía en hebreo: ‘Saulo, Saulo, por que me estás perseguindo? Estaslle dando patadas ó aguillón e estaste facendo dano a ti mesmo’. Eu pregunteille: ‘Señor, ti quen es?’. E el contestoume: ‘Son Xesús, a quen estás perseguindo’” (Feit. 26:12-15).f
13 Antes deste suceso sobrenatural, Paulo estáballe dando “patadas ó aguillón” de forma figurada. En tempos bíblicos usábase unha vara cunha punta afiada para guiar os animais. Igual que un animal de carga se faría dano innecesariamente ó darlle patadas a ese aguillón, Paulo estábase facendo dano en sentido espiritual ó resistirse a facer a vontade de Deus. Pero aínda que estaba equivocado, era sincero. Por iso cambiou a súa forma de pensar cando Xesús se lle apareceu de camiño a Damasco (Xoán 16:1, 2).
14, 15. Que dixo Paulo sobre os cambios que fixera na súa vida?
14 A continuación Paulo explícalle a Agripa o moito que cambiou a súa vida: “Eu obedecín o que Xesús me mandou nesa visión. Primeiro fun ós de Damasco, despois ós de Xerusalén e a toda a rexión de Xudea, e tamén ás nacións. Leveilles a mensaxe de que se arrepentisen e se volvesen a Deus, e demostrasen con feitos o seu arrepentimento” (Feit. 26:19, 20). Paulo pasou moitos anos cumprindo a comisión que Xesús lle encargara cando ía de camiño a Damasco. Como resultado, os que aceptaron as boas noticias que predicaba arrepentíronse da súa vida inmoral e deshonesta, e empezaron a facer a vontade de Deus. Ademais, chegaron a ser bos cidadáns obedecendo a lei e promovendo a paz en calquera sitio onde vivisen.
15 Pero ós xudeus opositores dáballes igual que a mensaxe de Paulo beneficiase as persoas. O apóstolo continúa dicindo: “Por iso os xudeus me colleron no templo e intentaron matarme. Pero, grazas á axuda de Deus, sigo dando testemuño ata o día de hoxe tanto a grandes como a pequenos” (Feit. 26:21, 22).
16. Como podemos imitar a Paulo se temos que falar con xuíces e gobernantes sobre as nosas crenzas?
16 Como verdadeiros cristiáns debemos estar sempre listos para defender a nosa fe (1 Ped. 3:15). Se temos que falar con xuíces e gobernantes sobre as nosas crenzas, podemos imitar a forma en que Paulo lles falou a Agripa e a Festo. Podemos falarlles con respecto de como a Biblia mellorou a nosa vida e tamén a das persoas que escoitaron a nosa mensaxe. Quizais isto toque o corazón dos que nos están xulgando.
“Non ías tardar moito en convencerme para que me fixese cristián” (Feitos 26:24-32)
17. Como reaccionou Festo ó que dixo Paulo, e que actitude parecida teñen moitas persoas hoxe?
17 O que dixo Paulo non deixou indiferentes a Festo e a Agripa. Fíxate no que pasou a continuación: “Mentres Paulo dicía estas cousas na súa defensa, Festo berrou: ‘Toleaches, Paulo! De tanto estudar, fóiseche a cabeza!’” (Feit. 26:24). Na actualidade moitas persoas reaccionan de forma parecida. Pensan que os que ensinamos o que di a Biblia somos uns ignorantes. Ademais, ás persoas cultas deste mundo cústalles moito aceptar a ensinanza bíblica da resurrección.
18. Como lle respondeu Paulo a Festo, e que dixo Agripa despois?
18 Paulo contestoulle ó gobernador: “Non me volvín tolo, excelentísimo Festo. O que digo é certo e ten sentido. De feito, sei que o rei ó que lle estou falando con tanta franqueza coñece moi ben todas estas cousas”. Dirixíndose ó rei Agripa, Paulo preguntoulle: “Cres no que din os Profetas? Eu sei que cres”. Agripa respondeulle: “Non ías tardar moito en convencerme para que me fixese cristián” (Feit. 26:25-28). Non sabemos se as palabras do rei foron sinceras ou non, pero está claro que o que lle dixo Paulo tivo un profundo efecto nel.
19. Que decidiron Festo e Agripa con respecto a Paulo?
19 Entón Agripa e Festo puxéronse de pé dando a entender que a audiencia terminara. “Mentres ían saíndo, dicíanse uns ós outros: ‘Este home non fixo nada polo que mereza morrer nin estar preso’. E Agripa díxolle a Festo: ‘Este home xa podería estar libre se non apelase a César’”. (Feit. 26:31, 32) Estes dous homes sabían que Paulo era inocente. É posible que a partir dese momento tivesen unha mellor opinión dos cristiáns e comezasen a tratalos mellor.
20. Que conseguiu Paulo co testemuño que lles deu a estes dous gobernantes?
20 Non hai nada que indique que estes gobernantes poderosos aceptasen as boas noticias do Reino de Deus. Significa iso que o que dixo Paulo non serviu de nada? Non. O testemuño que Paulo deu “ante reis e gobernadores” en Xudea permitiu que as boas noticias chegasen a altos funcionarios do goberno romano que doutra forma serían inaccesibles (Luc. 21:12, 13). Ademais, o que lle pasou e a lealdade que demostrou baixo esta proba fortaleceu moito a fe dos seus irmáns (Filip. 1:12-14).
21. Que resultados positivos podemos conseguir se seguimos predicando a pesar das dificultades?
21 O mesmo pasa hoxe en día. Cando seguimos predicando a pesar da oposición ou das dificultades conseguimos resultados moi positivos. Quizais poidamos predicarlles a oficiais do goberno ós que sería difícil acceder doutro modo. Ademais, o noso aguante pode animar moito os nosos irmáns e tamén pode motivalos a demostrar aínda máis valor cando dan testemuño completo do Reino de Deus.
a Mira o recadro “O gobernador romano Porcio Festo”.
b A expresión “sentouse no tribunal” fai referencia a un estrado no que había unha cadeira onde se sentaba o xuíz. Esta posición elevada dáballe peso ás súas decisións e facía que a xente as vise como inapelables. Esta expresión tamén se utiliza cando Pilato escoitou os cargos contra Xesús.
c Mira o recadro “Apelamos nos tribunais para defender a adoración verdadeira”.
d Mira o recadro “O rei Herodes Agripa II”.
e Como cristián, Paulo aceptou a Xesús como o Mesías. Por iso os xudeus, que rechazaban a Xesús, consideraban a Paulo un apóstata (Feit. 21:21, 27, 28).
f Con respecto ó que dixo Paulo de que estaba viaxando ó mediodía, un experto explica: “A non ser que tivese que facer algo moi importante, un viaxeiro descansaba durante as horas máis calorosas do día. Isto axúdanos a entender o empeñado que estaba Paulo en perseguir os cristiáns” (The Acts of the Apostles, Revised Edition, escrito por William Barclay).