BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w24 outubro páxs. 6-11
  • Xehová cura “os corazóns quebrados”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Xehová cura “os corazóns quebrados”
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • XEHOVÁ ASEGÚRACHE QUE VALES MOITO
  • XEHOVÁ QUERE QUE ACEPTES O SEU PERDÓN
  • XEHOVÁ CONSÓLANOS MEDIANTE O ESPÍRITO SANTO
  • XEHOVÁ CONSÓLANOS MEDIANTE OS IRMÁNS
  • XEHOVÁ CONSÓLANOS MEDIANTE AS SÚAS PROMESAS
  • Sexamos humildes e aceptemos que hai cousas que non sabemos
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Nunca estamos sós
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Recorda que Xehová é o “Deus vivo”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Como nos axuda Xehová a aguantar
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
w24 outubro páxs. 6-11

ARTIGO DE ESTUDO 40

CANCIÓN sjj 30 Meu amigo, meu Deus, meu Pai

Xehová cura “os corazóns quebrados”

“Sana os corazóns quebrados e venda as súas feridas” (SAL. 147:3).

OBXECTIVO

Recordar que Xehová se preocupa moito polos que teñen feridas emocionais, analizar como nos consola cando sufrimos e ver como nos axuda a facer o mesmo por outros.

1. Que sente Xehová polo seus servos?

XEHOVÁ dáse conta de todo o que nos pasa ós seus servos. Sabe cando estamos felices e cando nos sentimos tristes (Sal. 139:1, 2). Ó ver que facemos todo o que podemos no seu servizo a pesar de estar loitando contra sentimentos negativos, séntese moi orgulloso. É máis, está desexando axudarnos e consolarnos.

2. Que fai Xehová por quen ten o corazón roto, e como podemos beneficiarnos da súa axuda?

2 O Salmo 147:3 di que Xehová “venda as [...] feridas” do que ten o corazón roto. Neste versículo descríbese como Deus coida con cariño dos deprimidos. Que debemos facer para beneficiarnos da súa axuda? Vexamos un exemplo. Un bo doutor pode facer moito para que alguén que está ferido cure. Pero, para beneficiarse desta axuda, o ferido ten que seguir con coidado as instrucións do doutor. Neste artigo veremos que lles di Xehová na súa Palabra ós que están sufrindo emocionalmente. Tamén falaremos de como podemos aplicar os seus cariñosos consellos.

XEHOVÁ ASEGÚRACHE QUE VALES MOITO

3. Por que pensan algúns que non valen nada?

3 Vivimos nun mundo no que non hai amor e, tristemente, a moitas persoas fíxoselles crer que non valen nada. Unha irmá chamada Helen conta: “Os meus pais non eran nada cariñosos. Meu pai era violento e repetíanos tódolos días que eramos uns inútiles”.a Quizais, igual que a Helen, maltratáronte, insultáronte ou fixéronte sentir que non mereces que te queiran. Se este é o teu caso, é posible que se che faga difícil crer que alguén se preocupa realmente por ti.

4. Segundo Salmo 34:19 (34:18, TNM), que nos promete Xehová?

4 Aínda que outros te maltratasen, podes estar seguro de que Xehová te quere e te valora moito. El “está preto do aflixido” (le Salmo 34:19 [34:18, TNM]). Así que, se te sentes “asoballado” ou afundido no desánimo, recorda que Xehová viu cousas boas no teu corazón e acercoute a el (Xoán 6:44). Sempre está listo para axudarche, porque es moi valioso para el.

5. Que podemos aprender da maneira na que Xesús tratou os que se sentían inferiores?

5 Podemos aprender sobre o que sente Xehová analizando o exemplo de Xesús. Durante o seu ministerio na Terra, Xesús mostroulles moito cariño e compaixón ás persoas que se sentían inferiores por como as trataban outros (Mat. 9:9-12). Cando unha muller que sufría unha enfermidade terrible tocou a súa roupa coa esperanza de recuperar a saúde, Xesús consolouna e felicitouna pola súa fe (Mar. 5:25-34). Como Xesús imita á perfección o seu Pai, podes estar seguro de que Xehová te tratará da mesma maneira na que o seu Fillo tratou a esta muller (Xoán 14:9). Deus fíxase nas túas boas cualidades, incluídas a fe e o amor que sentes por el.

6. Que podes facer se sentes que non vales nada?

6 Que podes facer se non consegues superar o sentimento de que non vales nada? Le versículos da Biblia que che aseguran que Xehová si que te valora, e medita neles (Sal. 94:19).b Non sexas demasiado duro contigo mesmo se non conseguiches alcanzar algunha meta ou se non podes facer tanto coma outros. Xehová non espera de ti máis do que podes facer (Sal. 103:13, 14). Se no pasado alguén te maltratou, física ou mentalmente, ou abusou sexualmente de ti, non te culpes polo que fixo esa persoa. Non merecías que te tratasen así! Recorda que Xehová lles pedirá contas ás persoas que fan cousas malas, non ás vítimas (1 Ped. 3:12). Sandra, a quen trataron con moita crueldade de pequena, conta: “Pídolle a Xehová moitas veces que me axude a ver as miñas boas cualidades, igual que as ve el”.

Un home israelita cun paxariño na man.

Xehová valórate a ti

Os seguintes versículos da Biblia asegúranche que Xehová te valora:

  • Salmo 56:9 (56:8, TNM). Cando estás triste, Xehová leva conta das túas lágrimas. Preocúpalle moito como te sentes.

  • Lucas 12:6, 7. Se Xehová lle dá tanto valor a un paxariño, como non te vai valorar a ti! Para el es moi importante e sabe cada detalle de ti porque te quere.

  • 1 Xoán 3:19, 20. Incluso se dubidas do que vales, recorda que Xehová “é meirande có [teu] corazón” e que te quere moito.

7. Como podemos darlles un bo uso no noso servizo a Xehová ás nosas experiencias do pasado?

7 Nunca dubides de que Xehová pode usarte para axudar a outros. Deuche o honor de ser o seu colaborador na predicación (1 Cor. 3:9). É posible que as túas experiencias che permitan ter máis empatía e entender mellor como se senten os que están sufrindo. Ti podes axudarlles moito. Helen, de quen xa falamos antes, recibiu axuda de Xehová e dos irmáns e agora está máis preparada para dárllela a outros. Ela conta: “Xehová fixo que eu, alguén que sentía que non valía para nada, me sinta querida e útil”. Agora Helen é moi feliz servindo como pioneira regular.

XEHOVÁ QUERE QUE ACEPTES O SEU PERDÓN

8. Que nos asegura Xehová en Isaías 1:18?

8 Algúns servos de Xehová séntense moi mal por cousas que fixeron no pasado, xa fose antes ou despois de bautizarse. Pero é bo recordar que Deus nos quere moito e que deu o rescate para perdoar os nosos pecados. Está claro que quere que aceptemos ese regalo. Xehová asegúranos que, despois de que arranxemos as cousas con el, perdoaranos por completo (le Isaías 1:18).c Que amoroso é ó non recordar os nosos erros do pasado! Ó mesmo tempo, el nunca esquece o bo que fixemos (Sal. 103:9, 12; Heb. 6:10).

9. Por que non deberías seguir pensando nos erros que cometiches no pasado?

9 Se te segues sentindo angustiado por erros que cometiches no pasado, fai todo o posible por centrarte no que estás facendo agora e no que poderás facer no futuro. Fíxate no exemplo do apóstolo Paulo. No pasado, el perseguira os cristiáns con violencia, e iso pesoulle moito. Pero tamén sabía que Xehová o perdoara (1 Tim. 1:12-15). Entón, seguiu dándolles voltas ós pecados que cometera? Non, non perdeu o tempo pensando nisto igual que tampouco o fixo pensando nas cousas que o levaran a ser un fariseo respectado (Filip. 3:4-8, 13-15). Máis ben, seguiu dando o mellor no seu ministerio e centrouse no futuro. Igual ca Paulo, non podes cambiar o pasado. Pero si que podes honrar a Xehová coas túas circunstancias actuais e mirar cara ó bonito futuro que el che prometeu.

