BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w24 decembro páxs. 20-25
  • Xehová recorda tódalas túas lágrimas

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Xehová recorda tódalas túas lágrimas
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • LÁGRIMAS DE TRISTEZA
  • LÁGRIMAS DE TRAIZÓN
  • LÁGRIMAS DE DESESPERACIÓN
  • Xehová cura “os corazóns quebrados”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Xehová axudarache cando pases por momentos difíciles
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Nunca estamos sós
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Recorda que Xehová é o “Deus vivo”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
w24 decembro páxs. 20-25

ARTIGO DE ESTUDO 51

CANCIÓN snnw 152 A nosa forza, a nosa esperanza, a nosa confianza

Xehová recorda tódalas túas lágrimas

“Recolle as miñas bágoas no teu odre, ¿Non están xa no teu libro?” (SAL. 56:9 [56:8, TNM]).

OBXECTIVO

Recordar que Xehová entende perfectamente o que sentimos cando pasamos por momentos moi difíciles. Tamén veremos que nos dará o que necesitamos para sentirnos mellor.

1, 2. Que situacións nos poden facer chorar?

NALGÚN momento ou outro todos choramos. Cando pasamos por situacións moi alegres, quizais nos poden caer lágrimas de alegría. É posible que chorases cando che pasou algo importante ou especial, coma cando naceu o teu fillo, cando recordaches algo bonito ou cando te reencontraches cun amigo que non vías dende había moitos anos.

2 Pero, moi a miúdo, as nosas lágrimas demostran a dor que sentimos no máis profundo do noso corazón. Por exemplo, quizais choremos cando alguén nos decepciona. Tamén é posible que o fagamos pola dor intensa que sentimos por culpa dunha enfermidade persistente ou por perder un ser querido na morte. Neses momentos, poida que nos sintamos coma o profeta Xeremías cando os babilonios destruíron Xerusalén. El dixo: “O meu ollo verte regueiros de bágoas [...]. Os meus ollos esbagullan, sen pararen” (Lam. 3:48, 49).

3. Como se sente Xehová cando ve sufrir os seus servos? (Isaías 63:9).

3 Xehová sabe exactamente cantas lágrimas derramamos por culpa de situacións angustiosas. A Biblia asegúranos que el coñece moi ben calquera situación dolorosa pola que pasamos os seus servos e que nos escoita cando lle suplicamos que nos axude (Sal. 34:16 [34:15, TNM]). Pero el fai moito máis que simplemente vernos e escoitarnos. É coma un pai cariñoso que se conmove profundamente cando os seus fillos choran, e está sempre listo para axudar (le Isaías 63:9).

4. Que exemplos da Biblia imos analizar, e que aprenderemos sobre Xehová?

4 Xehová cóntanos na súa Palabra como se sentiu cando os seus servos choraron e tamén como lles axudou. Podemos velo considerando os exemplos de Ana, David e o rei Ezequías. Que situacións os fixeron chorar? Como lles respondeu Xehová cando pediron axuda? E como pode animarnos o seu exemplo cando derramamos lágrimas de tristeza, traizón ou desesperación?

LÁGRIMAS DE TRISTEZA

5. Como se sentiu Ana?

5 Ana pasou por diferentes problemas que a fixeron chorar de tristeza. Un deles era que formaba parte dun matrimonio bígamo e Peninah, a outra muller do seu marido, desprezábaa. Por se isto non fose suficiente, Ana non tiña fillos pero Peninah si (1 Sam. 1:1, 2). Peninah burlábase continuamente de Ana por ser estéril. Como te sentirías ti nesta situación? Ana sentíase tan desgustada que “choraba e non comía” e chegou a estar “chea de tristura” (1 Sam. 1:6, 7, 10).

6. Que fixo Ana para recibir consolo?

6 Que animou a Ana? Unha cousa que lle axudou foi ir a adorar a Xehová ó tabernáculo. Alí, posiblemente cerca da entrada ó patio do tabernáculo, empezou a orar “chorando a todo chorar”. Pediulle a Deus que se fixase nela e que non a esquecese (1 Sam. 1:10b, 11). Ana contoulle a Xehová os seus sentimentos en oración. Seguro que el se sentiu moi conmovido ó ver as lágrimas da súa querida filla.

7. Como se sentiu Ana despois de contarlle a Xehová os seus problemas?

7 Despois de que Ana lle contase a Xehová exactamente como se sentía, o sumo sacerdote Elí aseguroulle que a súa oración sería respondida. Como se sentiu ela despois disto? No relato lemos: “A muller marchou e comeu, e non parecía xa a mesma” (1 Sam. 1:17, 18). Aínda que o seu problema non desaparecera, sentiuse aliviada. Ana confiou en que Deus entendía os seus sentimentos e a súa situación, e estaba segura de que lle axudaría. El viu a súa angustia, escoitouna chorar e, máis tarde, bendiciuna permitíndolle ter fillos (1 Sam. 1:19, 20; 2:21).

8, 9. Segundo Hebreos 10:24, 25, por que debemos facer todo o posible por asistir ás reunións cristiás? (Ver tamén a imaxe).

8 Leccións para nós. Estás pasando por problemas que te fan sentir extremadamente triste? Quizais estás sufrindo a dor de perder un familiar ou un amigo na morte. Neses momentos é natural querer estar só. Pero igual que Ana encontrou consolo e ánimo ó ir ó tabernáculo, ti tamén te sentirás mellor se vas ás reunións, incluso se non tes un bo día (le Hebreos 10:24, 25). Ó escoitar relatos bíblicos animadores nas reunións, Xehová pode axudarnos a substituír os pensamentos negativos por outros máis positivos. Isto pode axudarnos a controlar as nosas emocións incluso se a situación non mellora inmediatamente.

9 Ademais, nas reunións, os irmáns anímannos e demóstrannos que nos queren. Sentímonos mellor cando estamos con eles (1 Tes. 5:11, 14). Fíxate na experiencia dun pioneiro especial ó que lle morreu a súa muller. El conta: “Aínda choro por ela. Ás veces necesito estar só porque non paro de chorar. Pero as nosas reunións foron unha verdadeira fonte de ánimo. As palabras amables dos irmáns e os seus comentarios consólanme de verdade. Non importa se antes de ir estou ansioso ou preocupado, porque sempre me sinto mellor alí”. Se imos ás reunións, Xehová pode usar os irmáns para axudarnos.

Irmás e irmáns nun Salón do Reino consolando un irmanciño maior que está triste.

Os nosos queridos irmáns poden consolarnos coas súas palabras amables (ver os parágrafos 8 e 9).


10. Como podemos seguir o exemplo de Ana cando estamos feridos emocionalmente?

10 Ana sentiuse mellor despois de orarlle a Xehová e contarlle como se sentía. Ti tamén podes botar “sobre Deus tódalas [túas] ansias” e estar seguro de que el te escoitará (1 Ped. 5:7). O marido dunha irmá morreu nun roubo á man armada. Ela conta: “Sentín que o meu corazón rompera en mil cachiños e que nunca podería curar. O consolo que sentía viña de orarlle ó noso amoroso Pai celestial, Xehová. Ás veces nin sequera encontraba as palabras adecuadas, pero el entendíame. Cando estaba moi mal emocionalmente, oráballe pedindo que me dese paz. Entón sentía calma na miña mente e no meu corazón, e podía seguir cara adiante”. Cando lle contas a Xehová entre lágrimas as túas preocupacións, el tamén se sente triste e entende perfectamente a túa dor. Incluso se o motivo da túa ansiedade persiste, Xehová pode calmar o teu corazón e axudarche a sentir algo de paz (Sal. 94:19; Filip. 4:6, 7). Ademais, recompensarate polo teu fiel aguante (Heb. 11:6).

LÁGRIMAS DE TRAIZÓN

11. Como se sentiu David cando outros o trataron mal?

11 Durante a súa vida, David tivo que enfrontarse a situacións difíciles que o fixeron chorar. Había moita xente que o odiaba, e incluso algúns dos seus amigos e familiares fóronlle desleais e intentaron facerlle dano (1 Sam. 19:10, 11; 2 Sam. 15:10-14, 30). Durante un momento moi complicado da súa vida, escribiu: “Estou esgotado de tanto xemer: de noite rego cos choros o meu leito e mollo de bágoas a miña cama”. Por que se sentía David así? “Por culpa dos opresores” (Sal. 6:7, 8 [6:6, 7, TNM]). Cando outros lle fixeron dano, el sentiuse tan triste que non podía deixar de chorar.

12. Segundo Salmo 56:9 (56:8, TNM), de que estaba seguro David?

12 A pesar dos problemas polos que pasaba, David estaba convencido de que Xehová o quería. El escribiu: “O Señor escoita o meu salouco [ou pranto]” (Sal. 6:9 [6:8, TNM]). Noutra ocasión, escribiu as bonitas palabras que encontramos no Salmo 56:9 (56:8, TNM) (leo). Cando as lemos, podemos entender que Xehová nos quere moito e que se preocupa por como nos sentimos. David dixo que era coma se Xehová recollese as súas lágrimas nun odre e coma se as rexistrase nun libro. Estaba seguro de que Deus se daba conta da súa dor e a recordaría. Tiña a certeza de que o seu querido Pai celestial non só era consciente do que pasara, senón tamén de como iso lle afectara.

13. Que nos pode consolar cando outros nos decepcionan? (Ver tamén a imaxe).

13 Leccións para nós. Estás angustiado porque alguén en quen confiabas te decepcionou ou te traizoou? Quizais estás sufrindo porque o teu noivado ou o teu matrimonio acabou de repente, ou porque alguén a quen querías moito deixou de servir a Xehová. A muller dun irmán cometeu adulterio e abandonouno, e el conta: “Non podía crer que isto me estivese pasando a min. Sentíame inútil, triste e enfadado”. Se alguén te traizoou ou te decepcionou, recorda que Xehová nunca te abandonará. Saber isto pode darche moito consolo. O irmán segue dicindo: “Deime conta de que as relacións humanas poden fallar, pero Xehová é a nosa Roca. Sen importar o que pase, el sempre está aí, e nunca abandona os que lle son leais” (Sal. 37:28). Ademais, recorda que Xehová nos quere moito máis que calquera persoa. É moi doloroso que alguén en quen confías te traizoe. Pero Xehová non cambia, segue sentindo o mesmo por ti e segues sendo moi valioso para el (Rom. 8:38, 39). Así que o que nunca debes esquecer é o seguinte: non importa como te tratase alguén, o teu Pai celestial quérete moito.

Un irmán angustiado, tocando o seu anel de casado mentres medita no que lle pasou ó rei David.

O libro dos Salmos asegúranos que Xehová está cerca dos que teñen o corazón roto (ver o parágrafo 13).


14. Que nos asegura o Salmo 34:18 (TNM)?

14 Cando pasamos por unha traizón, poden consolarnos as tranquilizadoras palabras de David do Salmo 34:18 (TNM) (leo). Como lles responde Xehová ós que se senten “afundidos no desánimo” porque alguén os decepcionou? Igual que un pai cariñoso abraza e consola o seu neno que está chorando, Xehová “está cerca” de nós cando alguén nos abandona ou nos traizoa. El sente a nosa dor e axúdanos inmediatamente. Se sentimos que temos o corazón roto e que non valemos nada, el está desexando consolarnos. E tamén nos dá unha esperanza que nos axuda a soportar as nosas probas actuais (Is. 65:17).

LÁGRIMAS DE DESESPERACIÓN

15. Que situación fixo chorar moito a Ezequías?

15 Cando tiña 39 anos, o rei Ezequías de Xudá soubo que tiña unha enfermidade terminal. O profeta Isaías levoulle a mensaxe de Xehová de que morrería por culpa desa enfermidade (2 Reis 20:1). A súa situación parecía non ter saída. Cando escoitou o que lle dixo o profeta, estaba tan triste que chorou moitísimo. Nese momento, suplicoulle a Xehová que lle axudase (2 Reis 20:2, 3).

16. Como respondeu Xehová a súplica de Ezequías?

16 Xehová conmoveuse moito coa súplica de Ezequías e díxolle con cariño: “Escoitei a túa oración e vin as túas bágoas. Agora voute curar”. Mediante Isaías, Xehová demostroulle misericordia prometéndolle que alongaría a súa vida e que rescataría Xerusalén dos asirios (2 Reis 20:4-6).

17. Como nos axuda Xehová cando pasamos por problemas serios de saúde? (Salmo 41:4 [41:3, TNM]) (Ver tamén a imaxe).

17 Leccións para nós. Estás pasando por un problema de saúde que parece non ter solución? Cóntalle a Xehová como te sentes. El escoitarate, incluso se estás chorando mentres oras. A Biblia asegúranos que o noso “Pai misericordioso e Deus de toda consolación” nos apoiará durante as probas (2 Cor. 1:3, 4). Hoxe en día non podemos esperar que Xehová nos quite tódolos problemas, pero si podemos contar coa súa axuda para aguantalos (le Salmo 41:4 [41:3, TNM]). Por medio do seu espírito santo, Xehová dános forzas, sabedoría e paz interior para seguir adiante (Prov. 18:14; Filip. 4:13). Tamén nos anima dándonos a esperanza de que no futuro as enfermidades xa non existirán (Is. 33:24).

Serie de imaxes: 1. Unha irmá orando con intensidade mentres recibe un tratamento de quimioterapia. 2. O rei Ezequías, moi enfermo, suplicándolle a Xehová dende a súa cama.

Xehová contestará as nosas oracións dándonos forzas, sabedoría e paz interior (ver o parágrafo 17).


18. Que texto da Biblia te tranquilizou ó pasar por situacións extremadamente duras? (Ver o recadro “Palabras de Xehová que poden secar as nosas lágrimas”).

18 Igual que Ezequías, nós tamén podemos encontrar consolo nas palabras de Xehová. Cando pasamos por unha proba difícil, a Biblia pode animarnos e axudarnos a manter a calma (Rom. 15:4). Cando a unha irmá de África Occidental lle diagnosticaron un cáncer, chorou moito. A irmá conta: “Un texto que me pareceu especialmente animador é o de Isaías 26:3. Aínda que moi poucas veces temos todo o control sobre a situación que estamos pasando, este versículo asegúrame que Deus pode darnos a paz interior que necesitamos para controlar como reaccionamos ante esa proba”. Tes algún texto da Biblia que te tranquiliza cando afrontas unha situación que é extremadamente dura ou que incluso parece non ter saída?

Palabras de Xehová que poden secar as nosas lágrimas

Na Biblia, hai moitos versículos que nos aseguran que Xehová se dá conta das nosas lágrimas e que nos vai axudar. Vexamos algúns deles:

  • Éxodo 3:7

  • Salmo 39:13 (39:12, TNM)

  • Isaías 57:15

  • Xeremías 31:16

19. Que futuro nos espera?

19 O fin deste sistema está moi cerca e podemos esperar que cada vez teñamos máis dificultades que nos causen dor e lágrimas. Pero, como vimos cos exemplos de Ana, David e o rei Ezequías, Xehová ve cando choramos e conmóvese moito. Quérenos moitísimo por manternos fieis a pesar da dor e recorda as nosas lágrimas. Así que cando pasemos por situacións difíciles, abrámoslle o noso corazón a Xehová en oración. Tamén debemos manternos cerca dos queridos irmáns da congregación. Ademais, cando lemos a Biblia recibimos consolo directamente de Xehová. Podemos estar seguros de que, se seguimos aguantando fielmente, Deus recompensaranos. Isto inclúe a bonita promesa de que no futuro el secará calquera lágrima de tristeza, traizón e desesperación dos nosos ollos (Apoc. 21:4). Só choraremos de alegría!

COMO CONSOLOU XEHOVÁ...

  • ... a Ana?

  • ... a David?

  • ... o rei Ezequías?

CANCIÓN sn 22 Xehová coida de min

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir