ARTIGO DE ESTUDO 52
Axudémoslles a outros a aguantar cando pasen por momentos difíciles
“Non lle negues un favor a quen ten dereito a el, cando está no teu poder o concedelo” (PR. 3:27).
CANCIÓN sjj 103 Os anciáns son un regalo de Deus
AVANCEa
1. Como responde moitas veces Xehová as oracións dos seus servos?
SABÍAS que Xehová pode usarte para responder unha oración de corazón que faga alguén? Isto pasa tanto se es ancián, servo ministerial, pioneiro ou un publicador da congregación. Non importa se es novo, vello, un irmán ou unha irmá. Cando alguén que ama a Xehová lle pide axuda, moitas veces Deus usa os anciáns ou outros servos fieis para que sexan “un bo alivio”, é dicir, para que consolen e animen esa persoa (Col. 4:11). É un privilexio servir a Xehová e os nosos irmáns desta forma! Imos ver como podemos axudarlles e consolalos cando hai unha epidemia, un desastre ou cando nos perseguen.
AXUDÉMOSLLES A OUTROS DURANTE UNHA EPIDEMIA
2. Por que pode ser un desafío axudarlles a outros durante unha epidemia?
2 Unha epidemia pode facer que non nos sexa fácil axudarnos uns ós outros. Por exemplo, é probable que queiramos visitar os nosos amigos, pero que non sexa seguro facelo. Ou pode que queiramos invitar a comer á nosa casa a algún irmán que ten pouco en sentido material, pero que tampouco sexa posible. Ó mellor queremos axudarlles a outros, pero pode ser todo un desafío se os membros da nosa propia familia están enfermos ou pasando por problemas económicos. Aínda así, queremos axudarlles ós nosos irmáns, e a Xehová gústalle ver que facemos todo o que podemos por eles (Pr. 3:27; 19:17). Que podemos facer?
3. Que aprendemos do exemplo dos anciáns da congregación de Desi? (Xeremías 23:4).
3 O que poden facer os anciáns. Se es ancián, tes que coñecer ben as ovelliñas (le Xeremías 23:4). Desi, unha das irmás que mencionamos no artigo anterior, di: “Os anciáns do meu grupo de predicación sempre predicaban comigo e con outros irmáns, e tamén viñan cando pasabamos tempo xuntos”.b Isto fixo que lles fose máis fácil axudarlle a Desi cando empezou a pandemia da COVID-19 e varios dos seus familiares morreron por culpa do virus.
4. Por que foron capaces os anciáns de axudarlle a Desi, e que aprendemos do seu exemplo?
4 Desi explica: “Como os anciáns xa eran os meus amigos, foime fácil contarlles como me sentía e o que me preocupaba”. Que podedes aprender os anciáns disto? É importante que pastoreedes os que están baixo o voso coidado antes de que haxa problemas. Tedes que ser os seus amigos. Se hai unha epidemia que vos impida visitalos en persoa, contactade con eles doutras formas. Desi comenta: “Ás veces, varios anciáns chamábanme ou mandábanme mensaxes no mesmo día. Os textos da Biblia que compartiron comigo chegáronme ó corazón, incluso cando eran textos que xa coñecía ben”.
5. a) Como poden saber os anciáns o que necesitan os irmáns? b) Como poden axudarlles?
5 Unha maneira de saber o que necesitan os teus irmáns é facéndolles preguntas con tacto (Pr. 20:5). Teñen suficiente comida, medicamentos e outras cousas que poidan necesitar? Están en perigo de perder o seu traballo ou incluso a súa casa? Necesitan que lles botes unha man para pedir algunha axuda do goberno? Desi recibiu axuda material dos seus irmáns. Pero o que máis lle axudou a aguantar foi o apoio emocional e espiritual dos anciáns. Ela di: “Os anciáns oraron comigo. Aínda que non podo recordar o que me dixeron exactamente, si que recordo como me sentín. Foi o que Xehová usou para dicirme: ‘Eu estou contigo’” (Is. 41:10, 13).
