Xoves 11 de setembro
Dádelles, logo, probas do voso agarimo (2 Cor. 8:24).
Podemos demostrarlles amor ós irmáns facéndonos amigos deles e pasando tempo xuntos (2 Cor. 6:11-13). Moitos de nós servimos en congregacións onde hai irmáns con orixes e personalidades moi diferentes. Podemos fortalecer o noso amor por eles centrándonos nas súas boas calidades. Demostramos que amamos os nosos irmáns cando aprendemos a velos como os ve Xehová. O amor será imprescindible durante a gran tribulación. Como nos protexerá Xehová neses momentos? Fíxate no que lles dixo ós seus servos que deberían facer cando a antiga cidade de Babilonia fose atacada. El díxolles: “Ven, meu pobo, entra nas túas habitacións e pecha as portas detrás de ti, escóndete rapidamente un pouquiño ata que pase a ira” (Is. 26:20). Quizais teñamos que seguir estas mesmas instrucións durante a gran tribulación. w23.07 páxs. 6-7 pars. 14-16
Venres 12 de setembro
O mundo, na súa configuración actual, está a pasar (1 Cor. 7:31).
A nosa maneira de actuar debería demostrar que somos razoables. Para saber se é así, pregúntate: “Venme os demais como unha persoa razoable, tolerante e que sabe ceder? Ou máis ben pensan que son estrito, esixente e teimudo? Escoito as opinións dos demais e téñoas en conta, sempre que é apropiado?”. Canto máis razoables sexamos, máis estaremos imitando a Xehová e a Xesús. Ser razoable implica saber adaptarse cando as circunstancias cambian. Eses cambios poden traer dificultades polas que nunca pensamos que teriamos que pasar. Por exemplo, pode que de repente teñamos que enfrontarnos a un problema grave de saúde. Ou quizais, a situación económica e política da zona na que vivimos cambie dun día para outro e a nosa vida se complique (Ecl. 9:11, TNM). Outra situación que pode poñer a proba esta calidade é un cambio de asignación no noso servizo a Xehová. Poderemos adaptarnos ás novas circunstancias se seguimos estes catro pasos: 1) aceptar a realidade, 2) mirar cara ó futuro, 3) centrarse no positivo e 4) facer cousas por outros. w23.07 páxs. 21-22 pars. 7, 8
Sábado 13 de setembro
Daniel, es un home moi valioso (Dan. 10:11).
O profeta Daniel era só un rapaz cando os babilonios o colleron como prisioneiro e o levaron lonxe da súa casa en Xerusalén. Pero, aínda que era moi novo, deixou impresionados os oficiais babilonios. Eles viron que Daniel era “de bo parecer”, é dicir, tiña moi bo aspecto. Ademais viña dunha familia importante (1 Sam. 16:7). Por iso os babilonios decidiron instruílo para que servise no pazo real (Dan. 1:3, 4, 6). Xehová queríalle moito a Daniel polo tipo de persoa que escolleu ser. De feito, Daniel tiña só uns 20 anos cando Xehová falou ben del e o mencionou xunto con Noé e Xob, homes que serviron fielmente a Xehová por décadas e que se ganaron unha moi boa reputación ante el (Xén. 5:32; 6:9, 10; Xob 42:16, 17; Ezeq. 14:14). E Xehová seguiu querendo a Daniel durante toda a súa longa e sobresaliente vida (Dan. 10:19, TNM). w23.08 páx. 2 pars. 1, 2