ARTIGO DE ESTUDO 30
Unha antiga profecía moi importante para ti
“Poño hostilidade entre ti e a muller” (XÉN. 3:15).
CANCIÓN sn 109 Alabemos o Primoxénito de Xehová!
AVANCEa
1. Que fixo Xehová pouco despois de que Adam e Eva pecasen? (Xénese 3:15).
POUCO despois de que Adam e Eva pecasen, Xehová deulles esperanza ós seus descendentes mediante unha importante profecía. O que dixo está escrito en Xénese 3:15 (leo).
2. Por que é tan importante esta profecía?
2 A profecía aparece no primeiro libro da Biblia, pero tódolos outros libros da Palabra de Deus se relacionan con ela dunha maneira ou doutra. Igual que o lombo dun libro une tódalas súas páxinas, as palabras escritas en Xénese 3:15 unen o contido de cada libro da Biblia nunha única mensaxe: Deus enviaría un Salvador para destruír o Demo e tódolos seus seguidores malvados.b Que marabilloso será iso para os que aman a Xehová!
3. Que preguntas imos contestar neste artigo?
3 Neste artigo imos contestar as seguintes preguntas sobre a profecía de Xénese 3:15: Quen son os personaxes que se mencionan? Como se cumpriu esta profecía? Como nos beneficia?
QUEN SON OS PERSONAXES DESTA PROFECÍA?
4. Quen é a “serpe”, e como o sabemos?
4 Os personaxes que aparecen no relato de Xénese 3:14, 15 inclúen unha “serpe”, a “liñaxe” ou descendencia da serpe, unha “muller” e a “liñaxe” ou descendencia da muller. A Biblia axúdanos a identificar cada un deles.c Imos comezar coa “serpe”. Unha serpe real non podería entender o que Xehová dixo no xardín de Edén. Por iso, a sentenza de Xehová ten que referirse a unha criatura intelixente. A quen? Apocalipse 12:9 déixao moi claro. Alí identifícase claramente a “serpe antiga” como Satanás, o Demo. Pero, quen é a descendencia da serpe?
A SERPE
Satanás, o Demo, identificado en Apocalipse 12:9 como a “serpe antiga” (ver o parágrafo 4).
5. Quen é a descendencia da serpe?
5 Cando a Biblia fala de descendencia en sentido figurado, refírese ós que pensan e actúan igual que o seu pai simbólico. Así que a descendencia da serpe está composta por criaturas espirituais e seres humanos que, igual que Satanás, se opoñen a Xehová e ó Seu pobo. Isto inclúe os anxos que abandonaron o seu lugar no ceo nos días de Noé, e tamén as persoas malvadas que se comportan como o seu pai, o Demo (Xén. 6:1, 2; Xn. 8:44; 1 Xn. 5:19; Xds. 6).
A DESCENDENCIA DA SERPE
As criaturas espirituais malvadas e os seres humanos que se opoñen a Xehová e ó seu pobo (ver o parágrafo 5).
6. Por que non puido ser Eva a “muller”?
6 Agora imos identificar a “muller”. Non puido ser Eva. Por que? Pensa só nunha das razóns. A profecía di que a descendencia da muller esmagaría a cabeza da serpe. Como xa vimos, a serpe é Satanás, unha criatura espiritual. Así que ningún ser humano imperfecto que fose descendente de Eva sería capaz de esmagalo. Faría falta algo máis.
7. Segundo Apocalipse 12:1, 2, 5, 10, quen é a muller que se menciona en Xénese 3:15?
7 O último libro da Biblia dinos quen é a muller que se menciona en Xénese 3:15 (le Apocalipse 12:1, 2, 5, 10). Esta non é unha muller común. Dela dise que ten a lúa baixo os seus pés e unha coroa de 12 estrelas na cabeza. Ademais, dá a luz un neno moi especial: o Reino de Deus. Este Reino está no ceo, así que a muller tamén ten que estar no ceo. Esta muller representa a parte celestial da organización de Xehová, formada polos Seus anxos fieis (Gál. 4:26).
A MULLER
A parte celestial da organización de Xehová formada por criaturas espirituais fieis (ver o parágrafo 7).
8. a) Quen é a parte principal da descendencia da muller? b) Cando se converteu na parte principal desta descendencia? (Xén. 22:15-18).
8 A Palabra de Deus axúdanos a identificar a parte principal da descendencia da muller. A Biblia di que sería un dos descendentes de Abraham (le Xénese 22:15-18). Tal como predixo a profecía, Xesús foi un descendente directo deste fiel patriarca (Lc. 3:23, 34). Pero esta descendencia tería que ser máis poderosa ca un humano porque tiña que acabar con Satanás. Así que, cando Xesús tiña uns 30 anos foi unxido con espírito santo, converténdose así na parte principal da descendencia da muller (Gál. 3:16). Despois de que Xesús morrese e resucitase, Deus coroouno “de gloria e dignidade”, e deulle “todo poder no ceo e mais na terra”, incluída a autoridade para “acabar coas obras do demo” (Heb. 2:7; Mt. 28:18; 1 Xn. 3:8).
A DESCENDENCIA DA MULLER
Xesucristo e os 144.000 unxidos que gobernarán con el (ver os parágrafos 8 e 9).
9, 10. a) Quen máis forma parte da descendencia da muller, e cando chegaron a formar parte desta descendencia? b) Que imos ver agora?
9 Pero, ademais de Xesús, outros tamén formarían parte desta descendencia. O apóstolo Paulo identificounos cando lles escribiu ós xudeus e xentís que foran unxidos como cristiáns. Díxolles: “Pola vosa condición de cristiáns, sóde-la ‘descendencia’ de Abraham, herdeiros conforme a promesa” (Gál. 3:28, 29). Cando Xehová unxe un cristián con espírito santo, esta persoa convértese en parte da descendencia da muller. Así que esta descendencia está formada por Xesucristo e os 144.000 que gobernarán con el (Ap. 14:1). Todos eles esfórzanse por pensar e actuar coma seu Pai, Xehová.
10 Agora que xa identificamos os personaxes de Xénese 3:15, imos ver que fixo xa Xehová para cumprir esta profecía e como nos axuda a nós hoxe en día.
COMO SE CUMPRIU ESTA PROFECÍA?
11. Que significa que a serpe ferise a descendencia da muller no talón?
11 De acordo coa profecía de Xénese 3:15, a serpe feriría a descendencia da muller no “calcañar” ou talón. Isto cumpriuse cando Satanás fixo que os xudeus e os romanos matasen o Fillo de Deus (Lc. 23:13, 20-24). Unha ferida no talón pode facer que unha persoa non poida camiñar durante un tempo. Do mesmo xeito, Xesús non puido facer nada mentres estivo morto durante case tres días (Mt. 16:21).
12. Como e cando se esmagará a cabeza da serpe?
12 Para que a profecía de Xénese 3:15 se cumprise, Xesús non podería seguir estando morto. Por que dicimos isto? Porque, segundo a profecía, a descendencia da muller esmagaría a cabeza da serpe. Isto significa que Xesús tería que recuperarse da súa ferida no talón, é dicir, tería que resucitar. E así foi! Ó terceiro día despois de morrer, Xesús resucitou como unha criatura espiritual e inmortal. Cando chegue o momento que Deus escolleu, Xesús eliminará a Satanás (Heb. 2:14). Cristo e os que gobernen con el destruirán a tódolos inimigos de Deus, é dicir, a descendencia da serpe (Ap. 17:14; 20:4, 10).d
COMO NOS BENEFICIA ESTA PROFECÍA?
13. Como nos beneficia o cumprimento desta profecía?
13 Se es un servo de Deus, xa estás a beneficiarte do cumprimento desta profecía. Xesús veu á Terra como un home e imitou perfectamente a personalidade do seu Pai (Xn. 14:9). Así que aprender acerca de Xesús fai que coñezamos e amemos a Xehová. Tamén aprendemos das ensinanzas de Xesús e de como guía na actualidade a congregación cristiá. El ensinounos a vivir da maneira que lle agrada a Xehová. Ademais, todos nos beneficiamos da ferida no talón de Xesús, é dicir, da súa morte. Por que? Porque cando Xehová o resucitou, aceptou o seu sacrificio perfecto para limparnos de tódolos pecados (1 Xn. 1:7).
14. Por que sabemos que a profecía que se deu en Edén non se cumpriu naquel momento?
14 O que Xehová dixo na profecía que deu en Edén mostrou que non se cumpriría naquel momento. Tería que pasar algún tempo para que a muller tivese a descendencia prometida, para que o Demo xuntase os seus seguidores, e para que aumentase a hostilidade, ou odio, entre os dous grupos e chegasen a ser inimigos. Entender esta profecía benefícianos porque nos avisa de que este mundo controlado por Satanás odiaría os servos de Xehová. Máis tarde, Xesús deulles ós seus seguidores unha advertencia parecida (Mc. 13:13; Xn. 17:14). Non temos ningunha dúbida de que esta parte da profecía xa se está cumprindo, sobre todo durante os últimos 100 anos. Por que o dicimos?
15. a) Por que o mundo nos odia máis que nunca? b) Por que non temos que terlle medo a Satanás?
15 Pouco despois de que Xesús comezase a reinar en 1914, Satanás foi botado á Terra e dende entón non se lle permite volver ó ceo. Agora está esperando a ser destruído (Ap. 12:9-12). Pero non está sen facer nada. Anda desesperado e furioso, e ataca con rabia o pobo de Deus (Ap. 12:13, 17). Por iso o mundo de Satanás nos odia máis que nunca. Pero non temos que terlle medo ó Demo e ós seus seguidores. Máis ben, estamos tan convencidos como o apóstolo Paulo, que escribiu: “Se Deus está connosco, ¿quen contra nós?” (Rm. 8:31). Podemos confiar plenamente en Xehová porque, como vimos, a maior parte da profecía de Xénese 3:15 xa se cumpriu.
16-18. Como beneficiou a Curtis, Úrsula e Jessica entender a profecía de Xénese 3:15?
16 A promesa de Xehová de Xénese 3:15 pode axudarnos a afrontar calquera dificultade que nos veña. Curtis, que serve como misioneiro en Guam, comenta: “Houbo momentos nos que pasei por probas e decepcións que me fixeron difícil manterme leal a Xehová. Pero meditar na profecía de Xénese 3:15 axudoume a seguir confiando no meu Pai celestial”. Curtis está desexando que chegue o día no que Xehová acabe con tódolos nosos problemas.
17 Úrsula, unha irmá dunha zona de Alemaña, di que entender Xénese 3:15 axudoulle a estar convencida de que a Biblia está inspirada por Deus. Puido ver como se relacionan con esta tódalas outras profecías, e isto sorprendeuna moito. Tamén dixo: “Chegoume ó corazón aprender como Xehová actuou inmediatamente para que a humanidade non quedase sen esperanza”.
18 Jessica, unha irmá de Micronesia, conta: “Aínda recordo como me sentín cando me dei conta de que atopara a verdade. Aprender que a profecía de Xénese 3:15 se estaba cumprindo, axudoume a ver que esta vida chea de problemas non é o que Xehová quería para nós. Esta profecía tamén fortaleceu a miña fe en que, se sirvo a Xehová, terei a mellor vida posible agora e unha aínda mellor no futuro”.
19. Por que podemos estar seguros de que se cumprirá a última parte da profecía?
19 Como vimos, a profecía de Xénese 3:15 estase cumprindo. A descendencia da muller e a da serpe están claramente identificadas. Xesús, a parte principal da descendencia da muller, xa se recuperou da súa ferida no talón, e agora é un Rei poderoso e inmortal. Ademais, Xehová xa escolleu a case tódolos que gobernarán co seu Fillo no ceo. Como a primeira parte da profecía xa se cumpriu, podemos estar convencidos de que a parte final tamén se cumprirá e de que se esmagará a cabeza da serpe. Que felices estaremos os servos de Deus cando Xehová acabe con Satanás! Mentres non chegue ese momento, non nos rendamos. Podemos confiar no noso Deus. Mediante a descendencia da muller, Xehová traerá moitísimas bendicións a “tódolos pobos da terra” (Xén. 22:18).
CANCIÓN sn 30 Comeza o goberno de Xehová
a Para entender ben a mensaxe da Biblia é necesario comprender a profecía que aparece en Xénese 3:15. Estudar esta profecía fortalecerá a nosa fe en Xehová e fará que confiemos aínda máis en que el cumprirá tódalas súas promesas.
b Mira o Apéndice B1, “El mensaje de la Biblia”, na Traducción del Nuevo Mundo (dispoñible en español).
c Mira o recadro “Os personaxes de Xénese 3:14, 15”.
d Mira o recadro “Algúns sucesos importantes no cumprimento de Xénese 3:15”.