Un irmán dirixindo unha parte na reunión. Está feliz de escoitar os comentarios animadores dos que están presentes e o dun irmán enfermo que se conecta por videochamada (ver o parágrafo 6).
6. Que poden facer moitos na congregación para axudar a outros? (Ver a imaxe).
6 O que poden facer os demais. É normal que esperemos que os anciáns sexan os primeiros en coidar dos irmáns. Pero Xehová quere que todos nos animemos uns ós outros (Gál. 6:10). Ata as pequenas mostras de cariño poden animar moito unha persoa que está enferma. Por exemplo, un neno podería enviar unha carta ou un debuxo para animar un irmán. Ou un rapaz podería facerlle a compra ou outro recado a unha irmá. Pode que alguén na congregación lle prepare unha comida a un irmán que está enfermo e lla deixe na súa casa. Por suposto, cando hai unha epidemia, todos na congregación necesitamos ánimo. Quizais poidamos quedarnos un pouco máis despois das reunións para falar cos irmáns, tanto en persoa como por videochamada. Ademais, os anciáns tamén necesitan que os animemos. Cando hai unha epidemia, é normal que estean máis ocupados. Por iso algúns irmáns lles mandan notiñas de agradecemento. Que bo é que nos esforcemos por animarnos e fortalecernos “uns a outros”! (1 Tes. 5:11).
AXUDÉMOSLLES A OUTROS CANDO HAI UN DESASTRE
7. Que cousas poden ser un desafío despois dun desastre?
7 Un desastre pode cambiar totalmente a vida dunha persoa nun abrir e pechar de ollos. As vítimas poden perder as súas posesións, a súa casa, ou incluso os seus seres queridos. Todas estas cousas terribles tamén lles poden pasar ós nosos irmáns e irmás. Que podemos facer para axudarlles?
8. Que poden facer os anciáns e os cabezas de familia antes de que haxa un desastre?
8 O que poden facer os anciáns. Anciáns, axudádelles ós irmáns a estar preparados antes de que haxa un desastre. Asegurádevos de que tódolos que forman parte da congregación saben que pasos teñen que dar para poñerse a salvo e como contactar cos anciáns se hai un desastre. Margaret, unha das irmás que mencionamos no artigo anterior, di: “Os anciáns presentaron unha parte nos asuntos locais avisándonos de que aínda había risco de incendio na nosa zona. Dixeron que debiamos marchar inmediatamente se as autoridades ordenaban unha evacuación ou se a situación se volvía perigosa”. Os irmáns recibiron esta información xusto a tempo, xa que cinco semanas máis tarde houbo un incendio moi perigoso. Durante a adoración en familia, os cabezas de familia poden repasar o que debe facer cada un dos que vive na súa casa. Se vós e os vosos fillos estades preparados, será máis fácil que manteñades a calma en caso de que ocorra un desastre.
9. Como poden os anciáns organizar os seus esforzos antes e despois dun desastre?
9 Se es superintendente de grupo, non esperes a que haxa un desastre. Máis ben, asegúrate de que tes os números de teléfono e os enderezos de tódolos que están no teu grupo de predicación. Fai unha lista e mantena actualizada. Entón, en caso de desastre, poderás contactar con cada publicador para ver que necesita. En canto o fagas, informa o coordinador do corpo de anciáns para que avise o superintendente de circuíto. Todo este traballo en equipo permite que se lles axude o mellor posible ós irmáns. Despois do incendio, o superintendente de circuíto de Margaret non durmiu nada durante 36 horas. Estivo moi ocupado coordinando os esforzos dos anciáns por contactar e coidar duns 450 irmáns que tiveron que marchar das súas casas (2 Cor. 11:27). Desta maneira, déuselles axuda e refuxio a tódolos irmáns que o necesitaron.
