BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • bt cap. 24 páxs. 189-195
  • “Sé valente!”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • “Sé valente!”
  • Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • Frustran unha conspiración (Feitos 23:11-34)
  • “Presento a miña defensa” (Feitos 23:35–24:21)
  • “Félix asustouse” (Feitos 24:22-27)
  • “Escoitade o que teño que dicirvos na miña defensa”
    Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
bt cap. 24 páxs. 189-195

CAPÍTULO 24

“Sé valente!”

Os xudeus planean matar a Paulo e el deféndese ante Félix.

Baseado en Feitos 23:11–24:27

1, 2. Por que non colleu por sorpresa a Paulo a persecución á que se enfrontou en Xerusalén?

DESPOIS de ser liberado dunha multitude violenta en Xerusalén, Paulo volve a estar preso. Pero a persecución non o colle por sorpresa. El mesmo dixera que o ían meter no cárcere e que ía pasar por dificultades nesta cidade (Feit. 20:22, 23). Aínda que non sabe exactamente o que lle espera, o que si sabe é que seguirá sufrindo por anunciar o nome de Xesús (Feit. 9:16).

2 Algúns profetas cristiáns tamén advertiron a Paulo de que non fose a Xerusalén porque o ían atar e entregar “nas mans de xente das nacións” (Feit. 21:4, 10, 11). Hai pouco un grupo de xudeus intentou matalo. Despois, estando diante do Sanedrín, houbo unha discusión tan grande que a súa vida tamén correu perigo. Agora, o apóstolo está preso baixo a custodia de soldados romanos e vaise enfrontar a máis probas e acusacións (Feit. 21:31; 23:10). Canto ánimo vai necesitar Paulo!

3. De onde recibimos o ánimo que necesitamos para seguir co noso ministerio?

3 Neste tempo do fin sabemos que “tódolos que queiran vivir coma bos cristiáns padecerán persecución” (2 Tim. 3:12). Por iso, de vez en cando necesitamos ánimo para seguir co noso ministerio. Que agradecidos lle estamos ó “escravo fiel e prudente” por darnos xusto no momento oportuno o ánimo que necesitamos mediante as publicacións e as reunións (Mat. 24:45). Xehová prometeunos que ningún inimigo poderá destruír os seus servos como grupo nin deter a obra de predicar (Is. 54:17; Xer. 1:19). Que pasou no caso de Paulo? Recibiu el ánimo para seguir dando testemuño completo a pesar da oposición? Se foi así, como o recibiu e que efecto tivo nel?

Frustran unha conspiración (Feitos 23:11-34)

4, 5. Como recibiu Paulo o ánimo que necesitaba, e por que foi xusto no momento apropiado?

4 Despois de ser rescatado do Sanedrín, o apóstolo necesita moito ánimo. E xusto o recibe esa mesma noite. O relato inspirado di: “O Señor aparecéuselle a Paulo e díxolle: ‘Sé valente! Porque, igual que deches testemuño completo de min en Xerusalén, tamén terás que dar testemuño en Roma’” (Feit. 23:11). As palabras de Xesús animan moito a Paulo. Agora ten a seguridade de que se salvará e de que irá a Roma, onde terá o privilexio de dar testemuño acerca de Xesús.

O sobriño de Paulo falándolle a Claudio Lisias.

“Teñen máis de 40 homes preparados para tenderlle unha emboscada.” (Feitos 23:21)

5 Paulo recibe o ánimo que necesita xusto a tempo. Ó día seguinte, máis de corenta homes “tramaron unha conspiración e fixeron o xuramento de non comer nin beber ata que matasen a Paulo”. O feito de que xuren participar nesta conspiración demostra o decididos que están estes xudeus a matar o apóstolo. Cren que, se non cumpren o seu obxectivo, caerá sobre eles unha maldición (Feit. 23:12-15). O seu plan —que conta coa aprobación do sumo sacerdote e dos anciáns— é pedir que leven a Paulo ante o Sanedrín coa escusa de facerlle máis preguntas. Pero en realidade a súa idea é tenderlle unha emboscada de camiño e matalo.

6. Como soubo Paulo do plan para matalo, e que poden aprender deste relato os rapaces?

6 O sobriño de Paulo escoita falar deste plan e vai contarllo ó seu tío. A continuación, Paulo dille a este rapaz, de quen non sabemos o nome, que informe a Claudio Lisias, o comandante do exército romano (Feit. 23:16-22). Está claro que Xehová quere moito os rapaces que, igual que o sobriño de Paulo, se sacrifican polos seus irmáns e fan todo o posible por apoiar os intereses do Reino.

