Luns 28 de xullo
O que está en vós é maior có que está no mundo (1 Xoán 4:4).
Cando sintas medo, medita no que Xehová fará no futuro cando Satanás xa non exista. Unha escenificación que houbo no programa do Congreso Rexional do ano 2014 mostrou un pai comentando coa súa familia como poderían ser os versículos de 2 Timoteo 3:1-5 se falasen da vida no Paraíso. Dirían algo como: “No novo mundo virán tempos moi felices. Porque a xente amará os demais, amará a verdade, será modesta, humilde, louvará a Deus, obedecerá os pais, será agradecida, leal, terá moito cariño polos seus familiares, estará disposta a chegar a acordos, falará sempre ben dos demais, terá autocontrol, será mansa, amará o bo, dirá sempre a verdade, será razoable, non será orgullosa, amará a Deus máis cós praceres e teralle verdadeira devoción. Xúntate con xente así”. Por que non falas coa túa familia e cos irmáns da congregación de como será a vida no novo mundo? w24.01 páx. 6 pars. 13, 14
Martes 29 de xullo
Tes a miña aprobación (Luc. 3:22).
Que animador é saber que Xehová aproba o seu pobo como conxunto! A Biblia di: “O Señor ama o seu pobo” (Sal. 149:4). Pero, ás veces, poderiamos estar desanimados e preguntarnos: “Estará Xehová contento comigo individualmente?”. Moitos servos de Deus de tempos bíblicos tamén tiveron que loitar contra sentimentos parecidos nalgún momento da súa vida (1 Sam. 1:6-10; Xob 29:2, 4; Sal. 51:13 [51:11, TNM]). A Biblia deixa claro que, aínda que somos humanos imperfectos, podemos conseguir a aprobación de Xehová. Como? Demostrando fe en Xesucristo e bautizándonos (Xoán 3:16). Ó facelo, mostramos publicamente que nos arrepentimos dos nosos pecados e que lle prometemos a Deus que cumpriremos a súa vontade (Feit. 2:38; 3:19). A Xehová agrádalle que deamos estes pasos para achegarnos máis a el. Se nos esforzamos ó máximo por cumprir coa nosa promesa de dedicación, compraceremos a Xehová e el consideraranos os seus amigos (Sal. 25:14). w24.03 páx. 26 pars. 1, 2
Mércores 30 de xullo
Non podemos deixar de falar das cousas que vimos e oímos (Feit. 4:20).
Podemos imitar os discípulos do primeiro século se seguimos predicando incluso cando as autoridades nos ordenan que deixemos de facelo. Nós tamén podemos estar convencidos de que Xehová nos axudará a cumprir co labor de predicar. Polo tanto, oremos para pedirlle que nos dea valor e sabedoría e para que nos axude a afrontar as dificultades. Moitos estamos pasando por problemas emocionais ou físicos, perdemos algún ser querido, temos unha situación familiar complicada, sufrimos persecución ou afrontamos algunha outra dificultade. E cousas como as pandemias e as guerras fixeron que moitos destes problemas se volvesen aínda máis difíciles de levar. Que nos pode axudar? Ábrelle o teu corazón a Xehová. Cóntalle a situación pola que estás pasando, igual que lla contarías a un bo amigo. Podes estar seguro de que Xehová che vai axudar (Sal. 37:3, 5). Orar con constancia axudaranos a aguantar as dificultades (Rom. 12:12). Xehová sabe polo que están pasando os seus servos, el “escoita o seu pranto” (Sal. 145:18, 19). w23.05 páxs. 5-6 pars. 12-15