10. Que podemos facer se cos nosos erros lles fixemos dano a outros?

10 Quizais te sintas moi mal porque con algúns dos teus erros lles fixeches moito dano a outros. Que che pode axudar nese caso? Fai o posible por reparar o dano causado. Ademais, descúlpate sinceramente (2 Cor. 7:11). Pídelle a Xehová que lles axude ós que lles fixeches dano. El pode facer que tanto eles coma ti volvades sentir paz e poidades seguir servíndoo.

11. Que aprendemos do exemplo do profeta Xonás? (Ver tamén a imaxe).

11 Aprende dos erros que cometiches no pasado e deixa que Xehová te use da maneira que el escolla. Pensa no exemplo do profeta Xonás. En vez de viaxar a Nínive tal e como Deus lle mandara, fuxiu en dirección contraria. Xehová corrixiuno, e el aprendeu do seu erro (Xon. 1:1-4; 1:15-2:1 [1:15-17, TNM]; 2:8-11 [2:7-10, TNM]). Deus non o deu por perdido, máis ben, deulle outra oportunidade de ir a Nínive e Xonás aproveitouna. Este profeta non permitiu que os remordementos polos erros do pasado lle impedisen aceptar esta responsabilidade que Xehová lle encargara (Xon. 3:1-3).

O profeta Xonás mollado e de pé á beira do mar mirando cara ó ceo.

Despois de que Xehová salvase a Xonás do ventre dun peixe enorme, díxolle que fose outra vez a Nínive e que proclamase a súa mensaxe (ver o parágrafo 11).


XEHOVÁ CONSÓLANOS MEDIANTE O ESPÍRITO SANTO

12. Como nos dá paz Xehová cando pasamos por un trauma ou unha perda? (Filipenses 4:6, 7).

12 Por medio do seu espírito santo, Xehová consólanos cando sufrimos un trauma ou unha perda. Vexamos o exemplo de Ron e Carol. Traxicamente, o seu fillo suicidouse. Eles contan: “Xa pasaramos por probas difíciles antes pero esta foi, con diferenza, a peor de todas. Moitas noites que non podiamos durmir orabámoslle a Xehová e sentiamos realmente a paz que se menciona en Filipenses 4:6, 7 (leo)”. Se estás pasando por unha situación moi angustiosa, cóntalle a Xehová como te sentes tódalas veces e durante todo o tempo que necesites (Sal. 86:3; 88:2 [88:1, TNM]). Pídelle unha e outra vez o seu espírito santo. El nunca ignorará as túas peticións (Luc. 11:9-13).

13. Como nos pode axudar o espírito santo a seguir servindo a Xehová fielmente? (Efesios 3:16).

13 Pasaches por algunha proba difícil e sentes que tes poucas forzas para seguir adiante? O espírito santo pode darche o poder que necesitas para continuar servindo a Xehová fielmente (le Efesios 3:16). Vexamos o exemplo dunha irmá que se chama Flora. Cando o seu home mais ela servían como misioneiros, el foille infiel e acabaron divorciándose. Ela conta: “Sentíame moi triste pola súa traizón e non podía pensar noutra cousa. Oreille a Xehová pedíndolle o seu espírito para poder aguantar. El deume xusto o que necesitaba para curar e para superar algo que parecía imposible”. Flora sente que Xehová lle axudou a confiar aínda máis nel e está segura de que nunca a abandonará nas probas. Ela segue dicindo: “As palabras do Salmo 119:32 cumpríronse en min: ‘Eu corro tras dos teus mandatos, pois ti ensánchasme o corazón’”.

14. Que podemos facer para que o espírito santo nos axude?

14 Despois de pedirlle a Xehová que che dea o seu espírito, que deberías facer? Participar en actividades que che axuden a recibir máis espírito santo. Por exemplo, le a Palabra de Deus tódolos días, asiste ás reunións e predica. Isto axudarache a encher a mente cos seus pensamentos (Filip. 4:8, 9). Mentres les, fíxate en personaxes da Biblia que pasaron por probas e medita en como Xehová lles axudou a aguantar. Sandra, da que xa falamos antes, pasou por moitos problemas graves na súa vida. Ela di: “Animoume moito o relato de Xosé. El non permitiu que as dificultades e as inxustizas que sufriu debilitasen a súa relación con Xehová” (Xén. 39:21-23).

XEHOVÁ CONSÓLANOS MEDIANTE OS IRMÁNS

15. Quen nos pode consolar, e como? (Ver tamén a imaxe).

15 Cando sufrimos, os nosos irmáns poden ser “un bo alivio” (Col. 4:11). Eles son unha das maneiras nas que Xehová nos demostra o seu amor. Poden consolarnos escoitándonos con empatía e estando ó noso lado. Quizais oren ou compartan algún versículo da Biblia animador con nós (Rom. 15:4).d Ás veces un irmán pode recordarnos como ve Xehová as cousas e, desta maneira, axudarnos a manter o equilibrio emocional. Tamén poden darnos axuda práctica, por exemplo, preparándonos unha comida cando estamos pasando por un mal momento.

Dous anciáns visitando unha irmá no hospital. Teñen as súas Biblias abertas mentres falan con ela.

Os amigos maduros e de confianza poden consolarnos e axudarnos moito (ver o parágrafo 15).


16. Que é posible que teñamos que facer para recibir a axuda doutros?

16 Para poder recibir axuda doutros, quizais teñamos que pedila. Os nosos irmáns e irmás quérennos e están desexando axudarnos (Prov. 17:17). Pero é posible que non saiban como nos sentimos nin que necesitamos (Prov. 14:10). Se estás sufrindo emocionalmente, non dubides en compartir os teus sentimentos con amigos maduros. Explícalles que che podería axudar. Quizais decidas falar con un ou dous anciáns cos que te sintas cómodo. A algunhas irmás animounas moito falar con outra cristiá madura.

17. Que cousas poderían impedirnos recibir ánimo, e como podemos facerlles fronte?

17 Resiste a tentación de illarte. Ás veces poderías sentirte tan triste que non teñas ganas de pasar tempo con outros. É posible que os demais non te entendan completamente ou que ás veces as súas palabras non sexan as máis acertadas (Sant. 3:2). Pero a pesar diso, non te apartes dos irmáns, xa que Xehová pode utilizalos para animarte. Gavin, un ancián que ten depresión, conta: “Ás veces estar cos meus amigos é o que menos me apetece”. Aínda así, el fai o esforzo de estar cos irmáns, e moitas veces isto fai que se sinta mellor. Unha irmá que se chama Amy di: “Debido ó que vivín no pasado, cústame confiar nas persoas. Pero estou aprendendo a querer os irmáns e a confiar neles, igual que Xehová. Sei que isto o fai moi feliz a el e tamén a min”.

XEHOVÁ CONSÓLANOS MEDIANTE AS SÚAS PROMESAS

18. Por que podes mirar cara ó futuro con confianza, e que podes facer agora?

18 Podemos mirar ó futuro con confianza sabendo que Xehová eliminará moi pronto toda a dor física e emocional que sentimos (Apoc. 21:3, 4). Cando ese momento chegue, tódalas cousas que nos fixeron sufrir non “volverán ó corazón” (Is. 65:17, TNM). Pero como vimos, Xehová “venda as [nosas] feridas” xa agora. Así que aproveita ben todo o que pon á túa disposición para axudarche e consolarte. Non dubides nin por un momento de “que El coida de [ti]” (1 Ped. 5:7).

COMO NOS AXUDA XEHOVÁ A...

  • … loitar contra o sentimento de que non valemos nada?

  • … superar os sentimentos de culpa polos erros do pasado?

  • … sentir consolo por medio dos nosos irmáns?

CANCIÓN sn 23 Xehová é a nosa forza

a Cambiáronse os nomes.

b Mira o recadro “Xehová valórate a ti”.

c Para arranxar as cousas con Xehová temos que demostrarlle que estamos arrepentidos pedíndolle que nos perdoe e cambiando a nosa maneira de actuar. Se cometemos un pecado grave temos que buscar tamén a axuda dos anciáns da congregación (Sant. 5:14, 15).

d Mira, por exemplo, a lista de textos bíblicos que aparecen baixo os temas “Ansiedade” e “Consolo” na publicación Textos bíblicos para a nosa vida.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir