ARTIGO DE ESTUDO 25
CANCIÓN sjj 96 A Palabra de Deus é un tesouro
Leccións que podemos aprender das últimas palabras de Xacob (parte 2)
“Bendiciu a cada unha coa súa propia bendición” (XÉN. 49:28).
OBXECTIVO
Comprender que leccións nos ensinan as últimas palabras que Xacob lles dirixiu a 8 dos seus fillos.
1. Que veremos neste artigo?
OS FILLOS de Xacob puxéronse ó seu redor para escoitar con atención o que lles quería dicir a cada un deles. Como vimos no artigo anterior, o que Xacob lles dixo a Rubén, Simeón, Leví e Xudá deixou os seus fillos intrigados, e incluso sorprendidos. Por este motivo, debían de estar preguntándose que lles ía dicir ós 8 restantes. Vexamos que podemos aprender do que lles dixo a Zabulón, Isacar, Dan, Gad, Axer, Neftalí, Xosé e Benxamín.a
ZABULÓN
2. Que lle dixo Xacob a Zabulón, e como se cumpriron as súas palabras? (Xénese 49:13) (Ver tamén o recadro).
2 Le Xénese 49:13. Xacob indica que os descendentes de Zabulón vivirían cerca do mar e que o seu territorio estaría na zona norte da Terra Prometida. Máis de 200 anos despois, a tribo de Zabulón recibiu un territorio que estaba entre o mar de Galilea e o Mediterráneo. Sobre isto, Moisés tamén profetizara: “Se feliz, Zebulón, nas túas saídas” (Deut. 33:18). Posiblemente isto fose unha referencia a que a tribo de Zabulón estaría nunha boa zona para o comercio por estar entre dous mares. En calquera caso, os descendentes de Zabulón tiñan razóns para estar felices.
3. Que nos axudará a ser felices?
3 Que leccións aprendemos? Sempre temos razóns para estar felices, sen importar onde vivamos ou cales sexan as nosas circunstancias. Para manternos felices, temos que estar contentos co que temos (Sal. 16:6; 24:5). Pero ás veces é máis fácil centrarse nas cousas que non temos en vez de nas cousas boas que nos fan felices. Polo tanto, intentemos ver o lado positivo das nosas circunstancias (Gál. 6:4).
ISACAR
4. Que lle dixo Xacob a Isacar, e como se cumpriron as súas palabras? (Xénese 49:14, 15) (Ver tamén o recadro).
4 Le Xénese 49:14, 15. Xacob felicitou a Isacar por ser un bo traballador ó comparalo cun burro rexo, ou forte, un animal que pode levar cargas moi pesadas. Tamén lle dixo que herdaría boas terras. Estas palabras cumpríronse cando os descendentes de Isacar recibiron unha terra produtiva e fértil ó lado do río Xordán (Xos. 19:22). Sen dúbida, traballaron moi duro para cultivar estas terras, pero tamén se esforzaron por axudar a outros (1 Reis 4:7, 17). Por exemplo, a tribo de Isacar estaba lista para axudar nas guerras da nación, tal e como pasou nos días do xuíz Barac e da profetisa Déborah (Xuí. 5:15).
5. Como podemos imitar os descendentes de Isacar, e por que?
5 Que leccións aprendemos? Xehová valora tódolos nosos esforzos por servilo igual que valorou o duro traballo da tribo de Isacar (Ecl. 2:24). Pensa por exemplo nos irmáns que fan tantas cousas por coidar da congregación (1 Tim. 3:1). Estes irmáns non teñen que loitar en guerras literais, pero esfórzanse moito por protexer os irmáns das cousas que poidan danar a súa relación con Xehová (1 Cor. 5:1, 5; Xud. 17-23). Tamén pasan moito tempo preparando e presentando discursos animadores que fortalezan a congregación (1 Tim. 5:17).
DAN
6. Que asignación recibiu a tribo de Dan? (Xénese 49:17, 18) (Ver tamén o recadro).
6 Le Xénese 49:17, 18. Xacob compara a Dan cunha serpe que ataca a animais moito máis grandes ca el, coma os cabalos que se utilizaban nas batallas. A tribo de Dan era valente e sempre estaba lista para atacar os inimigos de Israel. Na viaxe cara á Terra Prometida, esta tribo quedaba na retagarda para protexer a nación (Núm. 10:25). Aínda que isto non o facían á vista de todos, era unha asignación moi importante.
7. Como deberiamos ver calquera asignación que recibamos no noso servizo a Xehová?
7 Que leccións aprendemos? Algunha vez tiveches unha responsabilidade que parecía pasar desapercibida? Quizais axudaches a limpar e manter o Salón do Reino, ofrecícheste a axudar nun congreso ou tiveches algunha outra responsabilidade. Se é así, fixeches algo moi bo! Recorda sempre que Xehová ve e valora todo o que fas no teu servizo. E, sobre todo, aprecia que fagas cousas por el, non para que outros te feliciten, senón para que saiba canto o queres (Mat. 6:1-4).
GAD
8. Por que era fácil que os inimigos de Israel atacasen a Gad? (Xénese 49:19) (Ver tamén o recadro).
8 Le Xénese 49:19. Xacob predixo que unha banda de ladróns atacaría a Gad. Máis de 200 anos despois, a tribo de Gad ocupou a terra que estaba ó leste do río Xordán, unha terra rodeada de nacións inimigas. Aínda que aquela situación os facía vulnerables a ataques, quixeron vivir alí porque terían bo pasto para os seus rabaños (Núm. 32:1, 5). Está claro que os gaditas eran moi valentes pero, sobre todo, confiaban en que Xehová lles axudaría a protexer a terra que el lles dera de calquera banda de ladróns. Incluso enviaron os seus exércitos durante anos a axudar a outras tribos para que acabasen de conquistar a Terra Prometida ó oeste do Xordán (Núm. 32:16-19). Confiaban en que Xehová protexería as súas mulleres e os seus fillos mentres os homes estaban fóra, e el bendiciunos polo seu valor e por axudar a outros cando non era fácil (Xos. 22:1-4).
9. Se confiamos en Xehová, que decisións tomaremos na vida?
9 Que leccións aprendemos? Para seguir servindo a Xehová cando temos problemas, non podemos deixar de confiar nel (Sal. 37:3). Hoxe en día moitos demostran a súa confianza en Xehová ó facer sacrificios para poder apoiar os proxectos de construción, para servir en sitios de máis necesidade ou para atender algunha outra asignación. Fano porque están seguros de que Deus sempre coidará deles (Sal. 23:1).
AXER
10. Que non fixo Axer? (Xénese 49:20) (Ver tamén o recadro).
10 Le Xénese 49:20. Xacob predixo que a tribo de Axer chegaría a ser rica, e iso foi xusto o que pasou. Na parte que lle tocara á tribo de Axer había algunhas das terras máis fértiles de todo Israel (Deut. 33:24). Tamén limitaba co mar Mediterráneo e incluía o porto comercial fenicio de Sidón, o cal era moi próspero. Non obstante, os desta tribo non expulsaron os cananeos do territorio (Xuí. 1:31, 32). Deixarse influenciar por eles e centrarse nas cousas materiais puido ser a causa de que perdesen o interese por facer a vontade de Deus. Por exemplo, cando o xuíz Barac pediu voluntarios para loitar contra os exércitos cananeos, a tribo de Axer non se ofreceu para axudar. Como resultado, perderon a oportunidade de ver as cousas marabillosas que fixo Xehová para que os israelitas gañasen “onda as augas de Meguido” (Xuí. 5:19-21). Probablemente sentiron vergonza cando escoitaron a Barac e a Déborah cantar: “Axer sentou na beira do mar sen facer nada” (Xuí. 5:17, TNM).
11. Por que debemos ter un punto de vista equilibrado sobre as cousas materiais?
11 Que leccións aprendemos? Queremos darlle a Xehová o mellor, e para iso non podemos ter o punto de vista deste mundo das cousas materiais (Prov. 18:11). Esforzámonos por ver os cartos de maneira equilibrada (Ecl. 7:12; Heb. 13:5). Non gastamos o noso tempo e enerxías intentando conseguir cousas que non necesitamos. Máis ben, facemos todo o que podemos por Xehová sabendo que se nos mantemos fieis el recompensaranos cun futuro marabilloso (Sal. 4:9 [4:8, TNM]).
NEFTALÍ
12. De que maneira se cumpriron posiblemente as palabras que Xacob lle dixo a Neftalí? (Xénese 49:21, TNM) (Ver tamén o recadro).
12 Le Xénese 49:21 (TNM). As “palabras fermosas” das que falou Xacob poden referirse á maneira na que Xesús falou durante o seu ministerio. Xesús pasou moito tempo vivindo na cidade de Capernaúm, a cal formaba parte do territorio da tribo de Neftalí. Por iso a Capernaúm chamábaselle a “súa cidade” (Mat. 4:13; 9:1; Xoán 7:46). E Isaías profetizara que Xesús sería a “grande luz” para a tribo de Zabulón e para a de Neftalí (Is. 8:23 [9:1, TNM]; 9:1 [9:2, TNM]). Xesús foi “a luz verdadeira que ilumina a todo tipo de persoas” mediante a súa predicación (Xoán 1:9).
13. Como podemos asegurarnos de que a Xehová lle guste o que dicimos e a maneira na que o dicimos?
13 Que leccións aprendemos? A Xehová impórtalle o que dicimos e como o dicimos. Como podemos dicir “palabras fermosas” que lle gusten a Xehová? Primeiro, contando sempre a verdade (Sal. 15:1, 2). Despois, podemos animar a outros sendo rápidos para felicitalos e lentos para criticalos ou para queixarnos (Ef. 4:29). Tamén podemos mellorar a nosa maneira de comezar conversas para falarlles ás persoas de Xehová.
XOSÉ
14. Como se cumpriu a profecía sobre Xosé? (Xénese 49:22, 26) (Ver tamén o recadro).
14 Le Xénese 49:22, 26. Seguro que Xacob estaba moi orgulloso de Xosé, quen era o “elixido dos irmáns”. Xacob chamouno o gromo, ou brote, dunha “árbore fructífera”. A árbore era el mesmo e o brote que saía del era Xosé, o primeiro fillo que lle dera a súa querida muller Raquel. Xacob profetizou que sería el quen recibiría a herdanza do primoxénito en vez de Rubén, o primeiro fillo que lle dera a súa muller Lea (Xén. 48:5, 6; 1 Crón. 5:1, 2). Esta parte da profecía cumpriuse cando os dous fillos de Xosé —Efraím e Manasés— chegaron a ser dúas tribos de Israel e cada unha herdou a súa propia terra (Xén. 49:25; Xos. 14:4).
15. Como reaccionou Xosé ante as inxustizas?
15 Xacob tamén menciona uns arqueiros que combaten contra Xosé e que non deixan de odialo (Xén. 49:23). Estes son os seus irmáns, os que tanta envexa lle tiveran e que foran responsables de moitas das inxustizas que el sufriu. Pero Xosé non lles gardou rencor nin culpou a Xehová do que lle pasara. El mantívose firme e confiou en Deus cando pasou por problemas. Tal e como dixo Xacob, o “arco [de Xosé] mantívose firme e as súas mans continuaron fortes e áxiles” (Xén. 49:24, TNM). É dicir, perdoou os seus irmáns e mostroulles misericordia e amabilidade, cualidades que eran coma frechas que acabaron co seu rencor (Xén. 47:11, 12). Permitiu que pasar por isto o fixese mellor persoa (Sal. 105:17-19). Como resultado, Xehová usouno para facer moitas cousas impresionantes.
16. Como podemos imitar a Xosé cando pasamos por problemas?
16 Que leccións aprendemos? Nunca deixemos que os problemas polos que pasamos nos distancien de Xehová e dos nosos queridos irmáns. Recordemos que Xehová pode permitir que se poña a proba a nosa fe para axudarnos a mellorar (Heb. 12:7). Pode ensinarnos a imitar mellor as súas cualidades, como a misericordia e o perdón (Heb. 12:11). E ademais recompensaranos por aguantar, igual que fixo con Xosé.
BENXAMÍN
17. Como se cumpriu a profecía sobre Benxamín? (Xénese 49:27) (Ver tamén o recadro).
17 Le Xénese 49:27. Xacob predixera que os da tribo de Benxamín pelexarían tan ben coma os lobos (Xuí. 20:15, 16; 1 Crón. 12:2). “Pola mañá”, é dicir, nos inicios do reino de Israel, saíu da tribo de Benxamín o primeiro rei, Saúl. El loitou con valentía contra os filisteos (1 Sam. 9:15-17, 21). “Pola tarde”, é dicir, moitos anos despois, a raíña Ester e o primeiro ministro Mardoqueo, ambos benxaminitas, salvaron os israelitas de ser aniquilados polo Imperio Persa (Est. 2:5-7; 8:3; 10:3).
18. Como podemos imitar a lealdade da tribo de Benxamín?
18 Que leccións aprendemos? Seguro que tódolos benxaminitas estaban moi orgullosos de que alguén da súa tribo chegase a ser rei. Pero cando Xehová nomeou rei a David, co tempo o apoiaron aínda que era da tribo de Xudá (2 Sam. 3:17-19). Décadas máis tarde, cando as outras tribos se rebelaron, os benxaminitas mantivéronse leais a Xudá e apoiaron o rei que Xehová nomeara (1 Reis 11:31, 32; 12:19, 21). Da mesma maneira, apoiemos nós tamén a aqueles a quen Xehová elixe para guiar o seu pobo hoxe en día (1 Tes. 5:12).
19. Por que poden ser moi útiles para nós as últimas palabras de Xacob?
19 As últimas palabras que dixo Xacob poden ser moi útiles para nós. Ver como se cumpriron fai que esteamos máis convencidos de que as outras profecías da Palabra de Xehová se farán realidade. E analizar as bendicións que recibiron os fillos de Xacob tamén nos axuda a entender mellor como facer feliz a Xehová.
CANCIÓN sjj 128 Aguantemos ata o fin
a Despois de bendicir a Rubén, Simeón, Leví e Xudá, dende o máis vello ó máis novo, Xacob non segue esta mesma orde para bendicir os demais.