ARTIGO DE ESTUDO 8
CANCIÓN sjj 123 Sexamos fieis e submisos á orde teocrática
Sigue sempre a guía de Xehová
“Eu son o Señor, [...] quen te fai camiñar polo camiño por onde debes ir” (IS. 48:17).
OBXECTIVO
Axudarnos a ver como dirixe Xehová o seu pobo hoxe en día e canto nos beneficia seguir a súa guía.
1. Por que necesitamos a guía de Xehová? Pon un exemplo.
IMAXINA que estás perdido no monte. Estás rodeado de ameazas: animais salvaxes, insectos perigosos, plantas velenosas e zonas polas que é difícil camiñar. Verdade que agradecerías contar cun guía de experiencia que soubese onde están os riscos e che axudase a evitalos? Este mundo tamén é coma un monte. Está cheo de perigos que poderían danar a nosa saúde espiritual. Pero temos o Guía perfecto, Xehová. El dinos por onde debemos ir para evitar os perigos e chegar ó noso destino, a vida eterna no novo mundo.
2. Como nos guía Xehová?
2 Como nos guía Xehová? Principalmente por medio da súa Palabra, a Biblia. Pero tamén se vale de seres humanos para guiarnos. Por exemplo, utiliza o “escravo fiel e prudente” para darnos alimento espiritual que nos axuda a tomar boas decisións (Mat. 24:45). Xehová tamén usa outros homes capacitados, como superintendentes de circuíto e anciáns de congregación, para darnos o ánimo e as instrucións que necesitamos ó enfrontarnos a momentos difíciles. Que agradecidos estamos de contar cunha guía tan confiable nestes tempos críticos antes do fin! Esta axúdanos a seguir tendo a aprobación de Xehová e a manternos no camiño que leva á vida.
3. Que imos analizar neste artigo?
3 Aínda así, poida que ás veces sexa un desafío seguir a guía de Xehová, sobre todo cando nos chega a través de homes imperfectos. Por que? Quizais as instrucións que nos dean non sexan o que queremos oír. Ou poida que nos pareza que as pautas que recibimos non teñen sentido e cheguemos á conclusión de que non poden vir de Deus. Pero é xusto neses momentos cando máis necesitamos confiar en que é el o que está dirixindo o seu pobo e en que obedecelo sempre é bo para nós. Para axudarnos a fortalecer a nosa confianza, neste artigo analizaremos 1) como guiou Xehová o seu pobo no pasado, 2) como o fai hoxe en día e 3) como nos beneficiamos se seguimos sempre a súa guía.
Tanto no pasado coma no presente, Xehová sempre usou representantes humanos para guiar o seu pobo (ver o parágrafo 2).
COMO GUIOU XEHOVÁ A NACIÓN DE ISRAEL
4, 5. Como mostrou Xehová que estaba usando a Moisés para guiar a Israel? (Ver tamén a imaxe).
4 Xehová nomeou a Moisés para sacar os israelitas de Exipto. E deulles probas visibles de que estaba usando este home para dirixilos. Por exemplo, fixo que os guiase unha columna de nube durante o día e unha de lume durante a noite (Éx. 13:21). Moisés seguiu a columna, que os levou a el e os demais israelitas ó Mar Vermello. Aínda así, o pobo entrou en pánico cando pensaba que estaba atrapado entre o mar e o exército exipcio que os perseguía. Creron que Moisés cometera un erro levándoos ata aquel lugar. Pero non era un erro. Fora Xehová mesmo quen usara a Moisés para dirixilos ata alí (Éx. 14:2). Despois, Deus salvounos de forma espectacular (Éx. 14:26-28).
Moisés seguiu a dirección da columna de nube para guiar o pobo de Deus a través do deserto (ver os parágrafos 4 e 5).
5 Nos seguintes 40 anos, Moisés continuou confiando en que Xehová utilizaba a columna de nube para guiar o seu pobo a través do deserto.a Durante un tempo, colocou a columna sobre a tenda de Moisés, onde todo Israel podía vela (Éx. 33:7, 9, 10). Deus faláballe a este home dende a columna, e despois el transmitíalle ó pobo o que Xehová lle dixera (Sal. 99:7). Desta maneira os israelitas podían ver con claridade que Deus estaba usando un representante humano para guialos.
Moisés e o seu sucesor, Xosué (ver os parágrafos 5 e 7).
6. Como responderon os israelitas á guía de Xehová? (Números 14:2, 10, 11).
6 Tristemente, a maioría dos israelitas rechazaron as probas evidentes de que Xehová lles falaba por medio de Moisés (le Números 14:2, 10, 11). Negáronse vez tras vez a recoñecer a función que desempeñaba este home. Como resultado, Xehová non permitiu que aquela xeración de israelitas entrase na Terra Prometida (Núm. 14:30).
7. Menciona algúns exemplos de persoas que seguiron a guía de Xehová (Números 14:24) (ver tamén a imaxe).
7 Pero algúns israelitas si que seguiron a guía de Xehová. Por exemplo, Deus dixo que Caleb o obedecera fielmente (le Números 14:24). Por iso o recompensou e incluso lle permitiu escoller en que zona da Terra Prometida quería vivir (Xos. 14:12-14). E a xeración de israelitas que ía entrar nesa terra tamén puxo un bo exemplo do que implica seguir a guía de Xehová. Cando se nomeou a Xosué para ser sucesor de Moisés, os israelitas “respectárono [...] tódolos días da súa vida” (Xos. 4:14). Como resultado, Deus bendiciunos e deulles a terra que lles prometera (Xos. 21:43, 44).
8. Explica como guiou Xehová o seu pobo durante o tempo dos reis (ver tamén a imaxe).
8 Anos máis tarde, Xehová nomeou xuíces para guiar o seu pobo. E despois, no tempo dos reis, escolleu profetas para facer o mesmo. Os reis fieis seguiron os consellos dos profetas. Por exemplo, o rei David aceptou con humildade a corrección que lle deu Natán (2 Sam. 12:7, 13; 1 Crón. 17:3, 4). O rei Ioxafat seguiu a guía de Iahziel e animou o pobo de Xudá a que confiase nos profetas de Deus (2 Crón. 20:14, 15, 20). E cando pasou por unha situación difícil, o rei Ezequías pediulle axuda a Isaías (Is. 37:1-6). Cada vez que os reis seguían a guía de Xehová, el bendicíaos e protexía a nación (2 Crón. 20:29, 30; 32:22). Era evidente que Xehová estaba utilizando os profetas para dirixir o seu pobo. Pero aínda así, a maioría dos israelitas, incluídos os reis, rechazaron estes representantes de Deus (Xer. 35:12-15).
O rei Ezequías e o profeta Isaías (ver o parágrafo 8).
COMO GUIOU XEHOVÁ OS PRIMEIROS CRISTIÁNS
9. A quen usou Xehová para guiar os cristiáns do primeiro século? (Ver tamén a imaxe).
9 Xehová formou a congregación cristiá no primeiro século da nosa era. E como a guiou? Nomeou a Xesús como Cabeza da congregación (Ef. 5:23). Pero Xesús non falaba directamente con cada discípulo para dicirlle o que tiña que facer. Máis ben, usou os apóstolos e os anciáns de Xerusalén para que dirixisen a obra (Feit. 15:1, 2). Tamén se nomearon anciáns para guiar as congregacións (1 Tes. 5:12; Tito 1:5).
Os apóstolos e os anciáns de Xerusalén (ver o parágrafo 9).
10. a) Como responderon a maioría dos cristiáns do primeiro século á guía que recibiron? (Feitos 15:30, 31) b) Por que algunhas persoas de tempos bíblicos non aceptaron os homes que Xehová escollera para guialos? (Mira o recadro “Por que rechazaron algúns unhas probas tan evidentes?”).
10 Como responderon os cristiáns do primeiro século? A maioría deles alegráronse polas instrucións que recibiron e estiveron dispostos a aplicalas. De feito, “puxéronse moi contentos polo ánimo” que se lles deu (le Feitos 15:30, 31). E como estivo guiando Xehová o seu pobo en tempos modernos?
COMO GUÍA XEHOVÁ O SEU POBO NA ACTUALIDADE
11. Pon un exemplo que demostre como guiou Xehová os seus representantes en tempos modernos.
11 Xehová segue guiando o seu pobo hoxe en día. Faino mediante a súa Palabra e o seu Fillo, que é Cabeza da congregación cristiá. Podemos ver as probas que demostran que Deus segue usando homes para representalo? Si. Analicemos, por exemplo, o que pasou despois do ano 1870. Charles Taze Russell e os seus compañeiros empezaron a entender que o ano 1914 sería moi importante, porque estaba relacionado co establecemento do Reino de Deus (Dan. 4:22, 23 [4:25, 26, TNM]). Chegaron a esta conclusión ó estudar as profecías da Biblia e confiar no seu cumprimento. Estaba Xehová guiando as súas investigacións? Sen dúbida! O que ocorreu en 1914 demostrou que o seu Reino xa empezara a gobernar. Ese ano comezou a Primeira Guerra Mundial seguida de pestes, terremotos e fame (Luc. 21:10, 11). É evidente que Xehová estaba usando aqueles cristiáns sinceros para axudarlle ó seu pobo.
12, 13. Que plans se fixeron durante a Segunda Guerra Mundial para aumentar a obra de predicar e ensinar?
12 Pensemos tamén no que sucedeu durante a Segunda Guerra Mundial. Ó investigar o que di Apocalipse 17:8, os irmáns responsables na sede central chegaron á conclusión de que despois da guerra non viría o Armaxedón. Máis ben, habería un período de paz relativa que daría a oportunidade de aumentar a predicación. Aínda que non parecía lóxico naquel momento, a organización de Xehová puxo en marcha a Escola Bíblica de Galaad da Watchtower para capacitar misioneiros co propósito de que se predicase e ensinase por toda a Terra.b Incluso se enviaron misioneiros a algúns lugares durante a guerra. Ademais, o escravo fiel estableceu o Curso para Ensinar a Biblia co obxectivo de preparar os publicadores para predicar e ensinar mellor.c Desta maneira, estábase capacitando ó pobo de Deus para todo o traballo que tiña por diante.
13 Ó mirar atrás, podemos ver como Xehová guiou os seus servos naqueles momentos tan difíciles. Despois da Segunda Guerra Mundial puidemos predicar con liberdade en moitos países. De feito, a obra expandiuse e agora predicamos por toda a Terra.
14. Por que podemos confiar na guía que vén da organización de Xehová e dos anciáns? (Apocalipse 2:1) (Ver tamén a imaxe).
14 Na actualidade, os membros do Consello Reitor seguen buscando a guía de Cristo. Esfórzanse para que as instrucións que lles dan ós irmáns estean en harmonía co punto de vista de Xehová e de Cristo. E para facerlles chegar esas instrucións ás congregacións usan os superintendentes de circuíto e os anciáns.d A Biblia di que Cristo sostén os anciáns nomeados na “súa dereita” (le Apocalipse 2:1). Claro, estes homes son imperfectos e cometen erros, igual que tamén se equivocaron Moisés, Xosué e os apóstolos (Núm. 20:12; Xos. 9:14, 15; Rom. 3:23). Aínda así, podemos ver claramente que Xesús está dirixindo tanto o escravo fiel como os anciáns nomeados, e seguirao facendo “tódolos días ata a parte final do sistema” (Mat. 28:20). Polo tanto, temos razóns máis que suficientes para confiar na guía que nos dá por medio destes irmáns nomeados para dirixirnos.
O Consello Reitor na actualidade (ver o parágrafo 14).
SEGUIR A GUÍA DE XEHOVÁ BENEFÍCIANOS
15, 16. Que podes aprender das experiencias daqueles que seguiron a guía de Xehová?
