ARTIGO DE ESTUDO 28
CANCIÓN sjj 123 Sexamos fieis e submisos á orde teocrática
Sabes recoñecer a verdade?
“Estade, logo, en pé [...] co cinto da verdade” (EF. 6:14).
OBXECTIVO
Aprender a recoñecer a diferenza entre a verdade que nos ensinou Xehová e as mentiras que promoven Satanás e os nosos opositores.
1. Como te sentes ó coñecer a verdade?
OS SERVOS de Xehová amamos a verdade da súa Palabra. De feito, a nosa fe basease nela (Rom. 10:17). Estamos seguros de que Xehová estableceu a congregación cristiá como “columna e alicerce da verdade” (1 Tim. 3:15). Seguimos de boa gana a guía dos que nos dirixen porque nos explican a verdade da Biblia e nos dan instrucións que nos axudan a cumprir coa vontade de Deus (Heb. 13:17).
2. Segundo Santiago 5:19, que podería pasarnos incluso despois de coñecer a verdade?
2 Pero, incluso despois de aceptar a verdade e recoñecer que necesitamos a guía da organización de Xehová, poderiamos acabar indo por un mal camiño (le Santiago 5:19). A Satanás encantaríalle que perdésemos a confianza na Biblia e na dirección que recibimos da organización de Deus (Ef. 4:14).
3. Por que necesitamos apegarnos á verdade? (Efesios 6:13, 14).
3 Le Efesios 6:13, 14. Pronto o Demo usará a súa poderosa propaganda para enganar as nacións e facer que vaian en contra de Xehová (Apoc. 16:13, 14). Tamén podemos esperar que intensifique os seus esforzos por desviar os servos de Xehová (Apoc. 12:9). Por iso é tan importante que saibamos recoñecer as mentiras e que nos apeguemos á verdade (Rom. 6:17; 1 Ped. 1:22). Disto dependerá que sobrevivamos á gran tribulación!
4. Que veremos neste artigo?
4 Neste artigo veremos dúas cualidades que necesitamos para recoñecer a verdade da Biblia e aceptar a guía que nos dá a organización de Xehová. Despois veremos tres consellos que nos axudarán a seguir apegados á verdade.
CUALIDADES QUE NECESITAMOS PARA RECOÑECER A VERDADE
5. Como nos axuda o temor a Xehová a recoñecer a verdade?
5 O temor a Xehová. Se tememos a Xehová amarémolo tanto que nunca quereremos facer nada que o decepcione. Desexamos aprender a diferenza entre o que está ben e o que está mal, entre a verdade e a mentira, para poder conseguir a aprobación de Deus (Prov. 2:3-6; Heb. 5:14). Nunca debemos permitir que o temor ó home sexa máis forte que o noso amor por Xehová. Se o permitísemos estariamos facendo o que lles gusta ós humanos e, moitas veces, iso vai en contra do que Deus quere.
6. Como fixo o temor ó home que os dez xefes israelitas distorsionasen a verdade?
6 Temer máis ós homes que a Deus podería apartarnos da verdade. Pensa no exemplo dos doce xefes que espiaron a terra que Xehová lles prometera ós israelitas. Para dez deles, o temor ós cananeos era máis forte que o seu amor por Xehová. Por iso lles dixeron ós demais israelitas: “Non podemos subir contra ese pobo, pois é máis forte ca nós” (Núm. 13:27-31). Claro, dende un punto de vista humano era certo que os cananeos eran máis fortes que os israelitas. Pero os que pensaban que non serían capaces de conquistar estes inimigos non estaban tendo en conta a Xehová. Como aqueles dez espías non se centraron no que Deus quería que fixesen e non meditaron en como lles axudara no pasado, non se deron conta de que o poder dos cananeos non era nada en comparación coa enorme forza de Xehová. A diferenza daqueles espías sen fe, Xosué e Caleb querían ter a aprobación de Deus. Por iso lle dixeron ó pobo: “Se o Señor nos é propicio [ou está contento con nós], conduciranos a ese país e daránolo” (Núm. 14:6-9).