10. Por que é importante para os anciáns pastorear os irmáns da congregación? (Xoán 21:15).
10 Os anciáns teñen a responsabilidade de axudarlles ós irmáns en sentido espiritual e emocional (1 Pe. 5:2). Se ocorre un desastre, primeiro deben asegurarse de que cada irmán estea a salvo e de que teña comida, roupa e un sitio onde estar. Ademais, é probable que necesiten apoio espiritual e emocional durante moitos meses (le Xoán 21:15). Harold, que é membro dun comité de sucursal e que coñeceu moitos irmáns que pasaron por desastres, di: “Leva tempo recuperarse. Pode parecer que as súas vidas volven á normalidade, pero entón vólvelles á mente algún ser querido que perderon, algunha cousa á que lle tiñan moito cariño ou o pouco que lles faltou para morrer. Estes recordos poden facer que estean tristes outra vez. Isto é algo normal, non quere dicir que lles falte fe”.
11. Que poden necesitar as familias despois dun desastre?
11 Os anciáns tómanse moi en serio este consello: “Chorade cos que choran” (Rm. 12:15). Pode que os irmáns que pasaron por un desastre necesiten que os anciáns lles aseguren que Xehová e os seus irmáns os queren moito. Por outro lado, os anciáns queren axudarlles ás familias a manter a súa rutina espiritual, incluído o estudo persoal, a oración, as reunións e a predicación. Tamén poden animar os pais para que lles axuden ós seus fillos a centrarse nas cousas que ningún desastre pode destruír. Pais, recordádelles ós vosos fillos que Xehová sempre será o seu Amigo e que sempre lles axudará. Ademais, asegurádevos de explicarlles que sempre terán unha familia de irmáns e irmás que están listos para axudarlles (1 Pe. 2:17).
Podes ofrecerte para axudar cando haxa un desastre na túa zona? (Ver o parágrafo 12).e
12. Que poden facer os demais para axudar cos labores de socorro? (Ver a imaxe).
12 O que poden facer os demais. Se hai un desastre cerca da túa zona, pregúntalles ós anciáns como podes axudar. Quizais poidas ofrecer aloxamento temporal para os que tiveron que deixar a súa casa ou para os voluntarios de construción. Igual podes levarlles comida ós irmáns, ou outras cousas que necesiten. Pero, como podes axudarlles se o desastre ocorreu nun lugar lonxe da túa zona? Orando por eles (2 Cor. 1:8-11). Tamén podes apoiar os labores de socorro facendo unha doazón para a obra mundial (2 Cor. 8:2-5). Se che é posible viaxar a unha zona afectada por un desastre para botar unha man, pregúntalles ós anciáns como podes facerte dispoñible. Se te invitan a ir, é probable que recibas algo de capacitación para que poidas axudar da mellor maneira posible.
AXUDÉMOSLLES ÓS IRMÁNS A AGUANTAR A PERSECUCIÓN
13. A que desafíos se enfrontan os irmáns que están en territorios onde a nosa obra está prohibida?
13 Nos territorios onde a nosa obra está prohibida, a persecución failles a vida máis difícil ós nosos irmáns. Os que están nesas zonas tamén teñen problemas económicos, enferman e perden os seus seres queridos. Pero debido á prohibición, é probable que os anciáns non poidan ir visitar ou comunicarse libremente cos que necesitan ánimo. Isto foi o que lle pasou a Andrei, do que falamos no artigo anterior. Unha irmá do seu grupo tiña problemas económicos. Entón, tivo un accidente de coche e tiveron que operala varias veces. Así que non podía traballar. A pesar das prohibicións e da pandemia, Xehová vía o que estaba pasando e motivou os irmáns para que fixesen todo o posible por axudarlle.
14. Como poden os anciáns demostrar que confían en Xehová?
14 O que poden facer os anciáns. Andrei orou e fixo todo o que puido. Como lle respondeu Xehová? Motivou outros irmáns da congregación que tiñan máis liberdade para que lle axudasen á irmá. Algúns levárona ás citas médicas, e outros axudáronlle dándolle cartos. Xehová motivounos a facer todo o que podían, e tamén bendiciu a súa unidade e os seus valentes esforzos (Heb. 13:16). Anciáns, cando a obra estea prohibida na vosa zona, pedídelles axuda a outros irmáns (Xer. 36:5, 6). Pero sobre todo, confiade en Xehová. El pode axudarvos a coidar dos vosos irmáns e irmás.
15. Como podemos seguir unidos ós nosos irmáns cando nos perseguen?
15 O que poden facer os demais. Se nos perseguen, é probable que teñamos que xuntarnos cos irmáns en grupos pequenos. Polo tanto, hoxe é máis importante ca nunca que manteñamos a paz entre nós. Loita contra Satanás, non contra os teus irmáns. Pasa por alto os seus erros, e intenta solucionar calquera diferenza o antes posible (Pr. 19:11; Ef. 4:26). Ademais, toma a iniciativa á hora de axudarlles ós demais (Tit. 3:14). A axuda que outros lle deron á irmá que mencionamos antes beneficiou a todo o grupo de predicación. Todos chegaron a estar máis unidos, como unha familia (Sal. 133:1).
16. Segundo Colosenses 4:3, 18, como podemos axudarlles ós nosos irmáns que están sendo perseguidos?
16 Decenas de miles dos nosos irmáns serven a Xehová a pesar das restricións dos gobernos. Algúns deles están no cárcere pola súa fe. Podemos orar por eles, polas súas familias e polos que poñen en risco a súa liberdade para coidar dos irmáns en sentido espiritual, físico e legal (le Colosenses 4:3, 18).c Nunca subestimemos o poder das nosas oracións! (2 Tes. 3:1, 2; 1 Tim. 2:1, 2).
Como podes preparar xa agora a túa familia para a persecución? (Ver o parágrafo 17).
17. Como podes prepararte xa agora para a persecución?
17 Ti e a túa familia podedes prepararvos xa agora para a persecución (Feit. 14:22). Non intentes imaxinar tódalas cousas malas que poden pasar. En vez diso, fortalece a túa amizade con Xehová e axúdalles ós teus fillos a facer o mesmo. Se algunha vez sentes ansiedade, ábrelle o teu corazón a Deus (Sal. 62:8, 9 [62:7, 8, TNM]). Falade como familia de tódalas razóns polas que podedes confiar nel.d Igual ca no caso dun desastre, se os teus fillos ven que te preparas antes e que confías en Xehová, seralles máis fácil ser valentes e estar tranquilos.
18. Que futuro nos espera?
18 A paz de Deus fainos sentir seguros (Flp. 4:6, 7). Por medio desa paz, Xehová calma o noso corazón a pesar das enfermidades, dos desastres e da persecución pola que esteamos pasando. Ademais, utiliza anciáns moi traballadores para pastorearnos. E dános o privilexio de axudarnos uns ós outros. A paz da que desfrutamos agora prepáranos para cando veñan probas máis difíciles no futuro, incluso para a “gran angustia”, ou gran tribulación (Mt. 24:21). Cando chegue, necesitaremos manter a nosa paz e axudarlles a outros a facer o mesmo. Pero cando acabe, xa non teremos máis problemas graves que nos angustien. Por fin desfrutaremos do que Xehová sempre quixo para nós: paz verdadeira que durará para sempre (Is. 26:3, 4, TNM).
CANCIÓN sjj 109 Amémonos de corazón
a Moitas veces, Xehová usa os seus servos fieis para axudarlles ós que están pasando por problemas. Así que Deus pode usarte para que animes os teus irmáns e irmás. Neste artigo imos ver como podemos axudarlles a outros cando o necesitan.
b Cambiáronse algúns nomes.
c Nin a sucursal nin a sede central poden reenviarlles ós irmáns que están en prisión as cartas que nós lles escribimos.
d Mira o artigo “Preparémonos ahora para la persecución” da revista La Atalaya de xullo de 2019.
e DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha parella levándolle algo de comida a unha familia que está temporalmente nun refuxio despois dun desastre.