7, 8. Que fixo Claudio Lisias para manter a Paulo a salvo?

7 Claudio Lisias é un comandante militar que ten baixo as súas ordes a mil homes. En canto sabe o que planean facerlle a Paulo, xunta 470 militares —entre soldados, lanceiros e xinetes— e ordénalles que leven ó apóstolo de Xerusalén a Cesarea e que llo entreguen san e salvo ó gobernador Félix.a Cesarea é a capital administrativa da provincia romana de Xudea e o cuartel xeral do exército naquela rexión. Aínda que alí viven moitos xudeus, está habitada principalmente por xentís. Por iso a situación desta cidade é moi diferente á de Xerusalén, onde hai moita violencia por culpa dos prexuízos relixiosos.

8 Cumprindo coa Lei romana, Lisias envíalle unha carta a Félix para explicarlle a situación. Menciónalle que Paulo é un cidadán romano ó que rescatou cando os xudeus “estaban a punto de matalo”. Tamén lle explica que non encontrou nel “nada que merecese a morte ou a prisión” e que llo manda porque se formou unha conspiración. Desta maneira, Lisias espera que sexa Félix quen tome unha decisión sobre o asunto despois de escoitar os que acusan a Paulo (Feit. 23:25-30).

9. a) Como violou Lisias os dereitos de Paulo como cidadán romano? b) Por que é posible que ás veces teñamos que botar man dos nosos dereitos como cidadáns?

9 Era certo o que escribiu Lisias na súa carta? Non de todo. Parece que fixo todo o posible por quedar ben diante do gobernador. En realidade non rescatara a Paulo porque fose cidadán romano. Tampouco mencionou que mandara poñerlle “dúas cadeas” e “que o interrogasen dándolle lategazos” (Feit. 21:30-34; 22:24-29). Ó facer isto, Lisias estaba violando os dereitos de Paulo como cidadán romano. Na actualidade, Satanás usa fanáticos relixiosos para perseguir o pobo de Deus e limitar os seus dereitos e liberdades. Pero igual que Paulo, moitas veces nós tamén podemos usar os nosos dereitos como cidadáns dun país para protexernos.

“Presento a miña defensa” (Feitos 23:35–24:21)

10. Que graves acusacións se fixeron contra Paulo?

10 En Cesarea, Paulo queda “baixo custodia no palacio de Herodes” mentres espera a que cheguen de Xerusalén os seus acusadores (Feit. 23:35). Cinco días máis tarde chega o sumo sacerdote Ananías xunto cun avogado chamado Tértulo e un grupo de anciáns. Tértulo empeza adulando a Félix por todo o que está facendo polos xudeus, posiblemente co obxectivo de ganar o seu favor.b Despois, falando de Paulo, Tértulo di: “Este home é coma a peste. Anda promovendo rebelións entre tódolos xudeus por toda a terra e é un líder da seita dos nazarenos. Tamén intentou profanar o templo, e por iso o arrestamos”. Os outros xudeus tamén apoian esas acusacións (Feit. 24:5, 6, 9). Paulo é acusado de sedición, de ser o líder dunha seita perigosa e de profanar o templo. Estas acusacións son tan graves que poderían facer que o condenen á morte.

11, 12. Como se defendeu Paulo das acusacións?

11 A continuación, permíteselle falar a Paulo, quen lle di a Félix: “Presento a miña defensa diante de ti de boa gana”. O apóstolo empeza a súa defensa negando rotundamente aquelas acusacións. El non profanou o templo nin tampouco intentou empezar unha rebelión. Explica que en realidade levaba “moitos anos” fóra de Xerusalén e que volveu para traer “doazóns” para os cristiáns que empobreceran por culpa da fame e da persecución. Paulo insiste en que estaba “limpo cerimonialmente” cando entrou no templo e que se esforzou “por seguir tendo a conciencia limpa diante de Deus e dos homes” (Feit. 24:10-13, 16-18).

12 Aínda así, Paulo admite que adora o Deus dos seus antepasados seguindo “este camiño que eles chaman seita”. Pero insiste en que cre “en tódalas cousas que están escritas na Lei e en todo o que escribiron os Profetas”. Igual que os seus acusadores, el tamén ten a “esperanza de que vai haber unha resurrección tanto de xustos coma de inxustos”. Entón, desafía os seus acusadores para que aporten probas. Di: “Que os homes que están aquí digan de que delito me consideraron culpable cando estiven diante do Sanedrín. Só me poden acusar dunha cousa: de que mentres estaba alí de pé no medio deles dixen ben alto ‘Hoxe estáseme xulgando porque creo na resurrección dos mortos!’” (Feit. 24:14, 15, 20, 21).

13-15. Por que é Paulo un bo exemplo para nós se algunha vez temos que falar ante as autoridades?

13 Paulo púxonos un bo exemplo se algunha vez temos que falar ante as autoridades por causa da nosa adoración e nos acusan falsamente de promover a violencia ou a rebelión, ou de pertencer a unha seita perigosa. El non adulou o gobernador para ganar o seu favor como fixera Tértulo. Mantivo a calma e faloulle con respecto. Pero, aínda que foi amable, tamén foi claro e honesto. Dixo que os “xudeus da provincia de Asia” que o acusaran de profanar o templo non estaban alí presentes e que non tiña forma de escoitalos e defenderse das súas acusacións (Feit. 24:18, 19).

14 Pero o máis importante é que Paulo non desperdiciou a oportunidade de dar testemuño sobre as súas crenzas. Con valor, volveu falar sobre a resurrección, tema que xa dera problemas cando declarara diante do Sanedrín (Feit. 23:6-10). Por que lle deu tanta importancia a este tema? Porque estaba dando testemuño de Xesús e da súa resurrección, algo que os seus opositores non aceptaban (Feit. 26:6-8, 22, 23). De feito, a razón principal pola que Paulo estaba nesta situación era que cría na resurrección, e máis concretamente na resurrección de Xesús.

15 Igual que Paulo, nós tamén podemos dar testemuño se algunha vez estamos nunha situación parecida. E podemos obter o valor necesario do que Xesús lles dixo ós seus discípulos: “Pola miña causa seredes aborrecidos por todos, pero o que persevere ata o final, ese hase salvar”. Deberiamos preocuparnos polo que imos dicir? Non, porque Xesús tamén prometeu: “Cando vos leven para vos entregaren, non andedes agoniados polo que ides dicir; falade como vos veña á idea no momento; porque non seredes vós, senón o Espírito Santo quen fale” (Mar. 13:9-13).

“Félix asustouse” (Feitos 24:22-27)

16, 17. a) Como manexou Félix o caso de Paulo? b) Por que é posible que se asustase Félix, e con que intención volveu falar con Paulo?

16 Esta non era a primeira vez que o gobernador Félix escoitaba falar do Camiño, termo que se utilizaba para referirse á congregación cristiá daquel tempo. O relato di: “Félix, que coñecía bastante ben todo o que tiña que ver con este Camiño, pospuxo o caso e díxolles a todos: ‘Cando baixe o comandante militar Lisias tomarei unha decisión sobre o voso caso’. Entón, mandoulle ó oficial do exército que o deixase preso pero que lle dese certa liberdade e que lle permitise á súa xente atendelo” (Feit. 24:22, 23).

17 Uns días despois “chegou Félix coa súa muller Drusila, que era xudía, e mandou que fosen buscar a Paulo para que lles explicase o que tiñan que facer as persoas para crer en Cristo Xesús” (Feit. 24:24). Aínda así, cando Paulo lles falou “da xustiza, do autocontrol e do xuízo que vai vir, Félix asustouse”, quizais porque lle atormentaba a conciencia polas cousas malas que fixera no pasado. Así que despediu a Paulo dicíndolle: “De momento vaite. Cando teña tempo, volvereite chamar”. Despois diso Félix mandou chamar a Paulo moitas veces, pero non porque quixese aprender a verdade, senón porque esperaba que lle dese un suborno (Feit. 24:25, 26).

18. Por que lles falou Paulo a Félix e a súa muller “da xustiza, do autocontrol e do xuízo que vai vir”?

18 Por que lles falou Paulo a Félix e a súa muller “da xustiza, do autocontrol e do xuízo que vai vir”? Recorda que eles querían saber “o que tiñan que facer as persoas para crer en Cristo Xesús”. Paulo sabía que Félix e a súa muller eran inmorais, crueis e inxustos, e por iso deixou claro o que espera Deus dos que queren ser seguidores de Xesús. O que dixo mostrou o enorme contraste que había entre as normas de Deus e a forma de actuar desta parella. Iso debería axudarlles a entender que tódolos humanos teñen que renderlle contas a Deus polo que pensan, polo que din e polo que fan, e que o xuízo de Deus é máis importante que o xuízo ó que se estaba enfrontando Paulo. Normal que Félix se asustase tanto!

19, 20. a) Que deberiamos facer se na predicación encontramos unha persoa que mostra certo interese, pero non ten ningunha intención de cambiar o seu estilo de vida? b) Como sabemos que Félix non era amigo de Paulo?

19 Cando imos predicar é posible que encontremos persoas que son coma Félix. Ó principio, poida que demostren certo interese na verdade, pero no fondo non teñen ningunha intención de cambiar o seu estilo de vida. Deberiamos ter coidado cando intentamos axudar a esa clase de persoas. Aínda así, igual que fixo Paulo, podemos explicarlles con tacto cales son as xustas normas de Xehová. Quizais isto lles toque o corazón. Pero se é evidente que non teñen ningunha intención de cambiar, deixémolas e busquemos as persoas que de verdade queren coñecer a Deus.

20 No caso de Félix, quedou claro o que tiña no corazón polo que explica o relato a continuación: “Dous anos despois, Porcio Festo pasou a ocupar o posto de Félix como gobernador, pero Paulo aínda seguía preso porque Félix quería quedar ben cos xudeus” (Feit. 24:27). Está claro que Félix non era amigo de Paulo. Sabía que os seguidores do “Camiño” non intentaban rebelarse contra o goberno nin promover ningunha sedición (Feit. 19:23). Ademais sabía que Paulo non violara ningunha lei romana, pero deixouno no cárcere porque “quería quedar ben cos xudeus”.

21. Que lle pasou a Paulo despois de que Porcio Festo chegase a ser gobernador, e que lle axudou a manterse forte?

21 Segundo Feitos 24:27, Paulo seguía preso cando Porcio Festo sucedeu a Félix como gobernador. A partir deste momento, este valente apóstolo tivo que presentar a súa defensa unha e outra vez “ante reis e gobernadores” (Luc. 21:12). Como veremos máis adiante, incluso daría testemuño ante o gobernante máis poderoso do seu tempo. A pesar de todo isto a fe de Paulo nunca se debilitou. Está claro que conseguiu manterse forte grazas ás palabras de Xesús: “Sé valente!”.

FÉLIX, GOBERNADOR DE XUDEA

Arredor do ano 52, o emperador romano Claudio nomeou procurador ou gobernador de Xudea a Antón Félix, que era un dos seus favoritos. Igual que o seu irmán Palas, Félix fora un escravo da familia do emperador que quedara libre. Esa era a primeira vez que se nomeaba gobernador con autoridade militar a un home que fora escravo.

Félix.

Segundo o historiador romano Tácito, Félix “cría que podía cometer todo tipo de actos malvados con impunidade” grazas á influencia que tiña o seu irmán sobre o emperador. Como procurador, “practicou todo tipo de crueldades e luxurias, exercendo o poder dun rei, pero cos instintos dun escravo”. Mentres era procurador convenceu a Drusila, que era filla de Herodes Agripa I, para que deixase o seu home e casase con el. Félix era corrupto e tratou a Paulo de forma ilegal ó esperar que o apóstolo lle dese un suborno.

A súa administración era tan corrupta e opresiva que o emperador Nerón o chamou de volta a Roma no ano 58. Detrás del foi unha delegación de xudeus que quería acusalo por tódalas cousas malas que fixo durante o seu goberno. Pero parece ser que o seu irmán Palas o salvou do castigo.

a Mira o recadro “Félix, gobernador de Xudea”.

b Tértulo agradeceulle a Félix a gran paz da que desfrutaba a nación grazas a el. Pero a verdade é que o período no que gobernou Félix foi máis violento que o de calquera outro gobernador romano, excepto cando os xudeus se rebelaron. Tampouco era certo que os xudeus sentisen unha “inmensa gratitude” polas reformas que fixera Félix. De feito a maioría dos xudeus odiaban a Félix porque o culpaban de que as súas vidas fosen miserables e pola súa brutalidade ó parar as revoltas (Feit. 24:2, 3).

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir