ARTIGO DE ESTUDO 32
CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas
Como nos axuda Xehová a aguantar
“Pois Deus, de quen vén toda a gracia […] vos volverá firmes, fortes e vos dará estabilidade” (1 PED. 5:10).
OBXECTIVO
Ver as axudas que nos dá Xehová para aguantar e como podemos aproveitar cada unha de elas.
1. Por que necesitamos ter aguante, e que axuda temos? (1 Pedro 5:10).
NESTES últimos días tan difíciles, o pobo de Xehová necesita moito aguante. Algúns teñen enfermidades crónicas, outros teñen que facerlle fronte á perda dun ser querido e tamén hai irmáns que sofren oposición, xa sexa dos seus familiares ou do goberno (Mat. 10:18, 36, 37). Pero podes estar seguro de que, sen importar cal sexa o problema polo que ti esteas pasando, Xehová pode axudarche a aguantar (le 1 Pedro 5:10).
2. Que fai que sexamos capaces de aguantar?
2 O aguante é a habilidade de manterse firme, constante e non perder a esperanza ante obstáculos, persecución, dificultades ou tentacións. Esta habilidade non a conseguimos grazas ás nosas propias forzas, senón grazas a Xehová, quen nos dá “o poder que vai máis alá do normal” (2 Cor. 4:7). Neste artigo falaremos de catro axudas que Xehová nos dá para poder aguantar e tamén veremos como podemos aproveitar cada unha de elas.
A ORACIÓN
3. Por que podemos dicir que a oración é un milagre?
3 Xehová fixo algo incrible que pode axudarnos a aguantar. Fixo posible que poidamos comunicarnos con el aínda que sexamos pecadores (Heb. 4:16). Pénsao: podemos orarlle a Xehová en calquera momento e falarlle de calquera cousa. El pode entendernos sen importar o noso idioma ou onde esteamos, aínda que vivamos nun lugar apartado ou esteamos no cárcere (Xon. 2:2, 3 [2:1, 2, TNM]; Feit. 16:25, 26). Incluso se estamos tan angustiados que non sabemos que dicirlle, Xehová é capaz de saber como nos sentimos (Rom. 8:26, 27). A verdade é que poder orarlle a Xehová é un milagre!
4. Por que sabemos que se lle pedimos en oración a Xehová que nos axude a aguantar, el vaino facer?
4 Na súa Palabra, Xehová asegúranos “que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1 Xoán 5:14). Entón, podemos pedirlle a Xehová que nos axude a aguantar? Claro! A súa vontade é que sigamos aguantando. Por que o sabemos? Porque cando loitamos contra as dificultades dámoslle a Xehová unha resposta para quen o está desafiando, Satanás o Demo (Prov. 27:11). A maiores, a Biblia di que Xehová está desexando “fortalecer ós que lle son leais de corazón” (2 Crón. 16:9). Así que podemos estar seguros de que Xehová ten tanto o poder coma o desexo de axudarnos a aguantar (Is. 30:18; 41:10; Luc. 11:13).
5. Como nos axuda a oración a sentirnos en calma? (Isaías 26:3, TNM).
5 A Biblia di que cando lle oramos a Xehová sobre o que nos preocupa “a paz de Deus, que vai máis alá do que calquera ser humano pode entender, protexerá o [noso] corazón e a [nosa] mente por medio de Cristo Xesús” (Filip. 4:7). Pensa no que isto significa. A xente que non serve a Xehová tamén ten problemas. Moitos deles proban diferentes cousas para intentar esquecelos ou estar en calma. Por exemplo, algúns fan un tipo de meditación para deixar baleira a súa mente de todo pensamento, incluídos os que lles preocupan, pero iso pode ser perigoso espiritualmente (compara con Mateo 12:43-45). Ademais, a paz que Xehová nos dá cando lle oramos é moito mellor que a que se poida conseguir con ese tipo de meditación. Cando oramos demostrámoslle que confiamos totalmente nel e el dános “unha paz constante” (le Isaías 26:3, TNM). Unha maneira na que o fai é axudándonos a recordar verdades animadoras que aprendemos na súa Palabra. Estas verdades fannos sentir en calma ó recordarnos canto nos quere e canto desexa axudarnos (Sal. 62:2, 3 [62:1, 2, TNM]).
6. Como podes aproveitar ben as oracións? (Ver tamén a imaxe).
6 O que podes facer ti. Cando pases por un problema, “bota a túa carga sobre Xehová” e pídelle que che dea a súa paz (Sal. 55:22, TNM). Pídelle tamén sabedoría para saber que facer (Prov. 2:10, 11). E ademais non te esquezas de darlle as grazas nas túas oracións (Filip. 4:6). Intenta ver as maneiras nas que Xehová che axuda cada día a aguantar e agradécelle o seu apoio. Non permitas que os problemas che impidan ver as maneiras nas que Xehová xa te está bendicindo (Sal. 16:5, 6).
Cando oras, fálaslle a Xehová. Cando les a Biblia, Xehová fálache a ti (ver o parágrafo 6).b
A PALABRA DE DEUS
7. Como nos pode axudar a aguantar estudar a Biblia?
7 Xehová dános a súa Palabra para poder aguantar. Na Biblia hai moitos versículos que nos aseguran que Xehová nos axudará. Vexamos tan só un exemplo. Mateo 6:8 di: “O voso Pai xa sabe o que necesitades incluso antes de que llo pidades”. Xesús dixo estas palabras de Xehová, e el coñéceo mellor que ninguén. Así que non temos razóns para dubidar de se Xehová se interesa polas nosas necesidades cando pasamos por situacións difíciles. A Biblia está chea de fermosas promesas de Xehová que nos dan as forzas que necesitamos para aguantar estas situacións (Sal. 94:19).
8. a) Pon un exemplo dun principio bíblico que nos poida axudar a aguantar. b) Que pode axudarnos a recordar principios bíblicos cando os necesitemos?
8 Os principios da Biblia poden axudarnos a aguantar. Despois de todo, os seus consellos poden darnos a sabedoría que necesitamos para tomar boas decisións (Prov. 2:6, 7). Por exemplo, a Biblia anímanos a vivir día a día en vez de preocuparnos demasiado polo que poida pasar no futuro (Mat. 6:34). Se temos o costume de ler a Biblia e meditar nela tódolos días, seranos máis fácil recordar os principios adecuados cando os necesitemos.
9. Como fortalecen os relatos bíblicos a nosa confianza na axuda de Xehová?
9 Na Biblia tamén hai experiencias reais de persoas coma nós que confiaron en Xehová e recibiron a súa axuda (Heb. 11:32-34; Sant. 5:17). Cando meditamos no que viviron, fortalécese a nosa confianza en que Xehová “é para nós refuxio e forza, axuda certa na angustia” (Sal. 46:2 [46:1, TNM]). Ó aprender como se mantiveron fieis os servos de Xehová do pasado, sentímonos impulsados a imitar a súa fe e aguante (Sant. 5:10, 11).
10. Como podes aproveitar ben a Palabra de Deus?
10 O que podes facer ti. Le a Biblia tódolos días e anota os versículos que che parezan especialmente de axuda. Para moitos, o texto do día é unha boa maneira de empezar cun pensamento animador da Biblia. Isto foi o que lle axudou a unha irmá chamada Mariea cando lles diagnosticaron cáncer ós seus pais. Que lle axudou a aguantar e a coidalos durante os últimos meses? Ela conta: “Cada mañá lía un texto do Analicemos as Escrituras tódolos días e meditaba nel. Isto axudoume a encher a mente con pensamentos bíblicos. Así podía pensar en Xehová e nas marabillosas cousas que nos ensina na súa Palabra en vez de só nos meus problemas” (Sal. 61:3 [61:2, TNM]).
OS NOSOS IRMÁNS
11. Como nos fai sentir pensar en como os nosos irmáns están aguantando as súas probas?
11 Outra cousa que nos dá Xehová para poder aguantar é a nosa irmandade mundial. Simplemente saber que “toda a irmandade no mundo está pasando polos mesmos sufrimentos” ca nós, asegúranos que non estamos sós (1 Ped. 5:9). Isto significa que houbo irmáns que pasaron por problemas parecidos ós nosos e, aínda así, mantivéronse leais a Xehová. Así que nós tamén podemos aguantar! (Feit. 14:22).
12. Como nos poden axudar os nosos irmáns, e que podemos facer nós por eles? (2 Corintios1:3, 4).
12 Cando estamos aguantando unha situación difícil, os nosos irmáns poden animarnos coas súas palabras e accións. O apóstolo Paulo sabíao ben. Moitas veces, nas súas cartas, agradeceulles ós irmáns a axuda que lle deran cando estaba baixo arresto domiciliario e mencionounos por nome. Eles déranlle a Paulo consolo, ánimo e axuda práctica (Filip. 2:25, 29, 30; Col. 4:10, 11). Nos nosos días quizais vivamos algo parecido. Así que se necesitamos axuda para aguantar, os nosos irmáns están aí para apoiarnos, e se son eles os que necesitan axuda, poden contar con nós (le 2 Corintios 1:3, 4).
13. Que lle axudou a aguantar a unha irmá chamada Maya?
13 A unha irmá de Rusia chamada Maya animárona moito os irmáns. A policía rexistrou a súa casa en 2020 e despois levárona a xuízo por compartir a súa fe con outros. Ela conta: “Durante a época na que estaba moi cansada emocionalmente, os irmáns chamáronme e escribíronme para dicirme que me querían moito. [...] Sempre souben que tiña unha enorme familia moi cariñosa. Pero despois do que fixeron por min, estou máis convencida disto”.
14. Como podemos aproveitar a axuda que nos dean os irmáns para aguantar? (Ver tamén a imaxe).
14 O que podes facer ti. Mentres esteas pasando por unha situación difícil, é importante que fales cos irmáns e pases tempo con eles. Non dubides en pedirlles axuda ós anciáns, pois eles poden ser “como un refuxio contra o vento, un pendello para o temporal” (Is. 32:2). Recorda tamén que os teus irmáns teñen os seus propios problemas. Ter un xesto amable con alguén que o necesite axudarache a manter o equilibrio e a ser positivo ó aguantar a túa proba (Feit. 20:35).
Pasa tempo cos irmáns (ver o parágrafo 14).c
A NOSA ESPERANZA
15. Como axudou a esperanza a Xesús, e como nos axuda a nós? (Hebreos 12:2).
15 A esperanza que nos deu Xehová para o futuro é tan segura que nos axudará a aguantar ata o final (Rom. 15:13). Recorda como esta esperanza lle axudou a Xesús a aguantar no día máis difícil da súa vida na Terra (le Hebreos 12:2). El sabía que se se mantiña fiel contribuiría á vindicación do nome de Xehová. Ademais estaba desexando reunirse co seu Pai e servir cos seus irmáns unxidos no Reino celestial. De maneira parecida, a nosa esperanza de vivir para sempre no novo mundo de Deus axúdanos a aguantar calquera dificultade pola que pasemos no mundo de Satanás.
16. Como lle axudou a aguantar a esperanza a unha irmá, e que aprendes do que dixo?
16 Fíxate en como lle axudou ter esperanza a unha irmá chamada Alla. O seu marido foi arrestado e posto en prisión preventiva. Cando isto pasou ela dixo: “Orar sobre a nosa esperanza para o futuro e meditar nela axúdame a non desanimarme demasiado. Comprendo que este non é o final. Xehová conseguirá a vitoria, e nós tamén”.
17. Como podemos demostrar que agradecemos a esperanza que Deus nos deu? (Ver tamén a imaxe).
17 O que podes facer ti. Dedica tempo a pensar no marabilloso futuro que Xehová nos prometeu. Imaxínate a ti mesmo no novo mundo de Deus e as bendicións das que desfrutarás. Tódalas dificultades polas que esteas pasando agora pareceranche “momentáneas e pequenas” (2 Cor. 4:17). Ademais, fai todo o que poidas por compartir o que cres con outros. Imaxina o que debe ser para eles sufrir as dificultades do mundo de Satanás sen saber o propósito que ten Deus para o futuro. Quizais despertes o seu interese na nosa esperanza do Reino aínda que sexa cunha pequena conversación.
Dedica tempo a pensar no marabilloso futuro que Xehová nos prometeu (ver o parágrafo 17).d
18. Por que podemos confiar nas promesas de Xehová?
18 Despois de superar moitas situacións difíciles, Xob díxolle a Xehová: “Confeso que ti o podes todo e non hai designio que che sexa imposible” (Xob 42:2). El aprendeu que nada pode impedir que Xehová cumpra co seu propósito. Isto pode darnos forzas mentres seguimos aguantando. A modo de comparación, imaxina que unha muller enferma está desanimada porque varios doutores lle dixeron que non podían curala. Pero cando un médico de experiencia e de confianza identifica o problema e lle explica como tratará a súa enfermidade, ela séntese aliviada a pesar de que lle levará un tempo curar. Agora pode aguantar sabendo que ten unha boa esperanza, a de que vai mellorar. De maneira parecida, confiar na nosa esperanza de vivir no Paraíso axúdanos a aguantar.
19. Que temos que facer para aguantar?
19 Como vimos, Xehová axúdanos a aguantar nos momentos difíciles mediante a oración, a súa Palabra, os nosos irmáns e a nosa esperanza. Se aproveitamos ben todas estas axudas, Xehová coidará de nós durante tódalas dificultades que pasemos ata que chegue o día no que o mundo de Satanás e todo o seu sufrimento xa non exista (Filip. 4:13).
CANCIÓN sn 38 Podes contar con Xehová
a Neste artigo cambiáronse algúns nomes.
b DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán maior aguanta día tras día con fe.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán maior aguanta día tras día con fe.
d DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán maior aguanta día tras día con fe.