Domingo 27 de xullo
Capaz de animar e de censurar (Tito 1:9).
Para chegar a ser un cristián maduro, terás que aprender algunhas habilidades prácticas. Estas axudaranche a asumir responsabilidades na congregación, a ter un traballo para manterte a ti mesmo ou á túa familia e a ter unha boa relación cos demais. Por exemplo, aprende a ler e escribir ben. A Biblia di que o home feliz e que ten éxito dedica tempo cada día a ler a Palabra de Deus e meditar nela (Sal. 1:1-3). Ó facelo tódolos días chega a coñecer como ve Xehová as cousas. Isto axudaralle a pensar con claridade e poñer en práctica o que aprende (Prov. 1:3, 4). Os nosos irmáns e irmás precisan a axuda de homes que saben ensinar e dar consellos baseados na Biblia. Se sabes ler e escribir ben, poderás preparar discursos e comentarios que sexan instrutivos e fortalezan a fe dos demais. Tamén che será útil para tomar bos apuntes que che axudarán a seguir aumentando a túa propia fe e animar a outros. w23.12 páxs. 26-27 pars. 9-11
Luns 28 de xullo
O que está en vós é maior có que está no mundo (1 Xoán 4:4).
Cando sintas medo, medita no que Xehová fará no futuro cando Satanás xa non exista. Unha escenificación que houbo no programa do Congreso Rexional do ano 2014 mostrou un pai comentando coa súa familia como poderían ser os versículos de 2 Timoteo 3:1-5 se falasen da vida no Paraíso. Dirían algo como: “No novo mundo virán tempos moi felices. Porque a xente amará os demais, amará a verdade, será modesta, humilde, louvará a Deus, obedecerá os pais, será agradecida, leal, terá moito cariño polos seus familiares, estará disposta a chegar a acordos, falará sempre ben dos demais, terá autocontrol, será mansa, amará o bo, dirá sempre a verdade, será razoable, non será orgullosa, amará a Deus máis cós praceres e teralle verdadeira devoción. Xúntate con xente así”. Por que non falas coa túa familia e cos irmáns da congregación de como será a vida no novo mundo? w24.01 páx. 6 pars. 13, 14
Martes 29 de xullo
Tes a miña aprobación (Luc. 3:22).
Que animador é saber que Xehová aproba o seu pobo como conxunto! A Biblia di: “O Señor ama o seu pobo” (Sal. 149:4). Pero, ás veces, poderiamos estar desanimados e preguntarnos: “Estará Xehová contento comigo individualmente?”. Moitos servos de Deus de tempos bíblicos tamén tiveron que loitar contra sentimentos parecidos nalgún momento da súa vida (1 Sam. 1:6-10; Xob 29:2, 4; Sal. 51:13 [51:11, TNM]). A Biblia deixa claro que, aínda que somos humanos imperfectos, podemos conseguir a aprobación de Xehová. Como? Demostrando fe en Xesucristo e bautizándonos (Xoán 3:16). Ó facelo, mostramos publicamente que nos arrepentimos dos nosos pecados e que lle prometemos a Deus que cumpriremos a súa vontade (Feit. 2:38; 3:19). A Xehová agrádalle que deamos estes pasos para achegarnos máis a el. Se nos esforzamos ó máximo por cumprir coa nosa promesa de dedicación, compraceremos a Xehová e el consideraranos os seus amigos (Sal. 25:14). w24.03 páx. 26 pars. 1, 2