15 Se seguimos a guía de Xehová desfrutaremos de bendicións xa agora. Fíxate no exemplo de Andy e Robyn, un matrimonio que puxo en práctica o consello de levar unha vida sinxela (Mat. 6:22). Grazas a iso, puideron participar como voluntarios en proxectos de construción. Robyn di: “Houbo veces nas que tivemos que vivir en espazos moi reducidos nos que non había nin cociña. Tamén tiven que vender gran parte do meu equipo de fotografía, un hobby que me encantaba. Non foi fácil, incluso chorei cando o vendín. Pero igual que Sara, a muller de Abrahán, decidín mirar cara adiante e non cara atrás” (Heb. 11:15). Como se beneficiaron de vivir esta experiencia? Robyn conta: “Sentímonos moi felices porque sabemos que lle estamos dando a Xehová todo o que temos. Cando o meu marido e mais eu participamos en asignacións teocráticas, podemos imaxinarnos como será a vida no novo mundo”. Andy concorda con ela, e engade: “Sentímonos moi satisfeitos porque estamos dedicando todo o noso tempo e enerxías a favor do Reino”.
16 De que outras maneiras nos beneficia seguir a guía de Xehová? Despois de acabar o instituto, Marcia quería seguir o consello que lle deran de facerse pioneira (Mat. 6:33; Rom. 12:11). Ela di: “Ofrecéronme estudar gratis na universidade durante catro anos. Pero como eu quería darlle o mellor de min a Xehová, escollín facer unha formación profesional. Así podería aprender un oficio que me permitise ganar o necesario e manterme no servizo a tempo completo. Esta foi unha das mellores decisións que tomei na miña vida. Agora son moi feliz servindo como pioneira regular e, como teño un horario de traballo flexible, tamén podo colaborar como voluntaria en Betel e desfrutar doutros privilexios moi bonitos”.
17. Que outros beneficios obtemos se seguimos a guía de Xehová? (Isaías 48:17, 18).
17 A organización de Xehová dános consellos que nos protexen. Por exemplo, advírtenos do perigo de amar os cartos ou de facer cousas que nos poderían levar a saltarnos as normas de Deus. Cando seguimos a súa guía nestes asuntos, beneficiámonos moito. Mantemos limpa a nosa conciencia e evitamos moitos problemas (1 Tim. 6:9, 10). Como resultado, podemos servir a Xehová de todo corazón. Non hai nada que nos dea máis felicidade e paz ca iso (le Isaías 48:17, 18).
18. Por que estás decidido a seguir a guía de Xehová?
18 Non hai dúbida de que Xehová seguirá usando representantes humanos para guiarnos durante a gran tribulación e o Reinado de Mil Anos (Sal. 45:17 [45:16, TNM]). Seguiremos baixo a súa dirección incluso cando iso implique deixar a un lado as nosas preferencias persoais? Dependerá moito de como respondamos xa agora á guía que Deus nos está dando. Polo tanto, sigamos sempre as súas instrucións, incluíndo as que veñen por medio dos homes que el nomeou para coidar de nós (Is. 32:1, 2; Heb. 13:17). Podemos seguir o noso Guía, Xehová, con total confianza. Levaranos por un camiño que protexerá a nosa amizade con el e que nos conducirá ata o noso destino: a vida eterna no novo mundo!
QUE RESPONDERÍAS?
Como guiou Xehová a nación de Israel?
Como guiou Xehová os primeiros cristiáns?
Como nos beneficia seguir a guía de Xehová na actualidade?
CANCIÓN sn 48 Camiñamos a cotío con Xehová
a Xehová tamén nomeou un anxo que “ía diante das hostes de Israel”, guiando a nación ata a Terra Prometida. Está claro que este anxo era Miguel, é dicir, Xesús antes de que viñese á Terra como humano (Éx. 14:19; 32:34).
b Agora esta escola chámase Curso Bíblico de Galaad da Watchtower.
c Máis adiante, este curso coñeceuse como Escola para Ensinar a Biblia. Hoxe en día esta capacitación forma parte da nosa reunión de entre semana.
d Mira o recadro “El papel del Cuerpo Gobernante” de La Atalaya de febreiro de 2021, páxina 18 (dispoñible en español).