Xoves 30 de outubro
A onde queira que teñamos chegado, sigamos na mesma liña (Filip. 3:16).
Se non podes conseguir unha meta que non estaba ó teu alcance, Xehová non vai pensar que fracasaches (2 Cor. 8:12). Aproveita as complicacións para aprender. Párate a pensar no que xa conseguiches. A Biblia di que “Deus non é inxusto como para que lle esqueza o voso traballo” (Heb. 6:10). Así que tampouco o esquezas ti. Reflexiona no que xa conseguiches, como por exemplo, facerte amigo de Xehová, falarlles del a outros ou bautizarte. Igual que ata agora fuches progresando e alcanzando outras metas espirituais, podes seguir avanzando para conseguir o teu obxectivo actual. Coa axuda de Xehová podes alcanzar a túa meta. Mentres segues esforzándote por alcanzar a túa meta, acórdate de desfrutar ó ver como Xehová che vai axudando e te vai recompensando (2 Cor. 4:7). Se non te rendes, poderás recibir recompensas aínda máis grandes (Gál. 6:9). w23.05 páx. 31 pars. 16-18
Venres 31 de outubro
O propio Pai vos ama, pois vós amástesme a min, e crestes que eu saín de Deus (Xoán 16:27).
Xehová busca maneiras de demostrarlles ós seus servos que os ama e que está contento con eles. Na Biblia menciónanse dúas ocasións nas que lle dixo a Xesús que o quería e que tiña a súa aprobación (Mat. 3:17; 17:5). Gustaríache que Xehová che confirmase que tes o seu favor? É certo que na actualidade non podemos oír a Deus falándonos dende o ceo, pero podemos “escoitalo” a través das páxinas da Biblia, como por exemplo nos Evanxeos. Xesús imitaba á perfección a personalidade de seu Pai. Así que, cando lemos as cariñosas palabras de aprobación que Xesús lles dicía ós seus discípulos é coma se puidésemos “escoitar” a Xehová dicíndonolas a nós (Xoán 15:9, 15). Que pasemos por probas non significa que perdésemos a aprobación de Deus. Máis ben, estas situacións dannos a oportunidade de demostrarlle que o queremos moito e que confiamos nel (Sant. 1:12). w24.03 páx. 28 pars. 10, 11
Sábado 1 de novembro
Fixeches que saíse louvanza da boca dos nenos e dos meniños (Mat. 21:16).
Se tes fillos pequenos, axúdalles a preparar comentarios apropiados para a súa idade. Ás veces, nas reunións fálase de asuntos máis delicados, coma os problemas no matrimonio ou temas morais. Pero é probable que haxa un parágrafo ou dous nos que o neno si que poida comentar. Ademais, axúdalles a entender por que é probable que non lles dean comentario cada vez que levanten a man. Isto ensinaralles a non desanimarse cando escollan a outros en vez de a eles (1 Tim. 6:18). Todos podemos preparar comentarios que animen os nosos irmáns e que lle dean honra a Xehová (Prov. 25:11). Aínda que de vez en cando podemos comentar algunha experiencia persoal breve, debemos evitar falar demasiado de nós mesmos (Prov. 27:2; 2 Cor. 10:18). O que queremos é centrarnos en Xehová, na súa Palabra e no seu pobo como conxunto (Apoc. 4:11). w23.04 páxs. 24-25 pars. 17, 18