7. Que podemos facer para temer máis a Xehová? (Ver tamén a imaxe).
7 Para temer máis a Xehová temos que ter en conta a súa opinión en cada decisión que tomemos (Sal. 16:8). Cando leas a Biblia pregúntate: “Que faría eu se estivese nesa situación?”. Por exemplo, imaxínate escoitando o informe negativo que deron aqueles dez xefes. Creríalos e terías medo? Ou sería máis forte o teu amor por Xehová e o desexo de agradarlle? Toda aquela xeración de israelitas foi incapaz de recoñecer a verdade que Xosué e Caleb estaban dicindo. Como resultado, perderon a oportunidade de entrar na Terra Prometida (Núm. 14:10, 22, 23).
E ti, a quen crerías? (Ver o parágrafo 7).
8. Que cualidade debemos esforzarnos por ter, e por que?
8 A humildade. Xehová revélalles a verdade ós que son humildes (Mat. 11:25). De feito, tódolos servos de Xehová demostramos esta cualidade cando aceptamos que nos axudasen a aprender a verdade (Feit. 8:30, 31). Aínda así, debemos ter coidado de non volvernos orgullosos. Se nos pasase iso, poderiamos empezar a pensar que a nosa opinión é tan sabia coma os principios da Biblia e coma a guía que nos dá a organización de Xehová.
9. Como podemos manter a humildade?
9 Para seguir sendo humildes temos que recordar o pouquiña cousa que somos en comparación coa grandeza de Xehová (Sal. 8:4, 5 [8:3, 4, TNM]). Tamén podemos orarlle ó noso Pai celestial pedíndolle que nos axude a ser máis humildes e a deixarnos ensinar por outros. Xehová pode facer que valoremos máis o que aprendemos na Biblia e na súa organización que as nosas propias opinións. Cando leamos a Palabra de Deus busquemos probas que demostren que el ama os humildes e odia os orgullosos, os arrogantes e os soberbios. E esforcémonos especialmente por manter a humildade se recibimos un privilexio que nos dá certa autoridade ou nos fai destacar.
COMO PODEMOS APEGARNOS Á VERDADE
10. A quen usou Xehová para darlle guía e instrucións ó seu pobo?
10 Sigue confiando na guía que dá a organización de Xehová. Na época do antigo Israel, Xehová usou a Moisés e a Xosué para darlle instrucións ó seu pobo (Xos. 1:16, 17). Cando os israelitas recoñecían que estes homes eran representantes de Xehová, as cousas íanlles ben. Centos de anos máis tarde, cando se formou a congregación cristiá, os 12 apóstolos eran os que a dirixían (Feit. 8:14, 15). Tempo despois, este grupo tamén incluíu outros anciáns de Xerusalén. Ó seguir a guía destes irmáns fieis “as congregacións seguiron medrando cada vez máis e a súa fe foise facendo máis forte” (Feit. 16:4, 5). Na actualidade, tamén nos vai ben cando seguimos a guía da organización de Xehová. Pero, como se sentiría o noso Deus se rechazásemos a quen el escolleu para dirixirnos? Podemos saber a resposta analizando o que pasou cando os israelitas estaban de camiño á Terra Prometida.
11. Que lles pasou ós israelitas que se rebelaron contra Moisés? (Ver tamén a imaxe).
11 Durante a viaxe dos israelitas á Terra Prometida, algúns homes importantes de entre o pobo desafiaron a Moisés e cuestionaron a asignación que Xehová lle dera. Dixeron: “Toda a comunidade [non só Moisés] é santa, todos eles o son, e no medio deles está o Señor” (Núm. 16:1-3). Aínda que era certo que para Xehová “toda a comunidade” era santa, el escollera a Moisés para dirixila (Núm. 16:28). Cando os rebeldes criticaron este home en realidade estaban criticando a Deus. Non se centraron no que Xehová quería, senón nos seus propios intereses: conseguir máis poder e recoñecemento. Por iso Deus executou os líderes desta rebelión e a miles máis que os apoiaron (Núm. 16:30-35; 17:6, 14 [16:41, 49, TNM]). Hoxe en día tamén podemos estar seguros de que Xehová desaproba os que non respectan a guía da súa organización.
E ti, a quen apoiarías? (Ver o parágrafo 11).
12. Por que podemos seguir confiando na organización de Xehová?
12 Podemos seguir confiando na organización de Xehová. Cando está claro que hai que reaxustar como entendemos certa verdade da Biblia ou a forma na que a nosa obra está organizada, o Consello Reitor non dubida en facer os cambios necesarios (Prov. 4:18). Faino así porque o que máis lle importa é alegrar a Xehová. Tamén se esforza ó máximo por basear as súas decisións na Palabra de Deus, o modelo ó que tódolos seus servos debemos apegarnos.
13. Que é o modelo de “palabras saudables”, e que temos que facer con el?
13 “Mantén coma regra [ou modelo] as palabras saudables” (2 Tim. 1:13). Este modelo de “palabras saudables” son as ensinanzas que encontramos na Biblia (Xoán 17:17). Estas ensinanzas son a base de todo o que cremos, e a organización de Xehová ensinounos a apegarnos a elas. Mentres o fagamos estaremos protexidos espiritualmente.
14. Como se desviaron algúns cristiáns do modelo de “palabras saudables”?
14 Que podería pasar se nos desviásemos do modelo de “palabras saudables”? Vexamos un exemplo. Polo visto, no primeiro século circulou un rumor entre algúns cristiáns de que o día de Xehová xa chegara. É posible que houbese unha carta que aseguraba iso, supostamente escrita polo apóstolo Paulo. Algúns cristiáns en Tesalónica non comprobaron se era certo, simplemente creron o rumor e incluso o espallaron. Isto non lles pasaría se se parasen a pensar nas cousas que Paulo lles ensinara cando aínda estaba con eles (2 Tes. 2:1-5). Por iso o apóstolo aconselloulles que non cresen todo o que escoitasen. E para axudarlles a que isto non lles volvese a pasar, concluíu a súa Segunda Carta ós Tesalonicenses coas seguintes palabras: “O saúdo vai da miña propia man: Paulo. É contraseña en tódalas cartas. Así escribo” (2 Tes. 3:17).
15. Como podemos protexernos dos enganos? Pon un exemplo. (Ver tamén a imaxe).
15 Que aprendemos do que lles escribiu Paulo ós tesalonicenses? Que cando escoitamos unha historia que parece demasiado sorprendente ou que non coincide co que aprendemos na Biblia temos que usar o discernimento. Na antiga Unión Soviética, os nosos inimigos difundiron unha carta que supostamente viña da sede central. Nela animaban algúns irmáns a que formasen unha organización independente. A carta parecía auténtica, pero os irmáns fieis non se deixaron enganar. Déronse conta de que a mensaxe que contiña non estaba de acordo co que eles aprenderan. Hoxe en día, os nosos inimigos ás veces usan as novas tecnoloxías, como Internet e as redes sociais, para intentar confundirnos e dividirnos. En vez de deixarnos enganar facilmente, temos que protexernos analizando se o que lemos e escoitamos está de acordo coas verdades que aprendemos (2 Tes. 2:2; 1 Xoán 4:1).
Non te deixes enganar polas mentiras que parecen ser verdade (ver o parágrafo 15).a
16. Segundo Romanos 16:17, 18, que deberiamos facer se alguén se desvía da verdade?
16 Mantente unido ós que lle son leais a Xehová. Xehová quere que o adoremos de maneira unida. Isto conseguirémolo se nos apegamos á verdade. Os que difunden mentiras crean divisións dentro da congregación, por iso Xehová quere que nos manteñamos lonxe deles. Se non o fixésemos, poderían enganarnos e conseguir que deixemos a Xehová (le Romanos 16:17, 18).
17. Como nos beneficia recoñecer a verdade e apegarnos a ela?
17 Se recoñecemos a verdade e nos apegamos a ela, manterémonos cerca de Xehová e teremos unha fe forte (Ef. 4:15, 16). Desta maneira, non nos deixaremos enganar polas mentiras de Satanás e estaremos seguros baixo a protección de Xehová durante a gran tribulación. Así que, permanezamos firmes na verdade “e o Deus da paz irá [con nós]” (Filip. 4:8, 9).
CANCIÓN sn 32 Manteñámonos firmes e inabalables!
a DESCRICIÓN DA IMAXE.: Unha representación de cando, anos atrás, os nosos inimigos lles enviaron a irmáns da antiga Unión Soviética unha carta que parecía vir da sede central. Na actualidade poden usar Internet para difundir información enganosa sobre a organización de Xehová.